|
Rosiña
é una nena de sete anos. Cando foi o seu aniversario,
os seus pais fixeron unha festa para ela e mais os seus
amigos e sacáronlles moitas fotos. Nunha desas
fotos vive Glus, un pequeno peixe que ía de acá
para acolá no seu acuario ata que a cámara
o atrapou e o deixou teso na fotografía. Ás
veces, Rosiña pasa moitas horas mirando para
as fotos, pero o Glus é moi infeliz. Gustaríalle
nadar pero non pode nin mover a cola. Está farto
de ficar inmóbil sen se poder remexer.
|
|
Glus
descobre que nun cadro que está na súa
foto hai un veleiro intentando capear unha tempestade.
O mar do cadro é case de verdade porque foi pintado
por un vello lobo de mar ao que lle gustou tanto a súa
obra que decidiu quedar a vivir nela. Despois dun gran
esforzo, Glus consegue comunicarse co veleiro e convénceo
de que lle largue un cabo para subir a bordo; lánzao,
Glus atrápao cos dentes e consegue subir. Vanse
os dous percorrer o mundo. Van ao Polo Sur, ao Norte,
ao Leste e ao Oeste. Fóra do acuario é
feliz. O malo é que cada vez que Rosiña
abre o álbum de fotos, Glus ten que nadar a toda
présa para chegar a tempo á foto e que
non se decate do que acontece.
Entón, un día, Glus pídelle ao
vello lobo de mar que lle faga un retrato para poñer
no acuario e que Rosiña non se dea conta. E así
o fixeron.
Dende entón Glus foi percorrendo mundo co veleiro
e o vello lobo de mar e así coñeceu moitos
peixes de todas as clases: bacallaus ao pil-pil, polbos
á feira, luras recheas... El é moi feliz,
pero un día desátase un gran temporal
e pérdese. Cando se deu conta, o veleiro e o
vello xa non estaban con el. Glus preguntoulles aos
seus novos amigos se viran o veleiro, pero eles contestáronlle
que non. De repente apareceu un tiburón que lle
dixo: "Ei, Glus, non teñas medo, que son
vexetariano, só como algas porque ando mal do
fígado. Eu vin un veleiro de cor vermella e coas
velas de cor verde". Glus, sen perder nin un momento,
deulle as grazas e convenceunos a todos para que o acompañasen
na procura do seu amigo o veleiro.
Cando chegaron ao porto que dixera o tiburón,
atoparon o veleiro ancorado. Glus foi onda el, mirou
para dentro do barco e viu un pirata que tiña
un aspecto moi perigoso. Díxolles a todos o que
vira e puxéronse a tramar un plan para botalo
fóra. O primeiro foi contactar co vello lobo
de mar para que lles facilitase o acceso á nave.
Tan pronto como o pirata ve o que acaba de subir ao
barco, fáiselle a boca auga e disponse a darse
unha atracada, pero velaquí que as luras recheas
lle botan un chorro de tinta nos ollos que o deixa cego,
o polbo á feira mételle oito cambadelas
e entre o bacallau ao pil-pil e o vello lobo de mar
tírano pola borda. E alí abaixo estaba
agardando o tiburón vexetariano que o recibe
coas fauces abertas e a cara máis terrorífica
que puido poñer.
O pirata, do medo que colleu, botou a correr e din que
aínda non parou hoxe. O veleiro deulles as grazas
a todos e marcharon xuntos a percorrer o mundo que lles
quedaba.
|