
![]()
|
Este século é un século de ouro que viu o novo esplendor das disciplinas liberais case extinguidas, a gramática, a poesía, a elocuencia, a pintura, a arquitectura, a escultura, a música, a arte de cantar coa antiga lira de Orfeo. E todo isto en Florencia. Marsilio Ficino: Carta 1 Marsilio Ficino (1433-1499): humanista italiano, estudioso da obra de Platón
|
Así describía Marsilio Ficino, pensador e humanista do Renacemento esta época histórica que discorre entre os séculos XV e XVI e que deixa a súa pegada indeleble en Florencia. Así pois, este foi un paseo de tres días polo Renacemento e as súas principais obras artísticas.
PRIMEIRO DÍA
Despois do traslado desde Roma e o aloxamento –ao lado da
igrexa de Santa
María Novella-, quedounos tempo para pasear un pouco a
cidade e ver os dous centros neurálxicos da mesma, o relixioso e o civil, a
Piazza del Duomo coa súa impresionante catedral (Santa Maria del Fiore), a
torre do Campanille, o Battistero, coas Portas do Paraíso... e a
Piazza
della Signoria co Palazzo Vecchio. Preto atópase o Mercado da Palla, famoso
polas súas mercadorías de coiro e palla... e polos seus vendedores
vociferantes... Continuamos o paseo admirando a vista sobre o Arno que
ofrece Il Ponte Vecchio.
SEGUNDO DÍA
Comezamos o día coa visita á Galleria
degli Uffizi, que contén a impresionante colección de pintura que foron
reunindo ao longo de varias xeracións os Medici. Despois trasladámonos á
Galleria Dell’ Academia para poder contemplar o magnífico David de Miguel
Anxo e algunhas outras obras do autor que aquí se atopan. Ao mediodía
púidose subir á cúpula do Duomo, de Brunelleschi, ou ao Campanille, de
Giotto (quen se atreveu, pois o número de banzos é considerable...)
Pola tarde collemos o autobús e saíndo un pouco da cidade subimos á Igrexa de San Miniato al Monte, deténdonos no Piazzale Michelangelo para admirar unha vista sobre Florencia mentres ía anoitecendo.
TERCEIRO DÍA
Comezamos o día visitando as Cappelle Medicee; na Sagrestia Nuova están as
tumbas dos Médicis, obra de Miguel Anxo; seguidamente visitamos o museo do
Bargello, que contén diversas obras dese mesmo artista, de Cellini e de
Donatello, entre outros. Tras esta visita completamos a mañá achegándonos á
Santa Croce e ao Convento e Museo de San Marco, onde puidemos ver obras de
Fra Angelico.
Despois de xantar iniciamos un paseo cruzando o Arno para ver a Igrexa do Carmine que contén uns interesantes frescos de Masaccio; de alí continuamos andando ata o Palazzo Pitti; a persistente pioggia impediunos a visita aos xardíns do Boboli. Cruzando il Ponte Vecchio chegamos de novo ao centro da cidade para darmos o último paseo e despedirnos definitivamente de Florencia.
Xa se nos advertira que conviña prepararse psicoloxicamente para superar a Síndrome de Stendhal...