Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > A eliminación das nenas

En moitas rexións do mundo máis vale nacer rapaz que rapaza, xa que en case todos os países periféricos, a desigualdade entre os sexos encerra a estas últimas nun círculos vicioso que transmite de xeración en xeración o seu estado de inferioridade. Esa discriminación é tan preocupante e os seus efectos tan considerabeis que a UNICEF reclamou en varias ocasións ante as Nacións Unidas que a loita contra a discriminación sexual figure ao mesmo nivel que a establecida contra a discriminación racial. O problema ten tanta máis amplitude canto que atinxe principalmente aos países máis poboados do planeta: India, China, Bangladesh, Indonesia e Paquistán, que representan por si sós as dúas terceiras partes da humanidade.

As explicación non faltan. Segundo as nacións, os territorios, os pobos, esa inxustiza ten raíces e razóns históricas, e está ancorada en tabús tradicionais, estereotipos sexuais e prexuízos socioculturais nados do sistema de castas, de lexislacións antinatalistas, de consideracións económicas ou de interpretacións relixiosas que se apoian en textos que privilexian a descendencia masculina. Tamén os avances médicos que permiten elixir por eliminación o sexo da criatura ao nacer, xogan en contra das rapazas.

Entre as múltiples razóns que alimentan a discriminación hai algunhas que destacan máis que outras. Para os pais, ricos ou pobres, unha filla só está de paso no fogar familiar. A presión exercida sobre as mulleres é tal, que moitas delas, aínda que desexaran ter unha filla, evítano de calquera xeito, sabendo que esta corre o risco de verse maltratada, subalimentada ou mesmo vendida.

Esta prioridade concedida aos varóns non é só unha cuestión de comportamento. Xera evidentemente para as nenas desigualdades escandalosas en todos os aspectos da vida. Por exemplo, aliméntanas peor ca aos irmáns; vense máis privadas que os nenos do dereito fundamental ao ensino primario. O abismo que existe entre os sexos non é menor no que se refire á sanidade. É máis normal levar un neno enfermo ao médico que a unha filla na mesma situación; en moitos países, a asistencia sanitaria aos rapaces duplícase á que se presta ás nenas. A discriminación sexual amósase tamén no traballo, evidentemente. Hai máis nenas a cargo das tarefas peor remuneradas e fisicamente máis duras; a inmensa maioría das nenas non foi nunca á escola, e esa discriminación transfórmase en explotación.

Normalmente son as mulleres maiores as que contribúen a perpetuar as actitudes discriminatorias en lugar de ensinar ás súas fillas a valorarse. A desnutrición, a falta de coidados e as tarefas esgotadoras desde unha idade moi temperá teñen, evidentemente, efectos perniciosos, e a taxa de mortalidade das rapazas é na maioría dos países de Asia máis elevada que a dos rapaces.

En certas rexións do mundo, o nacemento non é para moitas nenas a porta á vida. Ao igual que os fetos do seu mesmo sexo, as nenas acabadas de nacer corren un grave risco de ser eliminadas. A loita contra a demografía galopante pasa desde hai varios anos pola planificación familiar. As autoridades cerraron os ollos durante moito tempo ante a eliminación das neonatas, tendo en conta o aspecto positivo desa discriminación mortal.

Pincha aquí para volver ao índice principal

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos