8
 
 

Nos medios de comunicación, nos libros do colexio, na rúa… adóitanse ver e oír comentarios sobre os problemas de contaminación en todas partes. O que máis se oe é como falan do problema do burato da capa de ozono e das súas consecuencias; da contaminación das fábricas en moitos países; da tala excesiva das árbores e a destrución de medios naturais como o Amazonas; do lixo que pouco a pouco se acumula e acabará por deixarnos sen sitio para vivir, etc…
A xente fala moito, pero poucos dan solucións para arranxar eses problemas e son menos os que levan a cabo esas solucións.
Pero ademais diso, hai problemas algo máis pequenos, mais tamén importantes, dos que poucas persoas se dan conta ou será que os demais non queren darse conta. Son, por exemplo, problemas que nos afectan aos cidadáns deste concello.

Moitas veces a cobiza, tan humana, provoca que as ansias de enriquecemento inmediato leven a calquera persoa, dende as grandes empresas ata os máis humildes labregos, a maltratar a natureza na procura dun beneficio inmediato, sen pensar nos enormes prexuízos que se causan a longo prazo en calquera lugar das nosas aldeas e mesmo no noso propio corpo, como veremos a continuación.


OS MONTES


“Un dos problemas do medio ambiente nos últimos anos foi a concentración parcelaria e voume referir máis concretamente á concentración parcelaria de Camanzo. Pero non toda a culpa foi da parcelaria, senón da xente desta parroquia.
Ao repartir as leiras e os montes houbo persoas ás que lles tocaron leiras distintas das súas. Pero antes de entregar as leiras e montes, a xente cortou as árbores que tiñan para vendelas e para que os novos propietarios non puideran beneficiarse delas.
O resultado de todo isto foi que agora os montes están todos pelados e dá pena mirar para eles. Ademais, cos traballos de acondicionamento das terras para achairalas, tamén destruíron montes e leiras aos que lles levará moito volver estar coma antes.
Souto era un dos lugares máis bonitos de Camanzo e, como o seu nome indica, estaba cheo de árbores, sobre todo carballos e castiñeiros; había moita vexetación e por el cruza o río Deza. Poderíase dicir que era un lugar case paradisíaco. Os seus camiños eran preciosos e era moi bonito pasear por eles. Cando asfaltaron eses camiños cambiou moito, pero aínda mudou máis cando chegou a parcelaria. Se se mira Souto, o que máis abunda agora son leiras, montes nos que só hai fentos e algún toxo e uns poucos montes con piñeiros que se salvaron de ser talados. Hoxe en día pódense contar os carballos, dificilmente pasará dos vinte, e contar os castiñeiros, haberá pouco máis de cinco. Hai piñeiros, pero non é o mesmo.
Definitivamente, este non é o lugar que era antes e nunca volverá selo”. (Silvia Varela)


Un carballo centenario eliminado en terras do Deza


VERTIDOS INCONTROLADOS DE LIXO
NOS MONTES



Como se pode apreciar no mapa que elaboramos, son numerosos e atópanse diseminados por todas as parroquias. A pesar da disposición de colectores, aínda que poucos, moita xente segue a tirar calquera lixo molesto das súas casas: mobiliario e electrodomésticos vellos, envases e bolsas de plástico, entullo e calquera outra cousa que poidamos pensar.


INCENDIOS


O seu número aumentou nos últimos anos a medida que foi aumentando a plantación de eucaliptos, dado que é máis doado provocar lumes e que se estenden con gran rapidez nestes montes ca naqueles poucos onde segue a haber vexetación autóctona.
Case todos eles son provocados e mesmo moitos incendios hai quen os relaciona coa construción de parques eólicos:

“Por exemplo, esta Semana Santa, concretamente o sábado, ardeu o monte todo polas aldeas próximas a onde eu vivo (San Tomé de Obra) e a xente di que foi intencionado, porque se produciu ás catro da mañá. E tamén se di que foi algún dos que queren comprar esas terras para facer un parque eólico e, así, comprar esas terras moito máis baratas do que custaban”.
(Alejandra Gago)

 

AS AUGAS


Dous son os grandes problemas que temos identificados neste eido da contaminación das augas, que son o dos lixos e augas residuais e o dos encoros.
Comezando polos encoros, existe un de grandes dimensións construído no Ulla hai xa tempo, o de Portodemouros; pero na actualidade quérense construír máis encoros, de tamaño menor e que coñecemos como minicentrais de enerxía hidroeléctrica, que aos veciños das Cruces nos causan un gran dano medioambiental e moi poucos beneficios:

“A paisaxe da miña aldea era un bosque repleto de todo tipo de árbores e especies vexetais e animais, tamén se practicaban actividades coma a caza, a pesca ou o piragüismo.
Fenosa deu a mala noticia de que decidiron facer unha serie de encoros, un deles afecta xusto á miña aldea.
A construción deste encoro vai supor un cambio na imaxe da paisaxe, empezábase pola tala das árbores, moitas delas centenarias. Sen estas árbores, a erosión vaise notar máis, os montes quedan despoboados e as choivas arrastran todo cara ao encoro.
Vanse producir moitos accesos cara a el, que prexudican, só para empezar, os refuxios de caza. Por outro lado, nas augas estancadas do encoro existen peixes de diverso tipo e a pesca fluvial non é coma nas augas correntes.
Xa tiñamos outro encoro e, cando abrían as comportas, a cantidade da auga que saía facía aumentar bruscamente o caudal do río, o que vai erosionando as súas ribeiras e, pouco a pouco, o río vai acabando co que atopa ao seu paso.
A construción dun encoro empobrece a riqueza paisaxística, segundo os veciños non os favorece nada porque esa corrente que xera vai ser para exportar, por exemplo, a Portugal.
Este encoro vainos prexudicar a todos porque cría néboas e logo estas ascenden e ocasionan que as colleitas se deterioren.
Outro efecto sobre a paisaxe é que a corrente eléctrica non pode ser almacenada e o seu transporte efectúase mediante liñas de tendido aéreo ou cables subterráneos. Por onde atravesan estes cables fica todo despoboado, non se poden plantar árbores e prexudícase á saúde coas súas radiacións”.
(Miriam Chacón)

Non hai xa case ningún río nin regueiro que na actualidade estea libre de lixos nin de refugallos. Un exemplo moi próximo a nós son as Illas de Gres, que teñen como principal problema que os visitantes ou as xentes dos arredores tiran refugallos ou mesmo a xente do lugar, que tira a auga fervendo dos restos da cocción do polbo. Tamén, na Carixa, hai unha fábrica que tira os residuos industriais da elaboración dos seus produtos ao leito do río, que transporta eses refugallos a área onde se atopan os bañistas, o que fai diminuír notablemente o turismo e destrúe os ecosistemas naturais e o hábitat natural onde se desenvolve a vida animal e vexetal.


Construción dunha minicentral preto de Salgueiros


A SAÚDE E O BENESTAR HUMANOS


“Vou falar da zona na que vivo eu, que é unha aldea chamada Noceda de Abaixo, que pertence ao concello de Lalín.
Ata hai tres anos a zona, situada nun val, tiña un clima moi suave, cuns invernos máis temperados que as terras máis altas dos arredores e cuns veráns máis suaves: por exemplo, cando eu saía da casa no inverno non precisaba abrigarme tanto como cando chegaba ás Cruces e tampouco pasaba tanta calor no verán.
Como consecuencia dese microclima era un pequeno verxel e así antes, ao igual ca nas zonas temperadas das Cruces coma Merza, tiñamos produtos da horta, todo tipo de legumes, hortalizas e froitas polo menos un mes antes que nas zonas lindeiras.
Tiñamos como característica que case nunca paraban as néboas, porque a pesar de pasar por alí o río Deza, como está a un nivel moito máis baixo, non sufriamos as súas consecuencias nin as das tronadas.
Pero todo iso mudou hai tres anos cando por un estremo da nosa aldea abriron o trazado da autoestrada Santiago- Ourense, e decidiron que no fondo da aldea a autoestrada pasara por un terraplén de máis de 50 metros, o que fixo que teñamos uns invernos igual de tépedos pero con moita néboa e uns veráns moitísimo máis calorosos e tamén con néboas, así como un aumento notábel das tronadas. Como consecuencia, a maioría das hortalizas e froitas non se dan ou aparecen moi danadas polas néboas e, ao mesmo tempo, como consecuencia deses veráns moito máis quentes, os pastos que antes estaban verdes case todo o ano agora aparecen verdes moito menos tempo.
A autoestrada tamén nos afectou aos mananciais e augas subterráneas, desaparecendo moitos deles, e tamén destruíu as carballeiras máis grandes, algunhas delas con carballos centenarios, coa diminución que iso representou nas choivas. Como iso lles debeu parecer pouco aos responsábeis políticos, decidiron tamén que posto que a autoestrada pasa polo fondo da aldea, que o proxecto do AVE de próxima construción entre Santiago e Ourense pase un pouco máis lonxe da aldea a base de túneles e gabias, que acabarán definitivamente por deixarnos sen mananciais nin augas subterráneas, por non falar do difícil que vai ser ir ás casas duns veciños ás dos outros. Á parte, tamén decidiron que sobraban moitas desas casas e había que tirar nove ou dez.
E como o estrago xa estaba feito e os veciños xa estaban afeitos ás néboas e ás consecuencias do pequeno “cambio climático”, pensaron tamén que o río Deza na nosa zona era o sitio ideal para pór unha minicentral eléctrica, e nesas estamos”. (Estefanía Rodríguez)



Imaxe da erosión producida nun terreo recentemente queimado (Lalín)

Así como hai vías de comunicación para os seres humanos, como son as estradas ou as vías ferroviarias, tamén hai tendidos para transportar a electricidade, que non será consumida polos habitantes da zona pero que si sofren os efectos do seu paso a carón de núcleos de poboación:


“Na miña aldea hai un problema de contaminación que afecta ao medio ambiente. Ese problema é unha liña de alta tensión, chamada Redesa e que leva nada menos que 400.000 voltios.
Este problema leva afectando a miña aldea dende 1997. Causa enfermidades e ten efectos sobre aparatos magnéticos. Moita xente non pode pasar por debaixo da liña xa que fai que lle doa a cabeza, que lle pare o marcapasos e ata pode producir cancro. Sobre os aparatos magnéticos ten un efecto que fixo que ao pasar preto da liña a alguén se lle borraron todos os datos.
Este ano houbo reunións porque dicían que a ían sacar, pero o único que fixeron foi pór máis cables polo lado que aínda non había, é dicir, antes só había cables por un lado das torres e agora están polos dous, o que vén sendo peor”. (Pablo Fernández)



A FAUNA E A FLORA


Aos animais e ás plantas tamén lles afectan estes cambios no ecosistema. Na fauna, por exemplo, os peixes vense afectados pola pesca furtiva e a contaminación dos ríos por diferentes causas; os paxaros, afectados pola tala de árbores que dana o seu hábitat natural, polos incendios… A flora, pola tala de árbores incontrolada e a repoboación con especies de fauna alóctona.
En conclusión: levados pola cobiza, estamos deteriorando a paso axigantado o noso medio ambiente. Aínda que vos pareza un masacre todo o que mencionamos, só e unha pequena parte de todos os problemas medioambientais que nos están afectando e que, nun futuro, nos poden provocar graves problemas, a nós e as xeracións que nos suceden, deixándoos sen montes nin ríos… sen natureza para gozar. Seguide pensando nos vosos cartos e deixade que o resto das especies se extingan, total só importas ti. Acabaredes vivindo nun mundo cheo de lixo, sen auga potable que beber nin aire limpo que respirar e dicíndolles aos vosos fillos que algún día iso non era así e preguntándovos por que non lle puxestes remedio a estes problemas cando puidestes.

 

Os autores agradecen a colaboración de moitos dos seus compañeiros de todas as aulas de 3º de ESO a través dos traballos que confeccionaron sobre a problemática medioambiental no concello para a materia de Ciencias Sociais e dos que se extraen citas literais.

Texto e imaxes: Estefanía Rodríguez, Miryam Chacón, Xoán Miguel Devesa, Silvia Varela, 3º ESO