UNIDADE 4 - TIPOS DE MERCADOS |
4.1 - MERCADO DE COMPETENCIA PERFECTA
4.1.1 - O funcionamento do mercado de competencia perfecta
Neste mercado, a empresa competitiva tratará de maximizar o seu beneficio, é dicir, a diferenza entre os seus ingresos e os seus gastos.
Maximizar Beneficios ---- Beneficio = Ingresos - Gastos |
Os ingresos veñen determinados polo prezo dos produtos ou servizos vendidos multiplicado polas unidades vendidas. O prezo (prezo-aceptantes) vén determinado polo mercado e, polo tanto, a ese prezo poderá vender toda a produción que lle permita a súa capacidade produtiva.
IT = p.Q |
Un dos aspectos importantes deste mercado é que estas empresas a mellor forma de aumentar os seus beneficios é a través da redución dos custos, polo que intentarán ser o máis eficiente técnica e economicamente.
Con respecto aos custos, virán determinados pola curva de custo total medio e custo marxinal.
CT = CF + Cvu.Q |
A empresa aumentará a súa produción desde que o ingreso dunha unidade adicional (prezo de mercado) supere o custo dunha unidade adicional (custo marxinal).
Cada produtor enfróntase a unha demanda individual totalmente elástica, horizontal. Os seus ingresos por unidade ou Ingreso Medio (IMe) serán sempre iguais ao prezo de mercado, vendan moito ou pouco.
Nesta situación, a cantidade a producir dependerá dos custos, a empresa tratará de obter o máximo beneficio e producirá ata que o seu custo marxinal sexa igual ao prezo de mercado ou ingreso medio. A curva de custos marxinais no seu tramo crecente será, polo tanto, a súa curva de oferta.
|
Como vemos, produtor enfróntase, individualmente (aínda que coas catracterísticas do mercado), a un prezo dado. Na medida que poida producir por debaixo do prezo de venda (prezo-aceptante) do mercado, seguirá obtendo beneficios. |
PPT: Os ingresos en libre competencia
Neste tipo de mercado, as empresas que calculen correctamente a súa dimensión óptima, teñan os custos de fabricación reducidos, sexan eficientes, manteranse no mercado e ata poderán obter beneficios; outras empresas terán beneficios nulos, é dicir, cubrirán custos; e outras empresas obterán perdas e abandonarán o mercado.
PPT: Os beneficios en libre competencia
A longo prazo o beneficio obtido por estas empresas sería nulo, cubrirían custos e soamente manteríanse as que conseguen obter unha estrutura de custos mínima.
Se neste mercado hai determinadas empresas que conseguen obter un beneficio, isto animará a outras empresas a entrar no mercado. Debemos ter en conta que neste mercado a información é absoluta e transparente, os produtos son idénticos, non hai barreiras de entrada.
Ao entrar novas empresas, a oferta do ben ou servizo aumenta, co cal baixará o prezo de venda, co cal algunhas das empresas que non se movían nunha estrutura de custos e produción óptima, non cubrirán custos, terán que pechar, e o prezo de mercado volverá probablemente a subir. É dicir continuamente estanse producindo novos puntos de equilibrio, e continuamente empresas entran e saen do mercado.
Como exemplo de mercados que se achegan ao mercado de competencia perfecta podemos nomear os de materias primas (como produtos agrícolas e gandeiros), así como o mercado bolsista. Ultimamente estamos coñecendo numerosos exemplos que nos demostran que estes mercados son de competencia perfecta unicamente desde o punto de vista teórico xa que se veñen producindo subidas de prezos, en moitas ocasións cualificadas como inxustificadas.
Con respecto ao tema anterior, podemos dicir que os produtos que se intercambian neste tipo de mercados teñen unha curva de demanda totalmente elástica, é dicir, diante dunha pequena variación no prezo, a cantidade demandada varia nunha gran proporción, tanto que non se demanda a outros prezos diferentes.