Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > A Explotación sexual dos nenos

A explotación sexual dos menores é unha práctica odiosa que consiste en “alugalos” aos adultos para que estes satisfagan os seus impulsos sexuais.

Hoxe en día, en Asia, en África, en América Latina, no Caribe, hai nenos que se ven obrigados a pregarse aos caprichos dos clientes adultos: tocamentos, violacións, xogos perversos. A prostitución infantil afecta, sobre todo, aos países visitados polos “turistas do sexo”

O TURISMO SEXUAL: Desde hai algúns anos, unha parte dos 400 millóns de turistas que viaxan polo mundo ceden ao atractivo dos países exóticos e á posibilidade de agasallarse o pracer sexual con mulleres e nenos indíxenas. O turismo internacional é un sector de gran importancia económica, pero non se pode afirmar que estea na orixe da prostitución en Asia, porque xa existía antes. O turismo ten fomentado o considerábel desenvolvemento da prostitución nalgunhas rexións. A publicidade que enxalza o exotismo e a vida fácil destes afastados países contribuíu en gran medida ao aumento da prostitución. Son moitos os turistas estranxeiros que acoden a eles para emprender aventuras sexuais que nos seus países de orixe están prohibidas e, por tanto, resultan moi caras.

OS “SEXO-TOURS”: En Tailandia e en Filipinas funcionan auténticos “sexo-tours”, organizacións que tratan de atraer sobre todo aos turistas xaponeses. Por outra parte, sábese que Xapón abastece os seus bordeis cun gran número de menores importados de Filipinas. Desde principios dos anos oitenta, os turistas xaponeses e australianos fixéronse famosos polo seu enorme “consumo” sexual de menores.

CAUSAS DA PROSTITUCIÓN INFANTIL: O motor principal da prostitución infantil é a pobreza, da que sacan proveito as organizacións criminais que manexan o negocio. Sábese dende hai tempo que a prostitución, e concretamente a prostitución infantil, pode existir nos países pobres, cuxos gobernos non dispoñen de medios suficientes para obrigar ao cumprimento das leis establecidas para protexer aos menores.

Por outra parte, estes países responden á demanda dos turistas occidentais, que teñen a súa orixe na evolución da sociedade cara ao individualismo e, nun plano máis xeral, cara ao hedonismo, cara á felicidade e o pracer individual erixidos en valores supremos.

DE ONDE VEÑEN OS NENOS?: Existen situacións moi variadas: hai nenos que foxen das súas casas, outros son vendidos polos seus pais, moitos vense obrigados a prostituírse pola forza ou con enganos. Están os nenos da rúa, que forman bandas autónomas, e outros que son violados, secuestrados e encerrados en bordeis.

ORGANIZACIONS CRIMINAIS: En moi poucas ocasións a prostitución infantil débese a individuos illados. Os grandes beneficios que reporta induciron aos traficantes a organizarse nunha rede internacional. Os proxenetas e as organizacións criminais dedícanse a comerciar con nenos, vendéndoas aos bordeis ou a clientes individuais, dentro do país ou no estranxeiro.

A clientela dos traficantes inclúe organizacións de pederastas que mercan nenos para ofrecérllelos aos seus afiliados. Algunhas chegaron mesmo a abrir “refuxios” ou “orfanatos” para os nenos pobres, que son en realidade reservas de menores para os pederastas chegados de todo o mundo. En efecto, descubríronse máis de vinte organizacións que ofrecían viaxes e direccións de casas seguras para os pederastas occidentais.

QUEN SON OS CLIENTES? Se ben os turistas –pederastas ocasionais- constitúen a maior ameaza para os nenos asiáticos, non son os únicos clientes. Moitos pederastas e enfermos sexuais son tamén clientes asiduos destes mercados.

QUE É UN PEDERASTA? Un pederasta é un adulto que se sinte atraído sexualmente polos menores de idade, sexan mozos ou mozas. Segundo os psicólogos, trátase dun adulto a quen as súas fantasías ou impulsos sexuais intensos lle inducen a satisfacer o seu instinto cun neno impúber. Os pederastas finxen a cotío ofrecer un apoio moral e afectivo aos nenos desamparados; pero, en realidade, sempre predomina o seu pracer egoísta. Os psicólogos están de acordo en que gran parte dos pederastas foron obxecto de abusos sexuais durante a súa infancia.

A PORNOGRAFÍA: Os pederastas empezaron a darse conta de que podían lograr pingües beneficios vendendo os vídeos de afeccionados que filman no lugar da acción. A produción comercial e a distribución de pornografía na que aparecen menores é libre en Estados Unidos, Dinamarca, Suecia e os Países Baixos. Tras a conferencia de Estocolmo de 1996 sobre a explotación sexual dos menores, os países membros comportáronse a modificar a súa lexislación. Esperemos que así sexa.

DROGAS E VIOLENCIA: Algún pederastas infrinxen malos tratos aos menores: queimaduras de cigarros, golpes, feridas de tipo sexual. Os nenos non poden defenderse porque soen estar secuestrados. Adminístranlles drogas que, ao tempo que alivian os seus sufrimentos físicos e a súa sensación de desamparo, fan que medre a súa dependencia delas.

CADA VEZ MÁIS NOVOS: Frecuentemente, os “clientes” desta prostitución pretenden desculparse alegando que unha moza púbere xa non é unha nena e que neses países a pubertade é moi precoz. Pero existe unha definición internacional de neno, a aprobada pola Convención de Nacións Unidas: neno é “todo ser humano de menos de dezaoito anos, agás que a lexislación que lle sexa aplicábel estableza unha idade inferior para a maioría de idade”. Ademais, os “turistas do sexo” buscan nenos cada vez máis novos, porque cren fuxir así ao risco de contaxio da sida.

OS PEDERASTAS OCASIONAIS: En Occidente, a publicidade quen enxalza as excelencias dos países turísticos soe pór en primeiro plano, con demasiada frecuencia, atractivas imaxes de nenos. Nestas circunstancias, algúns turistas entréganse á pederastia, cousa que nunca farían nos seus países de orixe, onde case sempre estas prácticas están prohibidas.

"Aos oito anos, Rosario pide dádiva en compañía doutros nenos, por conta dunha muller que lles proporciona un precario aloxamento. Pese á súa curta idade, Rosario parece terse imposto aos demais pola súa vivacidade e independencia, que lle fan gañarse o cariño e o respecto da banda, o que a converte na súa xefa. Unha amiga maior ca ela, violada por uns americanos, advírtea do risco que a ameaza. Advertencia inútil, Rosario tamén é violada á idade de dez anos.

Dende entón convértese no xoguete sexual dos oficiais retirados da mariña estadounidense, e logo dos turistas e dos mariñeiros. Uns e outros acostuman a levar un ou varios nenos, de ambos sexos, a unha habitación de hotel. As violencias que infrinxen aos nenos son con frecuencia tan dolorosas que teñen que anestesialos con drogas, de tal xeito que os nenos non se lembran dos malos tratos que sufriron, nin dos que padeceron outros compañeiros na súa presenza."

QUEN SON AS VÍTIMAS? As vítimas da explotación sexual son menores de ambos sexos. E en todos os países de turismo sexual, o temor á sida favorece a procura de parellas cada vez máis novas, coa escusa dun menor risco de contaxio.

AS MOZAS: En Tailandia , os recrutadores conceden “préstamos” aos familiares a cambio da nena á que se finxe asegurar un posto de traballo. Como contrapartida dos cartos recibidos, os pais asinan un recoñecemento de débeda. Deste xeito, se despois a nena foxe, o recrutador reclamará ante os tribunais a devolución do préstamo. A continuación, encérrase ás nenas nos bordeis da cidade onde fan de serventas antes de seren ofrecidas ao seu primeiro cliente. A primeira relación sexual ten lugar case sempre en condicións terríbeis. A nena gardará para sempre un profundo sentimento de culpabilidade.

Ademais, a falta de comunicación verbal cos turistas estranxeiros reforza no menor a sensación de ser tan só un obxecto. É frecuente que as nenas, procedentes de diferentes países, non poidan nin sequera comunicarse entre elas, o que as fai aínda máis vulnerábeis e máis dóciles.

OS MOZOS: A situación dos mozos é moi diferente á das mozas. Moitos foxen da casa deliberadamente porque se senten rexeitados, ou simplemente porque non hai nada que comer. A aprendizaxe da prostitución é simultáneo co da liberdade. Estes mozos aprenden a sobrevivir por calquera medio, pero sempre formando parte dunha banda. Son bandas de delincuentes, rexidas pola prostitución, a droga, a violencia e a rivalidade, moitas veces mortal, coas demais bandas.

Pese á violencia que implica, a prostitución e os ingresos que reporta representan para os nenos unha ilusión de seguridade, mesmo ás veces a ilusión dun lazo afectivo, efémero se se trata dun cliente ocasional, ou máis forte cando se trata dunha “adopción”. En efecto, cando entran en contacto cunha rede de pederastas, os máis xoves soen ser adoptados por algún tempo. Convértense así no xoguete dalgún estranxeiro rico que os deixa compartir o seu benestar. Pero o “lazo” só dura ata a pubertade do rapaz, cuxo protector o abandona entón para substituílo por outro ou outros máis xoves.

UN PROBLEMA MUNDIAL: Na actualidade, a explotación sexual dos nenos fai estragos na maior parte do mundo. Pero algúns países están máis contaminados ca outros, sobre todo os que fomentan o turismo como solución dos seus problemas económicos.

Pincha aquí para volver ao índice principal

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos