UNIDADE 7 - DIÑEIRO E INFLACIÓN |
7.5 - CAUSAS E CONSECUENCIAS DA INFLACIÓN
As diferentes teorías explicativas da inflación céntranse en tres vías: a inflación débese a excesos de demandas (inflación de demanda), que se produza polo lado da oferta (inflación de custos) ou debido a desaxustes máis profundos e estruturais (inflación estrutural).
Inflación de demanda
A) A inflación de demanda: a cantidade de bens e servizos demandados polos axentes económicos é superior á capacidade produtiva da economía.
- Por un lado podemos explicala a través da Demanda Agregada [DA = C + I + G + (X-M)], ao aumentar a cantidade demandada por parte das familias, empresas ou Estado por riba das posibilidades de produción da economía, prodúcense subidas de prezos.
- Por outra banda (segundo os monetaristas) a suba da cantidade demandada é debida ao aumento do diñeiro en circulación.
Exercicio:
Le o seguinte artigo e relaciónao coas causas que actualmente poden estar provocando a inflación
A causa inmediata do mal é fácil de enunciar. O difícil é identificar a causa última. A causa próxima da inflación é sempre a mesma: un incremento demasiado rápido da cantidade de diñeiro en circulación con respecto á produción.(...)
As variacións no circulante son decididas agora polo goberno, o que significa que actualmente nos Estados Unidos a inflación provén exclusivamente de Washington. Por suposto que a ningún goberno lle gusta cargar coa responsabilidade dos seus desacertos, aínda que, sen dúbida, sempre se achen dispostos a atribuírse canto de bo outros fagan. Por tal motivo, os nosos gobernantes culpan da inflación aos xeques árabes, que incrementan o prezo do petróleo; aos líderes sindicais, que impulsan á alza os salarios; á cobiza do mundo empresarial; ás catástrofes naturais, que malogran as colleitas, etc. Todos estes factores non son, sen embargo, senón chibos expiatorios que apenas teñen que ver coa inflación.
(Milton Friedman, Paro e Inflación, 1982)
FONTE: www.eumed.net
Inflación de custos
B) Inflación de custos: derivada do aumento do prezo dos factores de produción, como poden ser as materias primas, o empresario para non ver diminuídos os seus beneficios, trasladan este incremento do prezo dos factores aos seus produtos finais.
Este incremento dos custos dos factores pode ser tanto por parte das materias primas como doutros factores como tipos de interese, salarios, etc.
Inflación estrutural
C) Inflación estrutural: cando a estrutura económica dun país é demasiado ríxida e prodúcense estrangulamentos en determinados sectores, impedindo o correcto funcionamento da economía, ao non poder dar resposta ás demandas da sociedade. Estes estrangulamentos de determinados sectores trasládanse a outros, provocando unha subida de todos os prezos.
Este tipo de inflación producíuse nas economías latinoamericanas na segunda metade do s. XX.
Algunhas das consecuencias da inflación poden ser:
- Perda da capacidade de compra do diñeiro
- Perda de poder adquisitivo, cando as rendas non se incrementen na mesma contía que a suba dos prezos.
- Aumento do desemprego, provocado por unha substitución da man de obra por capital físico (maquinaria) debido á suba dos salarios para manter o poder adquisitivo.
- Empeoramento da Balanza Comercial, ao ser os bens e servizos da economía cada vez máis caros cós doutros países, aumentarán as importacións fronte ás exportacións.
Outras consecuencias poden ser:
- Os debedores se ven beneficiados xa que as cantidades que deben cada vez supoñen un menor importe das súas rendas
- Os acredores se ven prexudicados, desde que non compensen este efecto da inflación cun maior tipo de interese.
- Os máis prexudicados son aqueles que teñen un baixo poder de negociación (xubilados, funcionarios, traballadores de pequenas empresas) que ven como os prezos soben por riba das súas rendas.
- Os beneficiados serán aqueles que teñen un maior poder de negociación para subir as súas rendas e, en certo sentido o Estado coa súa condición de debedor.
Pregunta: cales son os axentes da economía máis prexudicados pola inflación