O Faro de Alexandría estaba, como é lóxico, en Alexandría, cidade fondada por un tal Alexandre Magno cando arrebatou Exipto das mans dos persas.
Para variar un pouco, esta marabilla non vai ser un templo, unha estatua ou unha tumba, senón unha torre. Para guiar os numerosos barcos que acudían constantemente a Alexandría, o rei Ptolomeo decidiu construír unha torre que identificase o lugar da cidade dende moi lonxe (estes sempre querendo destacar). Para iso escolleron a pequena illa de Faros. Tan importante foi esta marabilla que hoxe en día utilízase o nome da illa para denominar as torres luminosas que guían os barcos. Cando rematou a construción, a torre medía máis de 120 metros – debían pensar que con algo menos de altura igual non se vía ben. Na súa cima había espellos metálicos para sinalar a posición reflectindo a luz do sol; polas noites, debido á falta de luz, acendíase una fogueira. Esta marabilla tivo unha longa vida: durou uns 1600 anos, ata que os terremotos a derrubaron.
|
|