páxina principal
departamentos
camballón.com
recreo
esperando as musas
ligazóns
 
 
 
MITOLOXÍA
 
PÉLOPE (I)
 
No extremo sur da Grecia continental, e ocupando a sexta parte do territorio actual dese país, esténdese, como a pouta dun oso, a gran "illa de Pélope": o Peloponeso. "A illa de Pélope" en realidade non é tal, pero pouco lle falta pois apenas se a une ao continente unha angosta faixa de terra - o istmo de Corinto - que no seu punto máis estreito escasamente supera os seis quilómetros entre una beira e outra.
Como ocorre con outras figuras lendarias, tampouco Pélope naceu na terra que leva o seu nome. Desembarcou alí na flor da xuventude, procedente de Lidia, unha antiga rexión de Asia Menor, na actual Turquía. Curiosamente, cando puxo pé en Europa xa morrera unha vez, circunstancia que non lle impedía estar ben vivo, forte e rebordante de saúde. Cousas do seu avó, porque Pélope era fillo de Tántalo e este do máis famoso pai que se puidese ter: do mesmísimo Zeus.
Pero Tántalo foi un abrocho díscolo que só deu desgustos ao seu divino proxenitor. Moitas trasgadas debeu sufrirlle e todas llas foi perdoando, ata que fixo unha tan gorda que desbordou por fin o vaso da súa paciencia. Tántalo, que se tiña por moi listo, quixo probar a perspicacia dos deuses - ou máis ben a súa capacidade para enganalos e rirse deles. Cursoulles formal invitación para comer e, cando chegou o día de recibir aos seus ilustres convidados, colleu o seu fillo Pélope (por entón, apenas un neno pequeno), degolouno, escachizouno, guisouno ás finas herbas e, moi risoño, presentouno na mesa alentando aos seus comensais a que adiviñasen que animal era aquel que lles servía.
Como os deuses non eran tan só poderosos senón tamén clarividentes, comprenderon decontado de que vianda se trataba, salvo Deméter, que chegou a dar un bocado antes de que os demais lle impedisen continuar.
Digamos no seu descargo que non o fixo por ser larpeira nin tampouco por parva; pouco tempo atrás secuestráranlle unha filla e a pobre non tiña lugar na súa cabeza para ningún outro pensamento.
A graza ocasionoulle a Tántalo a maldición de padecer eternamente sede e fame. Para maior refinamento do castigo, tería sempre á vista comida e bebida mais non podería alcanzalas por moito que se esforzase.
E aí seguirá, no Hades, sen engordar un só gramo.
Suplicio de Tántalo segundo o caricaturista francés H. Daumier

En canto a Pélope, os deuses devolvérono á vida de corpo case enteiro. É certo que lle faltaba un ombreiro, devorado polo bocado de Deméter; para que non se notase o defecto colocáronlle un de marfil e o enxerto funcionou tan ben como o orixinal se non mellor. Pasaron os anos e Pélope converteuse nun guapo rapaz. Pero o rei de Troia declarou a guerra aos lidios, derrotounos no campo de batalla e dedicouse a saquear campos e cidades. En poucas palabras, as cousas puxéronse tan difíciles que Pélope e algúns dos seus compañeiros decidiron abandonar o país, cruzar o mar e probar fortuna en Grecia.

Unha vez alí, chegaron a oídos de Pélope rumores acerca dunha fermosísima princesa a quen seu pai no permitía casar a menos que o pretendente o derrotara nunha carreira de carros. Nin que dicir ten que decontado lle entraron ao noso heroe desexos de acadar a vitoria naquela proba e, de paso, alzarse cun premio tan grato e tentador.
A fazaña, porén, non era tan sinxela.
 
 
os xéneros...
 

mitoloxía | seguinte

 
   
 
     
iescamballon@terra.es