Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > Os nenos da rúa
Guerras, estruturas arcaicas, industrialización salvaxe e desordenada, demografía galopante, destrución do tecido social... son as causas máis frecuentes, normalmente combinadas entre si, teñen efectos destrutivos sobre millóns de nenos que aprenden a suar e a morrer antes de aprender a vivir. Hai “esquecidos” en todo o planeta. Para un neno de cada dez a rúa é o seu fogar. A metade de 100 millóns de nenos da rúa están no continente sudamericano. En Asia suponse que hai entre 25 e 30 millóns, aínda que esa cifra aumenta cada ano, e outros tantos en África e Europa oriental.
![]() |
|---|
Os nenos da rúa soen ter entre 5 e 16 anos, pero é normal topar outros de 3 ou 4 anos xunto cos seus irmáns algo maiores que se encargan de protexelos. A maioría son varóns, xa que as mulleres traballan de xeito “invisíbel” como criadas, como obreiras nos talleres clandestinos ou como prostitutas nos bordeis. O número de nenos da rúa é un indicador fiel da pobreza urbana e da crise de valores a que se ven confrontados a maioría de países periféricos. Ademais, existe unha relación directa entre o número de nenos da rúa e o endebedamento do país no que viven, xa que son con frecuencia as capas máis pobres da poboación las que soportan case todo o esforzo do desenvolvemento económico.
Na maior parte dos casos, os nenos da rúa proveñen de familias numerosas rurais atraídas polo espellismo urbano. Na imaxinación da poboación rural, emigrar á cidade significa emprender o camiño dunha vida mellor, posto que os solos empobrecidos das terras agrícolas xa non ofrecen medios de subsistencia suficientes. O éxodo rural, masivo, incontrolado, dilata desmesuradamente as cidades, día tras día. En poucos anos, a maioría da poboación mundial vivirá en zonas urbanas, onde se multiplicarán os problemas sociais, económicos, ecolóxicos, sanitarios... e converténdose en auténticas polvoreiras dominadas pola anarquía e o crime. Neste intres, cerca da metade dos nenos dos países periféricos viven en aglomeracións urbanas, é dicir, nos suburbios das grandes cidades. As cidades, carentes de empregos, infraestruturas e medios financeiros suficientes serán incapaces de absorber este caudal constante de chegados recentes e evidentemente de responder ás súas esperanzas. Nestas condicións, os movementos de poboación non xeran senón unha pobreza extrema, desarraigo e indiferencia, males que corroen aínda máis situacións familiares xa críticas. Proliferan os suburbios, rodeando as cidades cun cinto de miseria cada vez máis denso e ancho, cunhas condicións de vida materiais e morais espantosas. Familias de cinco a dez persoas amontóanse en casopas miserabeis, constituídas normalmente por unha soa habitación, co chan de terra, sen ventilación, sen mobles, sen auga, sen electricidade e sen servicios sanitarios. Os fillos néganse ou non dispoñen de medios para ir á escola, situada normalmente a moitos quilómetros. Axiña, eses pícaros que non son nadas, que non teñen nada e non esperan nada, descobren que a cidade que rexeita a seus pais pode converterse en terreo propio, sobre todo se se integran nunha banda. Pouco a pouco encoráxanse e volven cada vez menos á casa, elixindo con rapidez entre a miseria sen liberdade no chamizo familiar e a miseria en liberdade nas rúas da cidade.
![]() |
|---|
Os nenos da rúa non obedecen todos ao mesmo patrón. Aínda que cada un deles siga un camiño tráxico que lle é propio. Pódense distinguir tres grupos: O primeiro grupo está formado polos que manteñen unha relación constante coa súa familia, aínda que esta non conte cun domicilio fixo; os nenos dormen cos seus pais nas beirarrúas, parques, metro ou calquera outra zona pública. O segundo grupo reúne aos que traballan na rúa, pasando nela os días e gran número de noites, pero que manteñen un contacto tenue pero permanente cunha familia que dispón dun domicilio, se se lle pode chamar así á casopa; a súa presenza na rúa débese con frecuencia a graves problemas familiares: miseria, violencia, brutalidade, abusos sexuais... O terceiro grupo recolle os casos máis dolorosos, constituído polos nenos desprovistos de todo, que xa non manteñen ningún contacto coa súa familia; poden ser orfos, refuxiados, desprazados, botados da casa ou abandonados polos pais incapaces de alimentalos, dormen no chan das beirarrúas ou nos parques, baixo os cartóns que lles dan calor. En moitas cidades, o seu número desborda todos medios disponibeis.
![]() |
|---|
O concepto de neno da rúa engloba diferentes situacións. Moitos deles agrúpanse en bandas, rozando a delincuencia, vivindo substancialmente de pequenos furtos e da mendicidade. Pero son moitos máis os que exercen unha actividade laboral. A rúa ofrece unha parte visíbel e non desprezable da forza de traballo infantil, con menos de 10 anos poden converterse no principal sostén económico da súa familia. Calquera que sexan as condicións de vida na rúa, dous factores dominan a existencia dos nenos da rúa: a loita cotiá para se gañar o pan e o da súa familia, e a omnipresente violencia. Normalmente teñen moi pobre opinión de si mesmos, pese á seguridade esaxerada que amosan para parecer “chicos duros”. Os seus trazos distintivos son o enxeño, a intelixencia práctica e unha encarnizada vontade de supervivencia.
A carga física e mental imposta aos pequenos traballadores da rúa é moito menor cá soportada polos nenos que traballan durante moitas horas seguidas nos talleres clandestinos, as minas ou as fábricas de ladrillos. E isto é así pola sensación de liberdade que posúen ao poder ir dun lado a outro. Pero os nenos da rúa están expostos a perigos e eventualidades que non coñecen os pequenos traballadores atados aos seus postos de traballo durante toda a xornada. Como todos os nenos que traballan, teñen que sufrir a intemperie, as privacións, as enfermidades, os accidentes e a indiferencia, pero ademais, a esa miseria baixo as súas formas máis crueis, engádense a precariedade, a violencia e a lei do máis forte, que os expoñen aos encontros e ás influencias máis daniñas.
Contra os rigores da rúa, a fame, o frío, o medo, os golpes, a chantaxe, as sevicias sexuais, e para fuxir da súa anguriosa vida cotiá, a maioría dos nenos da rúa, ata os máis pequenos, recorre ás drogas. Segundo os países, consomen coca, marihuana... e pegamento.
Unha das características dos nenos da rúa é o seu agrupamento en bandas, que poden contar con ata 100 rapaces. Cada un deles adquire unha nova identidade, recibindo un alcume. Teñen a súa propia linguaxe, territorio de subsistencia e organización, e viven de roubos e violencia. O maior risco dos nenos da rúa é o de se incorporar a unha auténtica banda criminal que os utilizará para traficar con drogas, mendigar, practicar o tirón, as agresións armadas e moitas outras actividades delictuosas; o recrutamento polas bandas de crime organizado é unha das ameazas máis desventuradas que penden sobre os nenos da rúa.



