Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > O traballo infantil

En todas as sociedades, os nenos participaron e participan en certas actividades económicas xunto aos seus pais. Xa fora no campo, na tenda ou no fogar, os nenos iniciábanse no traballo desde o ámbito familiar. Era imperioso que os nenos aprendesen o prezo do traballo, medisen a súa importancia e se instruísen nos seus segredos. Aprender a traballar é algo que sempre formou parte da educación sa e equilibrada dun neno. O traballo considérase como a iniciación privilexiada á sociabilidade. Pero a necesidade empurrou a empregar sistematicamente a nenos como man de obra fóra das súas familias, e este novo xeito de proceder transformouse axiña nun problema crucial. Víronse sometidos á máis dura explotación, ocupando postos de traballo insalubres, perigosos, esgotadores, privados de ocio, de benestar e con moita frecuencia do menor calor familiar. Ese conxunto de circunstancia dana irremediabelmente o seu desenvolvemento mental, psíquico e físico, e fai insoportábel a súa existencia.

O traballo dos nenos está tanto máis estendido canto maior é a dependencia económica da sociedade, a rexión ou o país. É dicir, os nenos que traballan son prisioneiros do subdesenvolvemento, que xera e mantén a desigualdade social e a extrema pobreza: nos países pobres ou periféricos vive o 98% dos centenares de millóns de nenos condenados a traballar.

O traballo infantil é un problema extremadamente complexo, xa que o que está en xogo non é só a supervivencia do menor, senón moitas veces a de toda a súa familia. A miseria empurra ás familias sumidas na pobreza a facer traballar aos nenos dende a súa máis tenra infancia coa fin de aumentar o presuposto familiar cuns ingresos adicionais, por pequenos que sexan. Trátase moitas veces dunha necesidade estricta, que trae consigo o sacrificio parcial ou total das necesidades do neno. Este traballa para compensar a carga que representa e axudar a satisfacer as necesidades dunha familia con frecuencia moi numerosa. Canto maior é unha familia, máis probabilidades hai de que os fillos traballen, e menos de que asistan á escola.

Crese que uns 300 millóns de nenos estás sometidos ao traballo infantil: no mundo subdesenvolvido un de cada catro nenos traballa. Isto significa que uns 150 millóns de nenos de menos de 11 anos están totalmente excluídos do acceso á educación. Os diversos estudos estatísticos demostran que a propensión dos nenos a exercer actividades económicas é por termo medio dúas veces máis alta nas zonas rurais ca nas urbanas. Nas primeiras, 9 de cada 10 nenos traballadores realizan unha actividade agrícola ou similar, mentres que nas urbanas o traballo infantil localízase sobre todo no comercio, os servicios, en particular o servizo doméstico, e no sector manufacturero; porén, debido á rápida urbanización da maioría dos países periféricos e a importante migración da poboación rural cara ás grandes urbes, o volume total do traballo infantil aumenta de xeito regular nestas últimas, en proporcións moi significativas.

No momento actual pódese trazar o cadro seguinte a escala mundial: o 98% dos nenos economicamente activos tópanse en países periféricos. O 60% dos nenos traballadores sitúanse en Asia, o 31% en África, o 7% en Latinoamérica e o 2% restante en Europa e Norteamérica. En cifras absolutas é, por tanto, Asia, a parte do mundo máis poboada, a que alberga o maior número de nenos traballadores; en África traballa un neno de cada tres; en Latinoamérica esa proporción é de un neno de cada cinco.

RISCOS FÍSICOS E TORTURA PSICOLÓXICA

O abuso, a precocidade, a natureza do traballo e as condicións en que se impón a millóns de nenos son moi prexudiciais e pódenlles causar danos físicos e psíquicos irreversibles. Un neno que realiza durante anos un traballo físico penoso pode perder ata o 30% do seu potencial biolóxico de desenvolvemento corporal. En moitas actividades resulta extremadamente probábel que contraian enfermidades ou sufran graves lesións que conducen a amputacións ou a unha morte prematura. Frecuentemente aparecen mesturados riscos químicos, físicos, biolóxicos e psicolóxicos, cuxos efectos non se suman simplemente, senón que se potencian mutuamente.

Unha das primeiras constatacións derivadas dos estudos disponibeis amosa que en xeral os esforzos repetidos e prolongados realizados polos nenos que traballan inflúen sobre a súa estatura. Os nenos que traballan son máis pequenos e esguízaros cós outros nenos da súa mesma idade non sometidos ao traballo. Aqueles acumulan toda sorte de síntomas, dores musculares, de peito, abdominais, de cabeza, esvaecementos, dificultades respiratorias, diarreas crónicas, infeccións por parasitos, etc.

Xunto ás enfermidades e os accidentes, os nenos que traballan poden sufrir danos psíquicos graves. Soen ser vítimas dun proceso que os leva a perder parte da súa personalidade e dos comportamentos propios da súa idade. A constante presión que se exerce sobre eles e que os prohíbe expresarse repercute sobre o seu equilibrio nervioso e mental e lles infrinxe serios trastornos psicolóxicos. Ao pasar toda a xornada fóra da súa casa, volvendo tarde á casa, vense privados na súa maioría de consellos, coidados e afecto.

O problema é máis patente aínda no caso de nenos de curta idade afastados da súa familia, como o son quen exerce o servizo doméstico en todos os currunchos do mundo. Os que traballan fóra da casa temen permanentemente perder o seu traballo ou contraer calquera das moitas enfermidades que os eliminarían do mercado de traballo. Tamén temen, se están por debaixo da idade legal, ser descubertos e devoltos ao lar paterno, ou á rúa, por algunha autoridade.

OS DIVERSOS SECTORES DA ACTIVIDADE ECONÓMICA

Os nenos traballan en todo o mundo na totalidade dos sectores económicos efectuando as mesmas tarefas que os adultos. Pódense atopar na manufactura, o comercio, a artesanía, a agricultura, as explotacións forestais, as pesca, a industria pesada de transformación, as minas, as canteiras, a construción, as fábricas de vidro ou de ladrillos, nas diferentes ramas do téxtil, do coiro, da madeira, o plástico ou o metal, ademais dos pequenos beneficios de subsistencia.

Hai unha serie de factores que guían aos nenos cara a un sector de actividade ou outro. Introdúcense nel por tradición familiar, ou porque algún parente xa traballa alí, ou porque é a única posibilidade no intre en que buscan traballo, ou porque viven nunha rexión na que é a única actividade económica estendida, ou porque os “intermediarios” ou contratantes de man de obra colócanos alí onde hai demanda. Tamén pode suceder que se deixen seducir por unha promesa de aprendizaxe, baixo a cal se producen notabeis abusos.

Pincha aquí para volver ao índice principal

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos