Durante o Entroido, a comunicación establécese en múltiples planos, os máis deles non verbais. Pero a sátira carnavalesca tradúcese tamén en textos compostos a propósito, nos que se comentan en clave crítica os sucesos cotiáns e a problemática que interesa á comunidade. As noticias máis comentadas durante o ano acaban satiricamente versificadas no Carnaval. Vale calquera tema, calquera música.

 

 
      As comparsas inician o seu cantar avisándonos de que van criticar:

 

  Eiquí veñen Os de Sempre,

que vimos a criticar

o que pasa no pueblo

que non o queren arreglar.

      (Os de Sempre, 1979)

 

  Por iso aquí chegamos

de cada casa o mellor

que en Cangas temos fama

de ser moi criticóns

       (Casi Sempre, 1996)

 

 

  Somos os de Máis ou Menos

unha murga p’o Antroido

quixemos saír á rúa

criticando algunhas cousas

nestes días de “jolgorio”

        (Os + ou - , 1990)

 

 

      Alcalde e concelleiros, as autoridades máis achegadas á cidadanía, son sempre obxectivo prioritario dos dardos populares:

 

  Que vai pasar

neste pobo metido en desgracia?

pois gobernar

non gobernan nadiña de nada

¡Vaia floróns!

soio están para quenta-los sillóns.

  O dictador máis grande

foi “Pena o bochechón”

que nos deixou no pobo

unha revolución.

              (Rica Parranda, 1991)

 

 

  Jodidos sempre, neste pobo hai que estar

por uns chourizos, que non saben gobernar

con esta lacra de chupóns municipal.

             (Rica Parranda, 1993)

 

 

      Ao ter progresado o nivel de información popular sobre asuntos de política autonómica, nacional ou internacional, fíxose tamén frecuente a aparición de coplas alusivas a estes temas:

 

  Somos unha murga nobre,

unha murga moi leal

denunciámo-los amaños

que os políticos nos fan

Prometéronnos o cambio

tamén postos de traballo

pero a este paso que vamos

rascarémo-lo carallo.

      (Os que dirán, 1987)

 

  Non podes gastar cartos

non hai donde traballar

vai mal a economía

donde imos parar

Solchaga xa nos dixo

tedes que aforrar

mentres os do goberno

andan a despilfarrar.

      (As máis faldeiras, 1993)

 

 

 

 

  ¡A vivir de moca!

O da Xunta é unha bicoca.

Uns chupan por aquí,

e outros por alá

e así o país está.

A cousa foiche a peor

o país na bancarrota

os parados tres millóns

corrupción ata na sopa

      (Máis ou menos, 1994)

 

 
      Outras veces a copla convértese nun simple relato, ó estilo das antigas coplas de cego:
 

 

  Unha noite de San Xoán

queimáronlle o palleiro

e roubáronlle a burra

a “J. R.” no Piñeiro.

 

  Levárona p’a iglesia

quixérona confesar

e logo no campanario

tivérona que amarrar.

      (Rica Parranda, 1991)

 

 
      A liberalización dos costumes e tolerancias da sociedade democrática desactivaron a carga que adoitaban leva-las coplas picantes:

 

  Hai que viva o condón,

é a nosa solución

que nos dá tranquilidade

ó manter a relación.

Hai que gusto co condón

nunca o pasei mellor

xa non me rompo a cabeza

despois da penetración.

Xa podo baixar o pantalón

 

sen preocupación

xa non máis enfermedades

pola transmisión.

O Estado decía que si

o clero decía que non

que se está armando

un gran follón

con isto do condón.

      ( Marcha loca, 1991)

 

      Hai coplas que son de queixa:

 

  Temos unhas carreteras

pr’ as altas competicións

están cheas de buracos

pra sacudi-los collóns.         

O alcantarillado

é a obra do escorial

empezouse hai doce anos

e non se mira o final.

      (Os da Curia, 1993)

 

  Estiveron presos nunha cadea,

por un delito sin aclarar,

aos mariñeiros non hai quen os queira,

en ningún sitio traballar.

Os  mariñeiros nosos galegos

eles non saben a donde van

van ás Malvinas, lévanos presos

e non se sabe se voltarán.

      (As incansables, 1992)

 

  Os mariñeiros cobran pouco

as familias pasan fame

e como sabemos todos

a eles non hai quen lles pague.

Por iso nós protestamos

que non pedimos nada máis

que lles den máis axuda

a eses homes do mar.

      (Marcha loca, 1990)

 

  Non queda toxo no monte

nen pinos e nen carballos

porque os que plantan lume

vannos tocar no carallo.

      (As incansables, 1991)

 

      O clero, noutros tempos intocable, tamén é criticado:

 

  Aí ven o cura, aí ven o cura

xa non sabe predicar.

Aí ven o cura, aí ven o cura

váisenos a alcolizar.

 

  Os festexos relixiosos

foron mi pouco brillantes

porque o cura da parroquia

é un larpeiro dos de antes.

      (Os de Sempre, 1981)

 

  Os cregos de agora

non son coma antes

en vez de ser cregos

sonche feirantes.

      (Os da Curia, 1994)

 

      Xa en menos medida, os elementos ó redor dos que se confraterniza no Carnaval, a comida e a bebida, son tamén mencionados nas coplas:

 

 

  Equí cheghamos os Traghamallas

hai que lle dar de comer

tres mideiros de empanadas

e sardiñas a ghranel

Fainos falta moito viño

máis que aghua ten o mar

pa mollar eses fociños

e non sei si cheghará

a praia de Barra toda

e por parte o Fabián.

      (Os Tragamallas, anos 20)

 

 

   

Anterior        Seguinte