Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > As Minas Antiopersoa
"As minas son os maiores infractores do dereito humanitario
internacional: exercen un terrorismo inigualábel"
QUE É UNHA MINA ANTIPERSOA? É unha arma traizoeira que “dorme” soterrada baixo o chan ou na superficie ata que unha persoa, un animal ou un vehículo provoca a explosión ao pasar sobre dela. Sofren os seus ataques especialmente os nenos, as mulleres, os agricultores. Unhas veces mutilan, outras matan porque os auxilios non sempre chegan a tempo ou porque se trata dun modelo ideado para matar.
MESMO EN TEMPO DE PAZ: Ás veces as minas permanecen activas durante máis de corenta anos e seguen, por tanto, producindo vítimas entre a poboación civil, aínda que faga moito tempo que se asinou a paz. Son baratas, polo que se utilizan en grandes cantidades na maior parte dos conflitos. Algúns fabricantes desenvolveron recentemente minas sofisticadas provistas dun sistema “autineutralizante”. De agora en adiante teremos, pois, minas para pobres e minas para ricos.
![]() |
|---|
EFECTOS DIRECTOS ESPANTOSOS: Tropezar cunha mina significa amputacións, infeccións, gangrena, cegueira... Os efectos directos das minas antipersoa son espantosos.
DISCAPACIDADE E DEPENDENCIA: “Poucos cirurxiáns posúen a experiencia e a habilidade necesarias para tratar unhas feridas tan graves e tan porcas, porque non son comúns na vida civil”. Sen fisioterapia nin próteses axeitadas, o amputado dun membro inferior estará condenado á invalidez de por vida e perderá a súa independencia e a súa capacidade de cubrir as súas necesidades dentro da sociedade. Os amputados dos dous membros inferiores vense habitualmente reducidos á cadeira de rodas, supoñendo que poidan conseguir unha. Pola contra, moitos deles convértense en mendigos.
![]() |
|---|
DESMORALIZAR AO ADVERSARIO: Aos danos físicos veñen engadíndose os traumatismos psicolóxicos e sociais. Os efectos das minas antipersoa son devastadores para a sociedade que os sofre. Os fabricantes de minas sábeno perfectamente e fan, incluso, deste feito un argumento de venda. Así o demostra este fragmento dun folleto destinado a proclamar as excelencias dunha mina de orixe paquistaní:
“A mina POM.MK2 está ideada para discapacitar ás persoas. As investigacións tácticas demostraron que vale máis ferir ao inimigo que matalo. Un home ferido precisa coidados médicos, transporte e evacuación á retagarda. Ademais, unha persoa ferida exerce unha influencia deprimente sobre os seus camaradas de combate”
ARMAS QUE MUTILAN, ARMAS QUE MATAN: Existen 340 tipos de minas antipersoa. As “municións sen explotar” son armas diferentes, pero si se consideran os seus efectos sobre a poboación civil, deben equipararse coas minas. Estas poden clasificarse en seis categorías:
-
MINAS ANTIPERSOA CON EFECTO SOPLIDO: Estas minas entérranse no chan, a menos de catro centímetros de profundidade, ou ben colócanse na superficie, camufladas. O enérxico sopro que crea a detonación da carga explosiva causa a amputación dun ou varios membros e feridas na face ou noutras partes do corpo. A mina soviética PMN, chamada a “viúva negra”, que só necesita 23 gramos para estoupar, orixinou moitas vítimas en Afganistán.
-
MINAS ANTIPERSOA DE FRAGMENTACIÓN: Montadas en postes por riba do chan, fixadas ás árbores ou arbustos e logo camufladas, estas minas van unidas a uns arames que fan de trampa. É suficiente unha tracción dun quilo de forza para desencadear a explosión, que proxecta unha choiva de fragmentos metálicos. O modelo POMZ-2, unha arma antipatrulla fabricada polos soviéticos durante a II Guerra Mundial, vendeuse en grandes cantidades e foi imitada en todo o mundo. Resulta mortal ata catro metros de distancia. A mina estadounidense Claymore contén 700 bolas de aceiro dispostas sobre unha carga explosiva moi potente. Mata ata unha distancia de 50 metros e nun ángulo de 60 graos.
-
MINAS SALTADORAS OU DE SALTO: Lanzadas ao aire por unha primeira carga, esta minas estouran logo a unha altura de 45 a 100 centímetros, proxectando bolas ou fragmentos metálicos nun círculo de 360 graos e de 25 metros de radio. As minas saltadoras que estoupan a menos dun metro de altura están ideadas para mutilar (feridas no abdome, nos órganos xenitais, nas pernas). Son desastrosas para a moral das vítimas, tanto polo tipo de feridas como pola intensidade dos sufrimentos físicos e psíquicos que causan.
-
MINAS LANZADAS A DISTANCIA: Todos os fabricantes de armas, incluída España, producen minas aptas para a súa colocación remota e ao chou por medio de avións, helicópteros ou pezas de artillería. Nada se preveu para limitar a súa vida útil, nin para reducir o risco que corre a poboación non combatente.
-
MINAS ANTICARRO E ANTIVEHÍCULO: A mina anticarro TC-6, de fabricación italiana, foi obxecto de fornecementos cuantiosos aos muyahidin afagnos. Estas minas case indetectabeis (agás con aparatos moi sofisticados ou con cans especialmente adestrados) inundan agora as estradas e as pistas do país. Utilizáronse tamén en Somalia e en Liberia, onde hoxe destrúen regularmente autobuses e vehículos particulares.
-
MUNICIÓNS SEN ESTOURAR: Calcúlase en seis centos o número de bombas, foguetes e obuses lanzados polos exércitos británico e estadounidense durante a guerra do Golfo, que non fixeron explosión. Estes artefactos constitúen un perigo para os nenos, que xogan con todo o que atopan. Por outra parte, os pobres non se resisten á tentación de recoller os materiais destas municións –aceiro, cobre, aluminio- para revendelos. Pero trátase de municións que están activas e poden estoupar. Algúns conteñen produtos incendiarios coma o fósforo branco. Por tanto, deben considerarse como minas antipersoa.
![]() |
|---|
DENDE CANDO EXISTEN AS MINAS?: Xa en tempos dos romanos, os exércitos utilizaban balas metálicas para dificultar o avance do inimigo, pero o compoñente explosivo non se engadiu ata a I Guerra Mundial; só desde entón se pode falar de minas. Para impedir a marcha de vehículos cara á fronte occidental, as tropas alemás soterraron obuses de artillería provistos de detonadores de contacto. Na II Guerra mundial comezaron a minarse grandes extensións de terreo, sobre todo como liñas de defensa contra os carros de combate, pero tamén contra a infantería. Naceron as modernas minas antipersoa.
O DESMINADO: UNHA TAREFA MORTAL: Numerosos países europeos, entre eles, Francia e Bélxica, estiveron inzados de minas. Entre 1944 e 1950, limpouse Francia de minas case por completo, especialmente as praias de Normandía. Esta tarefa foi levada a cabo sobre todo por prisioneiros alemáns. Hoxe en día os servizos especializados seguen coas tarefas de desminado. En Polonia, entre 1945 e 1977, retiráronse do chan 15 millóns de minas. En Libia e en Exipto quedan aínda extensas zonas minadas: os “campos do diaño”, cunha extensión de 75000 km cadrados, están prohibidos aos beduínos.
Nas Malvinas as operacións de desminado terían que ter comezado inmediatamente despois da guerra entre Arxentina e Gran Bretaña. Pero a súa evidente dificultade fixo que nin sequera se iniciaran. Na illa existen hoxe zonas prohibidas, e por tanto perdidas para ambos bandos. E iso que a guerra só durou dous meses, e nela enfrontábanse dous exércitos regulares, o que demostra que actualmente o uso abusivo de minas implica a case todos os campos de batalla e non soamente ás guerrillas.
O MERCADO INTERNACIONAL DAS MINAS: As minas antipersoa non esixen soldo, nin alimentos, nin soño. Non tremen ante o inimigo. Non ameazan xamais con desobedecer as ordes dos seus superiores. Unha mina substitúe un sentinela. Que gran aforro! Segundo o modelo e a procedencia, o prezo dunha mina varía entre 3 e 75 dólares. Considerando a súa relación custo-eficacia, a mina antipersoa é un arma que apenas ten rival.
Fabrícanse cada ano no mundo entre 5 e 10 millóns de minas antipersoa. O comercio mundial de armas avalíase en decenas de miles de millóns de dólares anuais. O mercado das minas, valorado en 200 millóns de dólares, representa tan só o 0,9 % do total e só dá traballo a entre 10000 e 12000 persoas. Pola contra, este “pequeno negocio da morte” xera un custo xigantesco, tanto para as vítimas inocentes e as cargas sociais que supoñen para o seu país, como par a comunidade internacional, obrigada a conceder custosos créditos de axuda.
Ademais, as comunidades dos países minados están totalmente paralizadas.. Os refuxiados non poden volver ás súas casas, a poboación non pode recoller leña, cultivar a terra, alimentarse nin comerciar.
![]() |
|---|
QUEN FABRICA?: Os principais fabricantes de minas son China, Corea do Norte, Corea do Sur, Exipto, Estados Unidos, India, Iraq, Irán, Israel, Paquistán, Rumania, Rusia, Serbia, Ucrania e Vietnam. 122 países firmaron o tratado de prohibición total das minas antipersoa; pero Estados Unidos, Rusia, India e China seguen a ser os grandes ausentes do Tratado de Otawa.
Nestes tempos de produción en cadea, a tecnoloxía permite acelerar a colocación de minas, distribuílas en “racimos” e sortear os obstáculos naturais, tal como afirman con orgullo os catálogos comerciais. Estes sistemas, que permiten un “minado autónomo rápido”, fabrícanse en países desenvolvidos, o que favorece que a colocación indiscriminada destas armas invisibles vaia en aumento a un ritmo acelerado.
Os fabricantes son case sempre países ricos, que non dubidan en exportar a “guerra lixada” aos países pobres, sabendo que estes últimos son plenamente capaces de fabricar estes artefactos. Fabricáronse 100 millóns de minas antipersoa. Almacenadas, esperan a oportunidade de “facer negocio”
QUEN SON AS VÍTIMAS?: Segundo os cálculos de Nación Unidas, 100 millón de minas antipersoa están activadas en 62 países de todo o mundo. Cada mes feren a 780 persoas e matan a 1400. Cada vinte minutos, nalgunha parte do mundo, un ser humano tropeza cunha mina. Entre os 25 países e territorios máis gravemente afectados están: Mozambique, Camboia, Angola, Afganistán, o Kurdistán iraquí, Somalia, Nicaragua, a antiga Yugoslavia, o Cáucaso, Sudán, Vietnam...
O DESMINADO: MISIÓN IMPOSÍBEL? Mil dólares para desactivar unha mina! Colocala custou dúas centos veces menos. A única técnica fiábel de desminado é, hoxe por hoxe, facelo a man. Na práctica o problema é dobre. Primeiro, localizar o campo de minas, e logo averiguar a situación de cada unha. Moitas minas de plástico volvéronse indetectabeis. A única técnica fiábel consiste en peitear meticulosamente o terreo, centímetro a centímetro, valéndose dunha variña metálica. Logo, hai que desactivar as minas as man. A ese ritmo, unha persoa non pode limpar máis de 20 a 50 metros cadrados por día.
Na actualidade, investígase sobre sistemas de desminado, especialmente sobre detección próxima mediante sensores a base de microondas cargados en vehículos. Desgrazadamente, parece que haberá que esperar anos para que poida empregarse esta técnica.




