Biblioteca > Movémonos pola Paz > Conflitos bélicos
MIRAMOS CARA OUTRO LADO |
|||||
|---|---|---|---|---|---|
Teremos que esperar a ver unha película que nos fale dos innumerabeis asasinatos que se están a producir en Darfur ou no Chad para sensibilizarnos?
Agora, algo semellante ocorre nesas terras esquecidas por nós (cantos podemos situar estes territorios nun mapa?) e os nosos gobernos, unha vez máis, reviran a cara para outro lado. De novo, motivos económicos, ou a súa ausencia, fai que o drama humano de miles de persoas nos resulte indiferente.
Cantos tedes oído o que está a ocorrer? O silencio é o mellor aliado dos gobernantes. Por iso, desde a nosa humilde páxina web, queremos mandar unha chamada de atención. Queremos que saibades o que sucede para que sexades vós os que optedes pola insubmisión ou polo esquecemento. Sabes onde está Darfur? É unha zona do oeste de Sudán. Fíxate no mapa!
As evidencia de que en Darfur estase a producir un xenocidio descomunal agrándanse día tras día. Resulta imposíbel calcular canta xente morreu alí nos últimos catro anos, pero sábese que os mortos son máis de dous centos mil, os refuxiados cóntanse por millóns, e son innumerabeis as aldeas incendiadas e saqueadas polos nómades árabes (os tristemente famosos xinetes beduínos ou “yanyawid”) que matan os homes, violan mulleres ou convértenas en escravas sexuais durante semanas, rouban o que topan dalgún valor, destrúen a comida, envelenan pozos, matan gando...; actúan xusto despois dun ataque aéreo das forzas gobernamentais. Os que conseguen fuxir amoréanse en campos insáns, onde patrullan os “yanyawid”. Polo que se non morreron durante un ataque combinado do Goberno e dos nómades, morrerán no campo de refuxiados ou no intento de saltar o seu perímetro en busca de auga, leña ou alimento. Os Goberno de Jartum, árabe e islamista, négao. O Consello de Seguridade da ONU é incapaz de actuar porque China vetaría o envío de forzas pacificadoras. Por que? Porque controla o 40% do petróleo da zona, e Sudán é o terceiro país petrolífero de África. Francia tamén controla outra porcentaxe do petróleo. Así que é mellor calar, calar coma os miles de mortos de Darfur. Dar as costas, mirar para outro lado, e seguir adiante coas nosas vidas. As deles xa non existen. Os mortos non poden falar. E que dicides do Chad? Tamén vos indicamos a súa situación no mapa. Como podedes comprobar, linda coa zona anterior. Así que, para onde fuxir?
Non hai moitos días, xinetes árabes empuñando kalashnikovs, apoiados por todoterreos con morteiros e lanzagranadas, rodearon as aldeas de Tiero e Marena; os vehículos bloquearon a estrada do oeste, a que conduce a Koukou, onde a presenza das axencias humanitarias que asisten aos refuxiados sudaneses ofrece algo de seguridade. Entón comezou o ataque: nas aldeas as forzas de autodefensa armadas polo Goberno do Chad e os Toroboro, tropas sudanesas ao seu servizo, opuxeron resistencia durante horas, pero foron finalmente esmagados polos xinetes árabes e os rebeldes chadianos amparados polo presidente sudanés. Francia protexe ao ditador do Chad, China protexe ao ditador de Sudán, Estados Unidos gaguexa condenacións e lava as mans no petróleo de ambos países. Todos eles, brancos, negros, amarelos, dan asco: damos asco .
Acabada a loita, os xinetes e os rebeldes permitiron que mulleres e nenos emprenderan, despoxados e a pé, a ruta de Koukou: os homes, non. Foron executados. Ao serán, coa vida en desconto, as nais e os fillos alcanzaron os arredores de Koukou: os máis pequenos non tiveron forzas para chegar e pereceron deshidratados no camiño. En poucas horas, máis de 4000 seres humanos xacían exhaustos baixo as poucas árbores que hai ás aforas: os refuxiados sudaneses (eses de Darfur dos que vos acabamos de falar) saíron ao seu encontro e compartiron o pouco que teñen, a auga e o millo. Durante días aquela xente non contou con máis axuda que a que lles brindaron as persoas máis pobres do planeta .
Pero isto non rematou: tras os ataques de Tiero e Marena, o exército lanzou unha contraofensiva por terra e aire contra os rebeldes, e nas aldeas as tribos locais e os árabes prepáranse para a vinganza, encirrados por presidentes remotos que compran as súas armas cos cartos das grandes petroleiras, que á súa vez enriquécense vendéndonos gasolina a nosoutros, a nosoutros, que tanto amamos a paz . Seguro, haberá máis desprazados e haberá máis sangue ata que toda morte violenta e inxusta non paralice o mundo. Que podemos facer? Deixámosche a reflexión
|
Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos | 07 de Maio de 2007 | IES Pintor Colmeiro





