Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > Definición de Infancia

"A infancia é moito máis que a época que transcorre

antes de que a persoa sexa considerada un adulto"

A infancia, que significa moito máis que o tempo que transcorre entre o nacemento e a idade adulta, refírese ao estado e a condición da vida dun neno: á calidade deses anos. Un neno secuestrado por un grupo paramilitar e obrigado a portar armas ou a someterse á escravitude sexual non pode gozar da súa infancia, nin tampouco un neno que ten que traballar duramente nun taller de costura da capital, lonxe da súa familia e da súa comunidade natal. Tampouco gozan da infancia os nenos e as nenas que viven na maior miseria, sen alimentos adecuados, sen acceso á educación, ao auga potable, a instalacións de saneamento e a un lugar onde vivir.

¿Que significa entón para nós a infancia? A calidade das vidas dos nenos e as nenas pode cambiar de xeito radical dentro dunha mesma vivenda, entre dúas casas da mesma rúa, entre as rexións e entre os países industrializados e en desenvolvemento. Canto máis se achegan os nenos e as nenas á idade adulta, máis diferenzas hai entre as distintas culturas, países e ata persoas do mesmo país con respecto ao que se espera da nenez e ao grao de protección que deben ofrecerlles os tribunais ou os adultos.

Con todo, malia numerosos debates intelectuais sobre a definición da infancia e sobre as diferenzas culturais acerca do que se debe ofrecer aos nenos e o que se debe esperar deles, sempre houbo un criterio amplamente compartido de que a infancia implica un espazo delimitado e seguro, separado da idade adulta, no cal os nenos e as nenas poden crecer, xogar e desenvolverse .

Un novo comezo para a infancia: Na Convención sobre os Dereitos do Neno, aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1989, aparece unha nova definición da infancia baseada nos dereitos humanos. A Convención é o primeiro tratado internacional de dereitos humanos que combina nun instrumento único unha serie de normas universais relativas á infancia, e o primeiro en considerar os dereitos da nenez como unha esixencia con forza xurídica obrigatoria. A Convención representa a culminación dun proceso de recoñecemento dos dereitos da infancia e do estatus especial da nenez que cobrou un impulso considerable a medida que avanzaba o século XX.

Pincha aquí para volver ao índice principal


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos