| |
O noso
centro inaugurouse no curso 1998-99 e dende entón ata
o ano 2002 coñecíase polo nome do concello no
que se sitúa, Vila de Cruces. A partir deste ano conta
co nome oficial de IES "Marco do Camballón".
De seguido expoñemos unha breve información
sobre o significado do seu nome.
"Marco do Camballón" é a denominación
dunha necrópole megalítica situada na parroquia
crucense de Oirós, delimitada por Besexos e Sabrexo
polo norte, Asorei e Losón polo sur, Besexos e Galegos
polo leste e Bodaño e Sabrexo polo oeste. Este campo
de mámoas esténdese á esquerda da estrada
Lalín - Vila de Cruces, cerca de Agoleta, e xa aparece
catalogado no Inventario de monumentos megalíticos
de Filgueira Valverde editado no ano 1977, no que se cita
como fonte bibliográfica a López Cuevillas.
No ano 1975 Xosé Carlos Sierra, á fronte dun
equipo do Departamento de Arqueoloxía da Universidade
de Santiago, realizou excavacións nesta necrópole,
que consta polo menos de quince túmulos. O máis
interesante é o catalogado co número 5, que
contén un dolmen de cámara poligonal, con tendencia
circular, formada por sete ortostatos. Como é sabido,
os monumentos megalíticos galegos son de tres tipos:
dolmens, pedrafitas e círculos líticos; os primeiros
son os máis numerosos e importantes e presentan carácter
funerario, posto que neles se facían enterramentos
colectivos, aínda que a acidez do solo galego impediu
que se conservasen restos óseos; ademais disto, son
elementos delimitadores do territorio que singularizan a comunidade
que os levantou, por iso con frecuencia se sitúan en
lugares elevados ou cerca de correntes de auga.
Dentro da tipoloxía dos dolmens (dolmens simples, dolmens
de corredor e cistas megalíticas) o Marco do Camballón
correspóndese cos primeiros, dolmens simples, que xorden
arredor do ano 4000 a. C e constitúen, polo tanto,
exemplos do primeiro megalitismo galego. Nun dos ortostatos
apareceron diversos gravados serpentiformes e un motivo solar,
ademais de restos cerámicos lisos e campaniformes e
un disco perforado. Tamén se localizaron pequenas pezas
de ouro, de feito hai quen relaciona o nome da parroquia,
Oirós, con este preciado metal.
Podedes atopar información e fotos desta necrópole
en:
 |
·
Filgueira Valverde, José: Inventario de monumentos
megalíticos. Catalogación arqueológica
y artística patrocinada por la Fundación
"Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa",
1977. |
 |
Varios Autores: Gran Enciclopedia Gallega, 1974 |
 |
Varios Autores: Galicia. Arte prehistórica e
romana (tomo IX), Hércules de Ediciones. |
 |
Vázquez
Crespo, A. e González Alén, D.: A comarca
do Deza, Deputación de Pontevedra, 1989. |
 |
http: //www.pangalaica.com/megalitismo/galego |
E tamén nos dous números da nosa revista Camballon.com
hai artigos que falan da orixe do topónimo ("O Camballón"
de Luz Méndez) e do propio Marco ("O noso nome"
de David Fiuza). Podedes consultalos na versión electrónica
da revista facendo clic aquí,
e aquí. |