
![]()
|
Pasa a vida sen presas, na maior delicia espiritual, aínda que dean todos as voces que queiran contra ti, aínda que as feras esnaquicen os membros desta masa mol que te circunda. Pois ¿que lle impide á túa alma, entre tantos infortunios, conservar a súa calma, xulgar exactamente os sucesos que a rodean e manterse pronta en aproveitarse dos accidentes que se lle interpoñen?... * * * * * * A perfección moral leva consigo que se viva cada día como se fose o último, sen apresarse nin acovardarse nin obrar con engano. * * * * * * Non te limites de aquí en diante a respirar o aire que te rodea, senón participa desde agora na sabedoría da intelixencia que o abarca todo, porque esa facultade intelectiva non menos se difundiu por todas as partes nin menos se introduciu en todo ser capaz de atraela, que o aire no ser capaz de respiralo Marco Aurelio: Meditacións (Marco Aurelio -121-180-: emperador romano e pensador estoico) |
SÁBADO
Despois de chegar a
Roma, aloxármonos no hotel e
xantarmos o primeiro prato de pastas dirixímonos ao
centro en metro. Baixamos na parada máis próxima ao Vaticano e facemos a
primeira foto na Piazza San Pietro. Tras achegarnos á Ponte Pr.Amedeo Savoia
Aosta andamos c
ara ao sur seguindo o curso do río. Despois de pasar a Isola
Tiberina cruzamos o río e vemos os templos de Vesta e da Fortuna Virile na
Piazza della Bocca della Verità.
Damos a volta pola mesma ponte para dirixirnos ao Trastevere, onde visitamos Santa Maria in Trastevere, basílica do século IV, con restos medievais, que foi o primeiro lugar oficial de culto cristián en Roma. Á súa esquerda sitúase a igrexa de San Pietro in Montorio, onde está o célebre templete de Bramante.
DOMINGO
Cambiamos o programa
orixinal para atoparnos cos colegas italianos e romenos. Agardámolos visitando o
Colosseo; a continuación percorremos o foro Romano, rematando a mañá na Piazza
del Campidoglio; xa pola tarde, xuntámonos de novo en Piazza Venezia, vemos a
Colonna Traiana e pola Via dei Fori Imperiali dirixímonos cara a San
Pietro in Vincoli, para admirar o Moisés de Miguel Anxo.
Rematamos a tarde visitando o Pantheon de Agrippa, vendo os frescos da Igrexa de Sant’ Ignazio e o Palazzo Altemps – Museo Nazionale Romano.
Despois de repousar na Piazza Navona e arredores damos un paseo, xa de volta cara ao metro, vendo a Fontana de Trevi e a Piazza di Spagna.
Curiosidades
1.- Un lugar destacable, moi preto do Coliseo, é a igrexa de San Clemente, do séc. II d.C., con catro niveis subterráneos dedicados ao culto de Mitra. Así mesmo, na igrexa de Santo Stefano Rotondo hai 34 grandes pinturas, obra de Cristoforo Roncalli il Pomarancio e de Antonio Tempesta (séc. XVII), onde se mostran escenas verídicas de tortura, con mártires cristiáns aplastados por penas, queimados vivos, lapidados, cegados, devorados por leóns, afogados con unha pedra ao pescozo, etc.
2.- A Piazza Venezia foi mandada construír polo Papa de orixe veneciana Paulo II (mediados do séc. XV). En 1929, cando o Palazzo Venezia se converteu na sede do Xefe de Goberno, a praza foi proclamada "Foro de Italia". Nela está o monumento de Vittorio Emanuele II (chamado vulgarmente "máquina de escribir", "torta de vodas" ou “urinario luxoso", isto último debido a un xove Papini); a súa construcción supuxo a total destrucción do preexistente barrio medieval e renacentista onde Miguel Anxo viviu ata a súa morte. Moi preto está a Igrexa do Gesú, onde está enterrado San Ignacio de Loyola.
3.- Para non perder: tras pasar o Panteón chegamos á piazza de Sant' Eustachio, onde se pode admirar a cúpula de Sant' Ivo alla Sapienza, a obra mestra de Francesco Borromini. A igrexa foi concibida para ser a capela da Universidade de Roma, fundada en 1303 por Bonifacio VIII. Na súa estraña planta hexagonal aparece representada a abella, símbolo heráldico da familia Barberini. A cúpula coroada de chamas é o símbolo da caridade, a principal virtude de Sant'Ivo, protector dos avogados. A lanterna da cúpula lembra as valvas dun molusco que Borromini tiña na súa colección de cunchas.
Ao lado da Piazza Navona está a igrexa San Luigi dei Francesi, na que se pode admirar a Vocación de San Mateo de Caravaggio.
LUNS
Despois de cruzar Roma en autobús e facer unha camiñada a pé, visitamos as Catacumbas de San Sebastiano, na Via Appia Antica.
De regreso, ao mediodía, paramos na Piazza della Repubblica
Pola tarde iniciamos o itinerario na igrexa
de Santa Maria della Vittoria (deseñada por
Borromini, quen para a decoración
usou estuco en vez de mármore), co Éxtase de Santa
Teresa de Bernini.
Continuamos o percorrido a pé: Via XX Setembre - Via Quatro Fontane -
Barberini (cara ao NO pola Via Vittorio, o cemiterio capuchino) - Via del
Trittone - Fontana di Trevi - Quirinal (Gian Lorenzo Bernini, escultor
omnipresente en Roma, é autor da loggia e a torre circular do Palacio do
Quirinal, antiga residencia de verán dos Papas e actual sede do Presidente da
República). Baixando cara á Via Nazionale e a Via Agost.de Pretis (xa no
Esquilino) chégase a Santa Maria Maggiore. Pola Via Carlo Alberto
accédese ao parque e parada de metro Vittorio Emanuele.
Curiosidades
1.- Non podemos deixar de fixarnos na igrexa de Sant'Andrea del Quirinale obra mestra de Bernini, chamada "a perla do Barroco" polos materiais preciosos usados na súa construcción.
2.- Gran escándalo suscitaba o Éxtase de Santa Teresa (na capela Cornaro), tamén de Bernini, no século XVIII: foi criticada por ser demasiado sensual, ata o punto de que o marqués de Sade nin sequera cría que Teresa fose unha santa, e o literato francés De Brosses dixo "se isto é amor divino, coñézoo ben".
3.- Na Vía Barberini atopamos a fonte do
Tritón, de Gian Lorenzo Bernini (1642),
onde, ata o século XVIII, se expoñían os cadáveres dos descoñecidos ata que
alguén fose a identificalos. Na
esquina Piazza Barberini e Via Veneto está a fonte das abellas (símbolo
heráldico da familia Barberini), esculpidas por Bernini en 1644 para celebrar o
vixésimo segundo aniversario no papado de Urbano VIII: foi considerado de mal
agoiro, pois o Papa morreu oito días despois. Pola súa parte, a fonte das
Náiades da Piazza della Repubblica (feita por Mario Rutelli en 1901) tiña catro
ninfas na base, mais o grupo foi transferido á Piazza Vittorio e reemprazado
pola figura de Glauco loitando contra un tritón porque se consideraba as ninfas
demasiado sensuais no seu abrazo de monstros mariños.
4.- A famosa igrexa de Santa Maria Maggiore, fundada no século V, recibiu no VII o nome de Santa Maria ad Praesepe, pois nela custódianse os fragmentos de madeira de sicomoro que se pensaba que pertencían ao pesebre que fixera as veces de berce do Neno Xesús.
MARTES
Visita aos Museos Vaticanos,
incluída a Capela Sixtina. A continuación San Pedro e subida á
cúpula.
Pola tarde aproveitamos para dar o último paseo por Roma e facer algunhas compras.
Curiosidades
1.- O famoso baldaquino de San Pedro ten 29 m. de altura, e as columnas están feitas con bronce arrancado do Panteón, feito que fixo famoso o dito Quod non fecerunt barbari, fecerunt Barberini. Nas súas bases, de feito, pódense ver as abellas, símbolo desa familia. Se o miramos máis de preto, mostra en realidade a secuencia de expresións de sufrimento na cara dunha muller que dá á luz.
2.- Bernini fixo os monumentos funerarios de los Papas Urbano VIII Barberini e Alexandre VII Chigi; o último, situado no transepto da dereita na basílica de San Pedro, orixinariamente tiña a estatua da Verdade núa: pero o Papa, xulgándoa escandalosa, cubriuna con unha vestidura de bronce.
3.- Unha rúa que chega ata a praza de
España e que ten unha historia singular é a Via Babuino, caracterizada
polas súas tendas antigas. Dálle nome á rúa a pequena fonte situada fronte á
igrexa de Sant' Atanasio dei Greci. Dise que un cardeal bastante vello se
axeonllara diante da
fonte crendo atoparse ante o retrato de San Xoán. O babuíno é unha das máis
famosas "estatuas parlantes" de Roma.
A Fontana della Barcaccia, no centro da praza de España, é obra de Pietro Bernini (1629), tal vez contando coa axuda do seu fillo Gian Lourenzo. O Papa Urbano VIII Barberini, segundo a lenda, mandouna construír para conmemorar a chegada dun barco á praza durante a gran inundación de 1598. Ao parecer, foi inaugurada non con auga, senón con viño.