Biblioteca > Malos tempos para a lírica?

 

EMPOEMÉMONOS. Gran acontecemento literario!!!


Cando comezou este último trimestre de curso, propuxémosvos xogar con esta palabra, xogar a ser lectores e a ser creadores de poesía. Dende aquí, dende o blog, dende as aulas, animámosvos a participar. Somos conscientes de que moitas veces custa entrar, de que moitos de vós enfuciñades ao oír a palabra máxica, sabemos que arestora seguides a pensar que isto non é para vós. Pero tamén nos percatamos de que algúns, e algunhas, vides de descubrir un mundo novo. Un máxico e marabilloso mundo novo.

E para rematar o curso, que mellor que reunirnos arredor dun plantel de grandes poetas galegos. Temos que esforzarnos por espertar e pensar que isto non foi un soño, facérmonos sabedores de que a nosa biblioteca, por segundo ano consecutivo, foi quen de reunir a personalidades literarias de tal dimensión que aínda agora sorrimos lembrándoo. Se o ano pasado, xusto un ano menos un día, falabamos de "evento cultural sen precedentes", este ano non temos palabras para agradecer a xenerosidade de tod@s cant@s se acercaron para compartir os seus poemas, as súas inquedanzas, connosco. Recollemos as nosas verbas do curso pasado, as nosas intencións, de transformar este acto "nunha fervenza que chegue a océano de sabedoría e cultura". A lagoa xa é un mar: un mar de poesía e de poetas que nos fascinan.



MARÍA DO CEBREIRO
BIOGRAFÍA: Nacida en Santiago no1976. Doutora en teoría da literatura. Escribiu os libros de poemas O estadio do espello (1998), (Nós, as inadaptadas) (2002), accésit do Premio Esquío e Non queres que o poema te coñeza (2004), Premio Caixanova , convocado polo Pen Clube de Galicia. É autora, ademais, do poema longo Pérfida Erín , en edición dixital (2001), e da serie Atlas (2003). Coordinou os volumes A poesía é o gran milagre do mundo (2001), mostra de poesía galega contemporánea traducida ao inglés, e Damas Negras (2002), antoloxía de letras de cancións interpretadas por mulleres afroamericanas.
OBRAS: "As terceiras mulleres", "Os hemisferios", "O estadio do espello"...

A MACIÑEIRA

UNHA LINGUA, dous sexos.

Comezo no papel.

Acabo moito antes
que o papel.

O meu xesto é a nada.

Os dous rouban a froita
que nin precisan
nin desexan .


MIRO VILLAR

BIOGRAFÍA
: Nacido en Cee no ano 1965.
Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte.


OBRAS: "42 décimas de febre", "Abecedario da desolación", "Equinoccio de primavera"...

"Como a bomba de Hiroshima,
mon amour , o teu silencio
devastador evidencio
e abofé que teño grima
pois cobizo máis estima.
Non serei correspondente
dun olvido evanescente
porque o teu calar destrúe
o que o noso Amor constrúe
pouco a pouco , lentamente."



ORIANA MÉNDEZ

BIOGRAFÍA
: Nace en Vigo no ano 1984. Actualmente estuda Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela.



OBRAS: "Derradeiras conversas co capitán Kraft"

ISTO é un puzzle de incógnitas,
seguimos espiando os misterios que son coma os outonos .
Todo pola ecuación exacta.

Desde que as leis do espazo foran destruídas
non sabemos que hemisferio pode agochar todos os
asasinados
da Batalla de Alxer .

Todo pola ecuación exacta.

 

 

CELSO FERNÁNDEZ SANMARTÍN



BIOGRAFÍA
: Nace en Lalín en 1969. Licenciado en Filosofía en 1995 pola Universidade de Santiago de Compostela. Ademais de poeta, é un maxistral contacontos . Actualmente traballa na Residencia da Terceira Idade Nosa Señora das Dores de Lalín.


OBRAS: "Propiamente son captivo" , "Fucsia...", "Sen título"...

"e se quixera ser o paxaro que pía
nese niño miúdo

qué pensarías
pode que inda quixeras vivir
nunha casiña de herba
nunha palleira
comigo

unha nube clara e unha nube escura e polo ceo vas

a auga das fontes neste lugar
e lávanas a roupa sen xabón
e pona ó sol

que os átomos do meu amor
son pequenos coma pinzas da roupa

e pequeno eu coma o país dos grilos
que se chaman unhos a outros

de noite de país a país
e ti que es costureira
cóseme como mellor vexas
que igual doutra maneira
cóseme alguén e non me quere"

 

DIEGO AMEIXEIRAS


BIOGRAFÍA
: Naceu en Lausanne ( Suiza , 1976), pero a súa cidade é Ourense. Licenciado en Ciencias da Información, foi colaborador de "El Mundo-Galicia ", redactor de "Diario de Pontevedra" e formou parte do equipo de " Bravú . net ". Na actualidade colabora como guionista con Continental Produccións e publica artigos en diferentes revistas, fanzines e publicacións electrónicas.

OBRAS: "Baixos mínimos", "Tres segundos de memoria", "O cidadán do mes"


"Shizuka era unha ninja consentida. Coñecía á perfección a arte das sombras e convertérase nunha consumada artista no manexo da espada, pero prestáballe máis a canícula auriense, a barra fixa dos Faraones e vivir da conta corrente do panocas Magohachi , aquel marruco fillo de samurais que seguía namorado dela coma un perdido. Shizuka , virtuosa do Iaijitsu , abandonara Kyoto cando coñecera por chat un opositor ourensán guapísimo"


 

FRAN ALONSO

BIOGRAFÍA
: Naceu en Vigo en 1963. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa , desenvolve o seu labor profesional nos ámbitos do xornalismo e da edición. Tamén cursou estudos de posgrao en Literatura Infantil. Na actualidade é Subdirector de Edicións Xerais de Galicia.

OBRAS: "Poetízate", "Trailer", "Cidades", "Cemiterio de elefantes"...

"Padece do corazón
e de índice elevado de lavañeiras en sangue .
Ten vitrocerámicas nos ollos das enfermeiras ,
que lle ferven o sangue con azucre
e algodón, cada dúas horas.
Ás veces chóralles aos médicos
ou ri , tan escasamente,
nese microondas do cerebro
onde coce sentimentos
prelavados.
Padece de home híbrido,
hipertenso,
case hipopótamo atado a unha cama sanitaria,
porque ten un aquel de neno ,
ou de pirata, ás veces de home lamprea.
Pero pouco sabe dese mal desesperado,
nespereiras atrancándolle as veas,
anque aos fillos só lles diga,
malditas cefalalxias ,
botádelleme leña ás constantes vitais"

 

CARLOS LEMA
BIOGRAFÍA: Nace en San Sadurniño no ano 1958. Estudou filoloxía en Santiago de Compostela, onde foi colaborador do Instituto da Lingua Galega. Foi asesor lingüístico na Radio Galega . De 1989 a 2001 traballa en Sotelo Blanco Edicións. No 2001-02 colabora con Edicións Xerais de Galicia. Desde o ano 2002 é director de edicións de Editorial Galaxia.

 



Enderezos
| Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos | 20 de Xuño de 2007