Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > A Ablación

A Ablación consiste na extirpación total ou parcial dos órganos xenitais externos das mulleres. Na maioría dos casos realízase baixo condicións insalubres onde son utilizados instrumentos non limpos como follas de afeitar, navallas, tesoiras, coitelos de cociña ou ata pezas de vidro.

Polo xeral non se utiliza ningunha anestesia para aliviar a dor. Adóitaa realizar unha muller maior e con experiencia á que o seu traballo confírelle un alto status social. En Exipto estas mulleres chámanse "dayas", en Guinea "fanatecas" e noutros países de África, "buankisas".
Dise que a ablación existe desde hai máis de 2.000 anos. A súa existencia podería ata remontarse a 4.000 anos. Comunmente dise que é unha práctica defendida e promocionada pola relixión islámica, pero isto non é de todo exacto. Existía en África antes da difusión do Islam e o que pasou é que alí onde se practicaba mesturouse cos costumes islámicos. En moitos países islámicos non se practica, mentres que hai comunidades cristiás ou animistas que si a levan a cabo, porque viven nunha zona onde a Ablación é habitual.

Considérase que manter a crenza de que a ablación é unha práctica islámica reforza os prexuízos contra os crentes musulmáns e pode fomentar o racismo contra eles. Ademais, estes prexuízos poden facer que algunhas das persoas que cren que a Ablación é un deber para as musulmás radicalicen a súa postura, para defenderse de quen os critican. Isto prexudica os esforzos por acabar coa Ablación, que en realidade é unha práctica allea á relixión. Máis de tres millóns de nenas sofren mutilación cada ano.

A estimación do número de mulleres actualmente vivas que sufriron ablación en África é de entre 100 e 130 millóns, isto significa, considerando a actual taxa de nacementos, que cada ano aproximadamente dous millóns de nenas corren o risco de padecer algún tipo de mutilación xenital feminino. A ablación xenital feminina é unha práctica discriminatoria que vulnera o dereito á igualdade de oportunidades, a saúde, a loita contra a violencia, o dano, o maltrato, a tortura e o trato cruel, inhumano e degradante.

Unha de cada catro mulleres musulmás sofren a mutilación xenital ou ablación no mundo. Cando unha nena ten febre por culpa dunha infección din que é bruxería. Os principais riscos da mutilación xenital en mulleres son deixar que o sangue coagule sobre a ferida e que a pechen para que cicatrice. Isto provoca infeccións, problemas co parto, nas relacións sexuais, infeccións de ouriña, na menstruacións. Moitas nenas morren durante o proceso.

ETIOPÍA: A loita contra unha antiga tradición: A mutilación xenital feminina en Etiopía


FAFFAN, Etiopía, 10 de xullo de 2006 - Nestes días, Asmah, de seis anos de idade, e as súas amigas Deca, Ferhia e Hassina permanecen recluídas e illadas do resto da súa comunidade. Permanecen coas pernas atadas, e os adultos dixéronlles que durman todo o que poidan e que non se laven, xa que dese xeito cicatrizarán mellor as súas feridas.

- “Antonte chamáronnos e dixéronnos que nos ían levar a peitearnos”, lembrou Asmah. “Dixéronnos que sentaramos e logo deitáronnos no chan pola forza e cortáronnos”.

Como lles sucedera antes a súas nais e avoas, Asmah e as súas amigas foron sometidas dese xeito á milenaria práctica tradicional da mutilación e excisión xenital.

- “ Chorei moito

-“ Trataron de reconfortarme dicíndome que me sentiría mellor, pero ardíame intensamente e chorei moito ”, explicou Asmah.

Bedria Mohammed, a nai da nena, síntese mal debido a que a tradición obrigouna a magoar a súa propia filla. Pero agrega que non tiña ningunha alternativa. A nai cre que de no ter mediado esa operación, Asmah sería excluída da comunidade polo resto dos seus días e tería perdido toda posibilidade de conseguir marido e un futuro seguro. A maioría dos poboadores locais cre que a práctica garante a virxindade das nenas, o que, a súa vez, constitúe un requisito ineludible para chegar a un matrimonio honroso.

Segundo a Enquisa Demográfica e de Saúde de 2005, máis do 74% das mulleres de Etiopía de entre 15 e 49 años sufriron algunha forma de mutilación e excisión xenital. Na rexión somalí deste país, a proporción de mulleres que sufriron esa operación chega ao 97%.

KENIA: Fuxindo da ablación

Como consecuencia da lei que en decembro de 2001 se aprobou en Kenia, e pola cal se castiga a práctica da ablación do clítoris neste país, 16 mozas kenianas, de entre 12 e 16 anos de idade, fuxiron dos seus fogares para poder salvarse desta mutilación, que aínda se segue practicando nas zonas rurais deste país africano. Estas xoves deixaron as súas casas xa que sospeitaban que os seus pais ían obrigalas. As mozas toparon abeiro no Centro para os Dereitos Humanos e a Democracia de Eldoret (noroeste de Kenia), que solicitou un mandamento xudicial coa fin de prohibir aos pais que sometan ás súas fillas á intervención.
- "Negámonos a padecer a mutilación porque significa deixar o colexio, casar pronto, e logo innumerables problemas e dores para dar a luz", declarou unha das nenas.

AGORA IMAXINADE VÓS ESTAS DÚAS SITUACIÓNS

Maxina que tes 8 anos e acabas de empezar as túas vacacións de verán. Un día os teus pais dinche que van facer unha celebración no teu honor, porque xa es maior e tes que converterte nunha persoa respectable e boa. Así que unha tarde, vas con algúns dos teus familiares a un lugar no que non estiveras antes e onde hai persoas da túa localidade, ás que coñeces de vista. A algunhas non as coñeces. A túa nai diche que te tranquilices, quítache a roupa e pídeche que non te movas nin berres. Entón alguén moi maior e que che dá un pouco de medo achégase cara a ti cun obxecto cortante.

Días máis tarde aínda che doe o lugar de onde cortou un pouco do teu corpo. A túa familia está moi contenta, felicítante e dinche que están moi orgullosos de ti. Ás veces cres que non podes soportar a dor, pero ao mesmo tempo notas como a xente mírate doutro xeito: felicítante e parece que ata te toman máis en serio. Sabes que o que che fixeron é algo moi común e valorado, pero oíches algunhas historias sobre xente que o pasou moi mal despois, polos problemas físicos, as infeccións e a dor que tiveron durante toda a súa vida. Ata sabes que unha veciña da túa idade morreu o ano pasado. Alégrache que agora te consideren alguén importante pero non entendes por que é necesario sufrir tanto para que te aprecien. ¿Por que se te queren fanche algo tan malo?

Agora imaxina outra historia distinta. Tes 15 anos e a túa familia negouse hai anos a que te cortasen nada. Os teus pais pertencen a unha asociación onde lles explicaron o perigoso que é iso para a saúde e para os teus dereitos. Eles non queren que sufras, aínda que teñan que enfrontarse ás críticas da xente. Sabes que a túa nai pasouno moi mal cando lle ocorreu a ela e que ata se puxo moi doente. Cres que aínda se sente mal, aínda que nunca fala do tema.

Sentes pena por xente da túa idade que si foi cortada e que tivo que deixar de estudar ou de xogar porque a dor e as infeccións non llelo permiten. Pero ao mesmo tempo, e aínda que non llo digas a ninguén, sentes un pouco de envexa. Paréceche que a xente sente respecto polas persoas que foron cortadas, mentres que a ti desprézante. Na escola algúns mozos e mozas chegáronche a dicir que es unha persoa sucia e que lles dás noxo. Tamén che dixeron que non es boa persoa, e que mentres conserves a parte do teu corpo que non che cortaron, non se poderá confiar en ti.

Ás veces tes medo de que nunca ninguén te queira nin se namore de ti. Ademais, sabes que os teus pais tiveron moitos problemas con familiares e veciños por querer defender o teu dereito á integridade física. Ás veces pregúntaste se non sería mellor sufrir dor e arriscar a túa saúde antes que soportar tantos desprezos. Estás pensando que quizais deberías deixar que che corten ese anaco do teu corpo. Se toda a xente o fai, non pode ser tan malo, ¿non?

Estas dúas situacións, por incribles que nos parezan, correspóndense coa realidade de moitas das millóns de nenas que cada ano enfróntanse á Ablación /Mutilación Xenital Feminina

A protagonista da primeira historia non puido decidir sobre se quería ou non que lle practicasen a A /MGF. A protagonista da segunda está pensando que quizais debería facelo: ¿Cres que as dúas teñen verdadeira liberdade de decisión? Os pais da primeira historia queren que a súa filla sexa aceptada socialmente, que a respecten e que poida aspirar a un bo matrimonio e a formar unha familia. Os pais da segunda historia enfróntanse ao rexeitamento social porque prefiren que a súa filla teña boa saúde e non sufra. ¿Cres que toman decisións acertadas?

Na primeira historia a xente admira e respecta á protagonista tras ser mutilada, porque é algo que valoran e consideran bo. Na segunda historia a xente pensa que a protagonista non pode ser unha boa moza mentres o seu corpo permaneza intacto. ¿Cres que é unha cuestión cultural que debemos respectar ou cres que esconde un problema de violencia contra as nenas e as mulleres?

Aínda que é mundialmente aceptado que a A /MGF é unha violación dos dereitos humanos das nenas e as mulleres, séguese practicando. Quen a practican pensan sinceramente que protexen ás nenas e ás mulleres. Con todo moitas delas sofren moito durante toda a súa vida e algunhas chegan ata a morrer. Cómpre acabar con esta práctica, pero sen atacar ás persoas que a defenden. Por iso é un tema tan difícil de abordar.

A información é a ferramenta principal da loita para facer
desaparecer dunha vez por todas a A /MGF.

Pero debe ser unha información axeitada ás características de cada comunidade, con argumentos aceptables e compatibles cos seus puntos de vista sobre o mundo. Deste xeito podemos axudar, xunto ás institucións e gobernos, na detección e erradicación da A /MGF. A mutilación xenital feminina é unha cuestión que preocupa ás mulleres e aos homes que cren na igualdade, a dignidade e a xustiza para todos os seres humanos, sen distinción de sexo, raza, relixión ou identidade étnica. Non debe considerarse como o problema dun grupo ou cultura determinados. A mutilación xenital feminina practícase en distintos grupos sociais, culturais, relixiosos e étnicos. Representa unha traxedia humana e non debe utilizarse para enfrontar a africanos contra non africanos, a uns grupos relixiosos contra outros, nin a mulleres contra homes.

Pincha aquí para volver ao índice principal

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos