UNIDADE 7 - DIÑEIRO E INFLACIÓN

 

7.2 - FUNCIÓNS DO DIÑEIRO. DEMANDA E OFERTA

 

Para que serve o diñeiro?

 

Para contestar a esta pregunta veremos as diferentes funcións que cumpre o diñeiro nas súas diferentes modalidades:

 

Funcións do diñeiro

• Medio de cambio: o diñeiro serve para poder pagar os bens ou servizos que precisamos, neste sentido falamos de diñeiro como o medio de pagamento xeralmente aceptado.

• Unidade de conta: para poder comparar o valor dos diferentes bens ou servizos, para poder valorar a riqueza dunha persoa, é dicir, para poder comparar ou valorar os diferentes bens ou servizos necesitamos unha mesma unidade de medida do valor. Para iso utilizamos o diñeiro e valoramos as cousas no seu equivalente en euros.

• Depósito de valor: é unha medida de aforro, de acumular riqueza. Na medida que atesoramos máis diñeiro aumentamos o noso patrimonio. Neste caso debemos pensar que o diñeiro perde valor ao longo do tempo.

 

Por que necesitamos o diñeiro? Para que o demandamos?

 

Demanda de diñeiro

Os axentes da economía demandan diñeiro por diferentes motivos:

a) Motivo transacción: todos necesitamos diñeiro para adquirir os nosos bens ou servizos, así é un medio necesario para poder satisfacer as nosas necesidades.

b) Motivo precaución: en previsión de futuras necesidades, demandamos diñeiro para poder cubrilas.

c) Motivo especulación: para poder investir diñeiro en algo que pensamos que se vai revalorizar no futuro.

 

 

Canto diñeiro hai na economía? Quen ten a facultade de decidir a oferta de diñeiro? E a súa creación?

 

Oferta de diñeiro

A cantidade de diñeiro que hai nunha economía é decisión dos Bancos Centrais, no noso caso, do Banco Central Europeo, e é creado por institucións dependentes do mesmo. Pero tamén poden crear diñeiro os bancos ou intermediarios financeiros bancarios, como veremos na seguinte unidade.

A oferta monetaria, é dicir, a cantidade de diñeiro que dispoñen os axentes da economía para realizar transaccións ou por outros motivos, non se limita ás moedas acuñadas e billetes en circulación, senón que estes supoñen unha pequena parte da oferta monetaria. Hoxe en día está moito máis xeneralizado o pagamento con tarxetas de crédito, transferencias, etc., e en ningún destes casos utilízanse moedas nin billetes.

Polo tanto, para contabilizar a cantidade de diñeiro que existe nunha economía, hai que contar os depósitos bancarios ademais das moedas e billetes en mans do público.

 

SABER MÁIS

A oferta de diñeiro

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina