| |
|
|
| |
 |
|
OS
XÉNEROS |
|
| |
|
A
TRAXEDIA
|
| |
En
canto á traxedia, o máis prestixioso dos tres subxéneros
dramáticos da Antigüidade, comecemos por practicar a disección
do vocábulo. Palabra composta, a súa segunda compoñente
é a mesma ca no caso da comedia, isto é,
= canto. A primeira procede da palabra, que tanto en grego antigo como no actual significa "chibo",
"macho cabrún", de xeito que a suma das partes
arroxa como resultado un "canto do macho cabrún".
O que non está igualmente claro é a que aludía, inicialmente,
este "canto do chibo". As opinións máis difundidas son
tres: a) que aludiría á aparencia do coro ditirámbico,
disfrazado de sátiros coas súas patas de cabra; b) que
un macho cabrún sería o premio establecido para
o coro vencedor nun concurso de ditirambos; c) que o coro
danzaría arredor dun macho cabrún previamente sacrificado
no altar de Dionisos que, como veremos, ocupaba o centro
da orquestra ( ,de =
bailar) nome co que se coñecía o espazo circular onde
se situaba o coro para cantar e danzar. |
| |
Respecto ás súas características básicas como forma artística,
Aristóteles, na súa xa citada Poética, entre
outras cousas sinala: a) que a traxedia imita feitos,
pero non feitos vulgares, senón acontecementos de
importancia; b) que a linguaxe que emprega non é
corrente, senón esmerada e agradábel; c)
que a imitación non se leva a cabo mediante o recitado,
senón a través da acción, da posta en escena deses
feitos.
Na súa meirande parte os argumentos tráxicos están
tomados do abundante material da tradición heroica
que os autores do século V a.C. tiñan á súa disposición,
en particular dos dous grandes ciclos míticos, o
troiano e o tebano. |
|
|
Raros
son os casos en que os argumentos teñen como fonte a historia
contemporánea aos autores. Dun total de trinta e tres pezas
tráxicas chegadas ata nós, só unha trata dun asunto histórico,
os Persas de Esquilo, cuxa acción se desenvolve
na corte de Susa tras a gran vitoria ateniense na batalla
de Salamina no 480 a.C. A continuación botarémoslle unha
ollada ás características básicas da traxedia, aos seus
principais autores e ás súas condicións de representación,
tomando sempre como referencia a época e o lugar do seu
apoxeo: Atenas no século V a.C. |
| |
|
A
TRAXEDIA NA ATENAS CLÁSICA
|
| |
Aínda
despois da renovación dos seus temas e das súas técnicas,
a traxedia permaneceu sempre vencellada ao culto a Dionisos,
de xeito que as representacións coincidían coas festas
dedicadas a este deus. As principais, aínda que non as
únicas, eran as devanditas Grandes Dionisias, celebradas
cara a finais de marzo e que se converterían en período
de estreas teatrais, tanto de comedias como de traxedias.
As Grandes Dionisias tiñan unha duración de seis días.
O primeiro estaba reservado á procesión sagrada en honor
do deus que simbolizaba a súa chegada á cidade en tempos
míticos. O segundo e o terceiro destinábanse a un certame
de ditirambos, ao tempo que botaba a andar o de comedias.
Por último, nos tres restantes tiña lugar o concurso de
traxedias e completábase o de comedias. |
|
|
A competición tráxica estaba limitada a só tres
autores por ano, cada un dos cales debía presentar
non unha senón catro obras, unha tetraloxía composta
por tres traxedias e un drama satírico. Isto non
significa que os candidatos a tomar parte no concurso
fosen só tres, de xeito que as obras aspirantes
debían someterse a un proceso de selección. |
|
O
responsábel da decisión final era o chamado arconte epónimo, un alto cargo da administración ateniense que
tras consultar cun comité asesor, emitía o seu veredicto,
outorgando un coro aos tres autores que pasaban o corte
e denegándollo aos demais. A retribución do autor e os
actores era asumida polas arcas do estado, mentres que
os gastos xerados polo coro (remuneración, vestiario,
ensaios) corrían a cargo dos coregos, patrocinadores
privados elixidos por sorteo entre os atenienses ricos,
algo que supuña unha carga económica importante pero tamén
un gran prestixio social. As representacións comezaban
coa saída do sol e non concluían ata o ocaso. A primeira
vista, a duración de tal xornada dramática pode parecer
excesiva, pero resulta menos sorprendente se se ten en
conta que cada día pasaban polo escenario tres traxedias,
un drama satírico e unha comedia. Por outra parte, enténdese
que había intermedios entre unha e outra obra. Outro detalle
hoxe curioso é que o tesouro público cubría o importe
do billete aos cidadáns de escasos recursos mediante un
fondo destinado a tal efecto coñecido como theoriká. |
Este desembolso era considerado de suma transcendencia,
toda vez que o teatro non tiña carácter simplemente
relixioso ou de entretemento, senón que constituía
un dos medios educativos máis importantes da antiga
Atenas; en consecuencia, o acceso debía estar asegurado
para todos e non soamente para os cidadáns podentes. |
|
|
Desde
os tempos de Pericles, cando se aprobou esta dotación
económica para a asistencia ao teatro, ata a época de Demóstenes,
que a derrogou, estivo prohibido baixo pena de morte que
eses caudais se utilizasen para outros fins, nin sequera
para facer fronte a necesidades de guerra.
O gañador do concurso era proclamado por un xurado elixido
mediante un sistema que buscaba garantir a imparcialidade
do veredicto final. Ao principio propoñíanse cincocentos
candidatos, entre os que, o mesmo día do inicio do certame,
se procedía a elixir dez por sorteo. Cada un dos membros
deste primeiro xurado ía anotando en taboíñas o seu parecer
acerca das obras que vía e, cando finalizaba a representación
da última tetraloxía, realizábase un segundo sorteo que
excluía cinco dos dez integrantes do primeiro xurado,
de xeito que só a opinión dos cinco restantes se tomaba
en conta para emitir o dictame. Un pregoeiro anunciaba
de inmediato o resultado e o arconte facía entrega dos
premios, consistentes en tres coroas de hedra (a planta
consagrada a Dionisos): unha para o patrocinador, outra
para o autor e unha terceira para o protagonista. |
| |
|
ESTRUTURA
DA OBRA TRÁXICA
|
| |
|
Se
ben non todas as traxedias presentan idéntica estrutura,
en época clásica a meirande parte delas atéñense
ao seguinte esquema:
|
1.
Prólogo. A súa función é informar o espectador
acerca dos personaxes e do asunto que se vai desenvolver.
Pode presentarse baixo a forma de diálogo ou de monólogo
e precede á aparición do coro en escena.
2. Párodo. Entrada do coro na orquestra.
3. Episodios. Os "actos" da traxedia, isto é, o
desenvolvemento dos feitos a través da intervención dos
actores. Segundo a obra de que se trate, o seu número
varía desde un mínimo de tres ata un máximo de seis. Nalgúns
casos, nos episodios poden intercalarse breves fragmentos
líricos cantados ben polo coro ou polos mesmos actores.
4. Estásimos. Intervencións do coro que separan
un episodio do outro. A diferenza do párodo, fragmento
coral de considerábel extensión posto que nel se
alude á historia que se representa no seu conxunto, os
estásimos son máis breves e soen constituír un
resumo comentado do episodio precedente.
5. Éxodo. Último episodio e conclusión da traxedia
co correspondente abandono da escena por parte do coro. |
| |
|
PRINCIPAIS
AUTORES DA TRAXEDIA GREGA
|
| |
Diferentes
documentos antigos infórmannos do nome de moitos tráxicos
(incluso dos títulos de varias das súas obras) dos que
non conservamos os textos. Afortunadamente, non todo se
perdeu. Tres autores lograron salvar a dura proba dos
séculos e é a eles a quen nos referiremos a continuación,
seguindo unha orde cronolóxica. |
| |
|
|
Esquilo.
O primeiro dos grandes tráxicos naceu en Eleusis,
rexión próxima a Atenas, no 525 a.C. A Esquilo
tocoulle vivir de primeira man o grande acontecemento
bélico do seu tempo, as chamadas Guerras Médicas
nas que Grecia, contra todo prognóstico, foi capaz
de rexeitar a invasión do, por aquel entón, todopoderoso
imperio persa. Combateu en dúas das maiores batallas
do conflito, na terrestre de Maratón (490 a.C.)
e na naval de Salamina (480 a.C.). O espírito épico
que espertou na súa xeración esta loita desigual
e inesperadamente afortunada, reflíctese na súa
obra nunha marcada tendencia á grandeza da linguaxe
e unha confianza plena no triunfo final da xustiza.
|
|
Sábese
que obtivo o primeiro premio polo menos en trece ocasións
e que deixou escritas entre oitenta e noventa obras. Delas
consérvanse sete, entre as que se conta a única triloxía
tráxica que chegou íntegra ata nós, coñecida baixo o título
xeral de Orestíada e que comprende as traxedias
Agamenón, Coéforas e Euménides. As
outras catro que del temos son Suplicantes,
Sete contra Tebas, Prometeo encadeado
e Persas. A Esquilo atribúeselle ter posto en escena
un segundo actor, innovación que en pouco tempo deixou
paso a un terceiro, segundo Aristóteles introducido por
Sófocles pero utilizado tamén por Esquilo, actor el mesmo,
a diferenza dos dramaturgos posteriores. Morreu en Sicilia
no 456 a. C. onda acudira invitado polas autoridades gregas
da illa. Como honor póstumo o goberno ateniense decidiu
sufragar os coros de quen quixera volver representar as
súas obras. |
Sófocles.
Nado no suburbio ateniense de Colono, probabelmente
no 496 a.C., Sófocles foi o autor tráxico de maior
éxito no seu tempo, pois conseguiu facerse co primeiro
premio nada menos que en vinte e catro ocasións.
Da súa copiosa produción -máis de cento vinte pezas
dramáticas- conservamos completas sete traxedias.
A súa datación presenta moitos problemas. Edipo
en Colono é, sen dúbida, a última, pois
foi representada despois da morte do seu autor;
a orde das seis restantes (Traquinias, Aiax,
Edipo rei, Filoctetes, Electra
e Antígona) é incerta. |
|
|
En
opinión de Aristóteles, o seu Edipo rei, constituía
o exemplo máis acabado de traxedia, e é, talvez, a obra
teatral máis coñecida da Antigüidade, en parte grazas
ás teorías da psicanálise. A Sófocles atribúenselle
varias innovacións. Xa se mencionou a introdución dun
terceiro actor, ao que hai que engadir que foi o primeiro
en prescindir da relación temática entre as pezas dunha
triloxía (é dicir, en presentar xuntas tres traxedias
que en realidade eran por completo independentes), ademais
de pioneiro no uso de decorados escénicos e quen fixou
en quince o número -doce con anterioridade- de integrantes
do coro tráxico. Xustamente sobre o coro escribiu un tratado
teórico perdido. Morreu no 406 ou 405 a.C. |
| |
Eurípides.
Segundo unha tradición antiga naceu na illa de Salamina
no 480 a.C., por certo, no mesmo día en que a flota ateniense
acadaba unha vitoria decisiva sobre a armada persa. Case
con seguridade estamos ante unha desas historias de coincidencias
tan do gusto dos gregos antigos e é probábel que,
en realidade, nacera cinco anos antes. Eurípides non foi
un autor popular que gozara do favor do público da súa
época. Estreou a súa primeira obra no 455 a. C. e, ao
longo de case medio século, escribiu outras noventa. Pero
a súa colleita nos certames dramáticos foi bastante magra
pois, en vida, obtivo o primeiro premio só en cinco ocasións,
ao que hai que engadir un sexto triunfo concedido a título
póstumo. |
|
|
Sen embargo, a posteridade foi máis xenerosa
ca os seus contemporáneos, pois o número das súas
obras chegadas ata nós supera longamente o de calquera
outro dramaturgo da antigüidade grega. En total,
conservamos dezanove pezas, aínda que a paternidade
dunha delas, Reso, considérase dubidosa.
Das dezaoito restantes, unha (o Cíclope) é o único drama satírico completo que coñecemos.
As outras dezasete son: Alcestes, Hipólito,
Medea, Ifixenia en Áulide, Ifixenia
en Táuride, as Troianas, Helena,
Orestes, Andrómaca, Hécuba,
Electra, os Heráclidas, Heracles
furioso, Suplicantes, Ión,
as Fenicias e as Bacantes, que subiu
a escena despois da súa morte. |
|
Hai
coincidencia en que a súa obra reflicte, de xeitos diversos,
as novas correntes de pensamento, agrupadas baixo o nome
xenérico de sofística, que na segunda metade do século
V a. C. comezaron a por en tela de xuízo os valores
tradicionais. Con Eurípides, as figuras femininas cobran
tamén unha relevancia ata entón inusual e o seu tratamento
do lado escuro dos personaxes levou a que xa no século
IV a.C. se repetira, coma un lugar común, que mentres
Esquilo pintara os seres humanos mellor do que son, Sófocles
os presentara como debían ser e Eurípides como realmente
son.
No 408 a.C. marchou de Atenas para instalarse en Macedonia
onde morreu dous anos máis tarde. |
| |
|
|
| |
|
|
|
|
|