|
Hoxe, salvo excepcións, só se celebran os tres días grandes, Domingo, Luns e Martes de Entroido, pero tradicionalmente o ciclo do Carnaval duraba unhas dúas semanas e media. Este ciclo xenérico ten numerosas variantes locais: mentres nalgunhas zonas só se celebran os tres días grandes ou unicamente Martes de Entroido, noutras celébrase tamén: O Domingo Fareleiro ten lugar quince días antes do de entroido. Nese día nenos e mozos saen as rúas e corredoiras a emporcar a todo o que pasa con fariña, borralla, betume ou ferruxe dos potes. Os Xoves de Compadres e de Comadres celebrábanse nas semanas anteriores ós días grandes: o de Compadres dez días antes, e o de Comadres tres. Nalgunhas zonas intercámbianse os días, e noutras xúntanse nun mesmo Xoves de Compadres e Comadres. No primeiro día, as mulleres facían un “compadre” de palla vestido con prendas roubadas: os homes tiñan que intentar roubalo para queimalo. Xoves de Comadres cambian os papeis: os homes fan unha “comadre” que as mulleres teñen que roubar e eles defender. O Domingo Oleiro recibe o seu nome polo xogo das olas. Consiste en encher olas vellas con auga, fariña, terra, plumas, cinza, etc., e en lanzalas ata que escachen e vertan o seu contido por riba do que non tivo a habilidade de collela. O perdedor debe pagar, invitando á taberna ou dando cartos para facer unha merenda. O Domingo Corredoiro é o anterior ó entroido. É o día das primeiras bromas, mascaradas e xogos, como a Corrida do Galo. Este é un costume que tamén se celebra noutras festividades. Consiste en colgar un galo dunha corda tendida entre dúas árbores, ou enterralo no chan coa cabeza fóra. Os mozos teñen que tentar arrincarlle a cabeza coa man ou cun pao. O que consigue mata-lo galo lévao.. Na versión infantil, soltábase o galo nun recinto e os rapaces corríano ata esgotalo. Nesta data era costume o roubo de apeiros de labranza e animais que o dono sempre recuperaba, ou comida – chourizos, cachucha, ovos,...- para facer unha merenda colectiva. Durante os tres días fortes, Domingo, Luns e Martes de Entroido, o característico e xeral son as burlas, farsas, mascaradas e disfraces, xunto coa vertente gastronómica da celebración. Mércores de Cinza: Faise o enterro do entroido, representado por un boneco que, segundo as zonas recibe distintos nomes: Sardiña, Meco, Momo,..... O Domingo de Piñata ten carácter netamente urbano. É un xogo que a moda italianizante do século XVIII trouxo a corte española, consistente en romper cun pao, levando os ollos pechados, unha ola que pende dunha corda, chea de confetti, auga, fariña ou incluso cun pichón vivo. |