UNIDADE 4 - TIPOS DE MERCADOS |
4.2 - MERCADO DE COMPETENCIA IMPERFECTA
EXEMPLO: LEITEGAL
ESTRUTURA |
Nº PRODUCTORES E GRAO |
||||||||
|
|||||||||
|
|||||||||
Imos analizar cada un dos tipos de mercado dentro da competencia imperfecta, que son cos que con máis frecuencia nos atopamos na realidade. Faremos unha análise dende o monopolio ata a competencia monopolística.
4.2.1 - O monopolio
Volvamos ao exemplo do principio do tema: Supoñamos que en Galicia o mercado de leite está controlado totalmente por unha empresa denominada LEITEGAL. Esta empresa recolle o leite dos gandeiros e tras ser sometida a un proceso produtivo, é posta a disposición do público en diferentes puntos de venda como supermercados, tendas tradicionais, etc. Tamén supoñemos que é a única empresa que distribúe leite en Galicia.
Un monopolio é aquel mercado no que hai unha única empresa que ofrece un determinado produto ou servizo que non ten bos substitutivos.
Neste caso LEITEGAL ten a vantaxe de marcar o prezo de compra do leite aos produtores, así como o prezo de venda do leite aos consumidores. Tanto produtores gandeiros como clientes teñen moi pouco poder para negociar o prezo de intercambio..
Os monopolios xorden debido a que existen barreiras de entrada ao mercado por determinadas causas:
CAUSAS DA EXISTENCIA DE MONOPOLIOS |
Control exclusivo de materias primas Causas tecnolóxicas Control estatal Monopolios naturais |
a) Que unha empresa teña o control exclusivo dunha determinada materia prima, ou factor de produción indispensable para a produción dun determinado ben.
Por exemplo, se houbese unha única empresa que controlase o único manantial de auga do país, esta actuaría de forma monopolística.
b) Causas tecnolóxicas: como a posesión dunha patente, dereitos de autor, marcas, etc.
Esta causa é parecida á anterior, xa que en todo caso estamos falando do control dalgún factor produtivo, o proceso produtivo. Por exemplo unha empresa que posúa unha patente sobre a fabricación dun determinado fármaco, actuaría de forma monopolística. Exemplo: Yondelis de Zeltia
c) O control estatal da oferta de determinados servizos provoca monopolios estatais.
Por exemplo, en Rusia antes da transición económica que conduciu para unha economía de mercado, o control do gas e do petróleo (como da maioría de bens e servizos) pertencía ao Estado, e este actuaba de forma monopolística.
d) Monopolios naturais: dáse cando a estrutura de custos dunha industria determinada, fai que unicamente sexa posible a existencia dunha empresa para que esta sexa rendible, xa que debido aos elevados custos de produción, sería máis eficiente o mercado canto maior fose a empresa.
Por exemplo, na maior parte dos países, cando empezou a construírse o ferrocarril, facíao unha única empresa xa que os custos de construción das vías e toda a infraestrutura necesaria para o seu funcionamento soamente era posible se unicamente unha empresa dispoñía de toda a demanda do mercado (os custos son moi elevados e para compensalos necesitan moitos ingresos, ademais o custo medio diminúe indefinidamente a medida que hai máis demanda). Aínda así, na maior parte dos casos esta industria é deficitaria e é asumida polos estados.
Como funciona o mercado monopolístico?: Funcionamento do monopolio
Cales son as consecuencias da existencia dos monopolios?: Consecuencias do monopolio
Neste mercado existen poucas empresas, pero non unha soa. O número de empresas debe ser o suficientemente pequeno para que teñan un control sobre o mercado, de xeito que poidan influír sobre o prezo e que teñan uns produtos bastante homoxéneos.
As características básicas son as seguintes:
- poucos oferentes e moitos demandantes, o que supón que as empresas poidan influír sobre o prezo
- os produtos adoitan ser homoxéneos
- o mercado non adoita ser transparente
- existen barreiras de entrada, senón moitas outras empresas estarían dispostas a entrar neste mercado.
No caso de que sexan dúas as empresas existentes no mercado chámase duopolio.
Se seguimos co caso de LEITEGAL, supoñemos que entran no mercado varias empresas competidoras doutras comunidades, ou empresarios galegos que, atraídos polos beneficios de LEITEGAL deciden dedicarse a este negocio. Se se dese o caso de que o proceso produtivo estivese controlado por unhas poucas empresas (LEITEGAL, LACTOASTUR e LACTOGROVE), estas intentarían poñerse de acordo para non prexudicarse mutuamente.
Neste caso serían tres as empresas oferentes e moitos os demandantes, polo que teñen todo o poder para marcar os prezos do leite e, neste caso probablemente non serían moi diferentes.
O motivo polo cal non entrarían moitas empresas é que neste tipo de empresas é necesaria un gran investimento para poder desenvolver todo o proceso de abastecemento do leite, produción e comercialización. Non pode entrar calquera debido a que o desembolso para constituír unha empresa deste tipo é alto.
¿Como funciona o mercado oligopolístico?: Funcionamento do oligopolio
VIDEO: Aerolineas de baixo custo (Informe Semanal)
4.2.3 - A competencia monopolística
É un mercado no que existen moitos demandantes e oferentes, que ofrecen produtos similares e que cobren as mesmas necesidades, pero que se diferencian fundamentalmente pola marca ou polo prezo.
Se nos trasladamos á realidade do mercado lácteo español, atopámonos con diferentes empresas que producen e comercializan leite. Podemos diferenciar dous tipos de empresas, aquelas que se diferencian das demais a través da marca e as que compiten en prezo.
Empresas que perseguen a diferenciación son, por exemplo A Asturiana intentando ofrecer unha imaxe de calidade baseada na pureza do leite en orixe, así como dunha produción natural nos verdes prados asturianos. Outras é Pascual, que tamén persegue unha diferenciación pero facendo fincapé no proceso produtivo, na última tecnoloxía utilizada. Os prezos os seus produtos rondan os 1,03 – 1,06 € en febreiro de 2008.
Outras marcas intentan competir a través do liderado en prezo, vendendo o seu leite a uns prezos de 0,68 – 0,75 €. Nestes casos, moitas veces trátase de marcas brancas, e ás veces ata funcionan como reclamo por parte das grades superficies.
Neste tipo de mercado as empresas buscan a diferenciación sobre todo a través da fidelización á marca, para así conseguir unha vantaxe competitiva que lle permita vender o seu produto ou servizo a un maior prezo que a competencia ou facerse cunha cota de mercado superior á dos seus competidores.
Exercicio: Busca dous mercados que consideres que estean en competencia monopolística e desenvolve as súas características segundo a seguinte estrutura:
- Número de vendedores (exemplos de empresas) e compradores
- Barreiras de entrada
- Homoxeneidade do produto
- Estratexias competitivas dalgunhas das empresas
- Grao de transparencia do mercado.