Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > A Escola

A ESCOLA, UN SOÑO IMPOSÍBEL: 140 millóns de nenos privados de escola

Segundo os convenios internacionais, a educación non é só unha necesidade social, senón un dereito fundamental de todos os nenos.

Aínda que o principio do ensino primario obrigatorio e gratuíto universal sexa admitido por case todos os países, raramente se aplica nos máis pobres. Entre 130 e 140 millóns de nenos de 6 a 11 anos, vense excluídos de calquera sistema educativo. Como é evidente, son outros tantos traballadores precoces en potencia. Se se aplicaran os convenios internacionais que entenden por neno toda persoa menor de 18 anos, o número dos non escolarizados alcanzaría máis de 400 millóns, ou sexa, cerca do 40% da franxa de idade comprendida entre 6 e 18 anos.

Naturalmente, as disparidades dunha rexión do mundo a outra son enormes: nos países do centro industrializado, entre o 96 e o 98% dos nenos completan o ciclo do ensino primario, mentres que esa taxa descende ao 65% en Asia e ao 52% nos países da África subsahariana, ou sexa, un de cada dous nenos. Sociólogos e economistas afirman que a taxa de escolaridade é un bo índice do grao de desenvolvemento dun país.

De xeito xeral, as nenas representan pouco máis ou menos dúas terceiras partes do total do nenos non escolarizados ; os pais, en moitos casos, favorecen a educación dos seus fillos varóns.

UNICEF sinala regularmente non só as magras taxas de escolarización observadas nos países periféricos, senón tamén a elevada taxa de fracaso ou abandono escolar. Mentres que o crecemento demográfico se acelera e terá que levar ata a porta da escola cada vez máis nenos salvados de morrer grazas aos progresos da medicina constátase un retroceso, e no mellor dos casos un estancamento, da taxa de escolaridade infantil. As causas son diversas, con frecuencia estruturais, e ás veces coxunturais. Entre os factores máis influentes, os expertos citan en primeiro lugar as deficiencias nas lexislacións nacionais con respecto á infancia, ou á falta de control na súa aplicación. Vén a continuación a escaseza dos presupostos adicados a educación, con frecuencia reducidos polo peso da “débeda”, a crise económica mundial e os procesos de axuste estrutural impostos polos organismos financeiros internacionais. Combinados coa escasa prioridade concedida á educación nos presupostos estatais, resulta un déficit sensíbel e crónico de establecementos escolares, de profesores e de material educativo.

En moitos dos países do chamado Terceiro Mundo só un ou dous nenos de cada dez completan o ensino primario. Constátase co elevado número de analfabetos entre os adultos, entre o 40 e o 50% de media. Cómpre lembrar que na maioría destes países os presupostos educativos foron diminuíndo durante os últimos anos, mentres que os presupostos militares aumentaban en proporcións importantes.

Moitos nenos que poderían asistir á escola viven en comunidades rurais nas que a máis próxima tópase a decenas de quilómetros, sen que existan medios de transporte que lles permitan salvar esa distancia. Cando os nenos, pese aos obstáculos, chegan a clase tras erguerse moi cedo, teñen que volver á casa tarde, moitas veces a pé, en difíciles condicións climáticas –calor, choiva, vento ou neve-, e con maior frecuencia sen ter comido practicamente nada á hora da comida e sen haber podido disfrutar dun auténtico almorzo. Se o neno ou a nena acode a clase traballando ademais a tempo parcial non só se topa con múltiples dificultades para encaixar os horarios escolar e laboral, senón que os seus progresos se resinten e aumenta o risco de fracaso e abandono.

O aspecto económico é evidentemente esencial na decisión de enviar ou non un neno ou nena á escola. Na maioría dos países pobres, un terzo da poboación ou máis, vive por debaixo do limiar da pobreza. A opción do traballo infantil imponse por si mesma.

Ademais, o ensino público chamado “gratuíto” representa de feito unha inversión moi onerosa para as familias pobres, que deben pagar libros, diverso material escolar, gastos de transporte e, ás veces, ata un uniforme. O custo dun alumno de primaria pode representar ata a terceira parte dos ingresos familiares e a inmensa maioría das familias teñen varios fillos en idade escolar. Sen contar o que se deixa de gañar cando un neno vai á escola.

E non só isto: en moitos destes países o ensino proposto aos nenos de familias pobres convértese nunha acumulación de insuficiencias: as aulas non dispoñen de asentos nin de encerados; o alumnado non ten libros; os profesores deben ocuparse de clases sobrecargadas e non aplican ningún método pedagóxico, sendo en moitas ocasións case analfabetos; os nenos reciben as clases nunha lingua que non é a súa; os locais están medio derruídos sen estar protexidos fronte ás inclemencias meteorolóxicas, sen auga nin letrina... e a todas estas condicións engádese frecuentemente unha disciplina violenta. Se ben é certo que moitos nenos abandonan a escola porque teñen que traballar, tamén o é que moitos se desaniman tanto que prefiren traballar.

Outro factor determinante do que se fala pouco, se ben exerce un impacto terríbel sobre a escolarización infantil, é a guerra. Arruína o seu porvir, destrúe as súas familias e impídelles adquirir as habilidades que precisarán para topar un emprego e contribuír ao desenvolvemento económico do seu país. O peche das escolas pode apoiarse en pretendidos imperativos policiais e de mantemento da orde. Os establecementos escolares considéranse como lugares de reagrupamento potencialmente perigosos, focos de propaganda, de adoutrinamento e de activismo atentatorio contra a seguridade nacional.

"A medio e longo prazo, a falta de educación, mesmo elemental, orixina danos irreparabeis sobre a xeito de pensar, de actuar, de traballar e ata de concibir unha vida normal. A existencia non só se frustra no ámbito individual, senón que un pobo enteiro pode verse sacrificado ao quedar estéril gran parte do seu potencial humano"

Pincha aquí para volver ao índice principal

 

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos