páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
 
MITOLOXÍA
 
PÉLOPE (II)
 
Había, pois, unha cidade chamada Pisa (non debe confundirse coa italiana da famosa torre) e nela un rei de nome Enómao que, co permiso de Tántalo, é o malo da nosa historia. Este rei, como dixemos, tiña unha filla, Hipodamía, de fermosura tal que espertaba a paixón de moitos pretendentes, mais por algún escuro motivo, Enómao non parecía disposto a entregala en matrimonio. É verdade que tampouco se negaba abertamente, pero o candidato a marido que desexara alzarse coa noiva debía antes derrotar ao seu futuro sogro nunha carreira de carros.
Estatua do rei Enómao do frontón do templo de Zeus en Olimpia.
O cruel rei, seguro de si mesmo, agarda o momento de medirse ao seu opoñente
Se acadaba a vitoria, parabéns, que empece a voda e que sexan moi felices; pero no caso contrario... o prezo do fracaso era a vida. Como se ve, a letra pequena do contrato daba para pensalo dúas ou máis veces antes de firmar. Non obstante, moi grandes serían os encantos de Hipodamía, pois cando Pélope se presentou en Pisa precedérano xa dezaseis xenros frustrados, que deixaran o pelexo no intento e a cabeza ensartada nunha lanza, pois ao bo de Enómao gustáballe adornar de tan delicada forma o limiar do seu palacio. Iso si, Enómao era moi relixioso e ao comezar a carreira deixaba partir o seu adversario mentres el ficaba celebrando un sacrificio a Zeus e non saía ata acabalo.
Algúns din que os seus cabalos eran regalo do deus Ares e que por iso ninguén se lle escapaba.
Tempo de recuperar terreo sempre tería, pois a carreira tiña por meta o istmo de Corinto, a uns cento cincuenta quilómetros de distancia. Por outra parte, o pretendente debía simular un rapto, de xeito que estaba obrigado a levar no seu carro a fermosa Hipodamía e, de paso, cargar co seu peso engadido, algo que confirma aquilo de que hai amores que matan.
Ben. Agora que xa temos a Pélope en Pisa é hora de que entre en escena un personaxe secundario pero imprescindíbel para o desenlace: Mirtilo, o home que tiña ao seu coidado o carro e os cabalos de Enómao. Dise que Pélope e Hipodamía se namoraron a primeira vista, que se puxeron de acordo para saír airosos de tan difícil e perigosa empresa e que, sabendo que non era posíbel derrotar ao pai da moza aténdose ao xogo limpo, convenceron con promesas a Mirtilo para que os axudase.

Este manipulou as rodas, cambiou os cravos que as fixaban ao eixe por outros de cera e aquela foi a derradeira carreira do sanguinario rei, que non sobreviviu ao accidente. Desaparecido Enómao, a flamante parella desembarazouse de Mirtilo chimpándoo ao mar e, sen incómodas testemuñas, reinaron en Pisa e tiveron moitos fillos.
Para aplacar aos mortos, Pélope instaurou uns xogos funerarios. Despois, caeron no esquezo, como tantas cousas vellas. Pero moitos séculos máis tarde rexurdiron as competicións, de carros e doutros moitos deportes, nun fermoso lugar achegado a Pisa e sinónimo de contenda no mundo antigo: Olimpia.
Restos do cenotafio de Pélope en Olimpia
Alí, en época clásica, entre os espléndidos edificios que se ofrecían á admiración do visitante, había un pequeno pero de gran prestixio: a tumba de Pélope. É verdade que se trataba dun cenotafio, é dicir, dun sepulcro baleiro. Pero se ese mesmo visitante se tomaba o traballo de trasladarse ata Élide, a polis organizadora dos Xogos Olímpicos, alí poderían ensinarlle unha das atraccións da cidade, unha antiquísima reliquia: o ombreiro de marfil de Pélope.
 
 
 

Pélope I | mitoloxía

 

 
   
 
     
iescamballon@terra.es