Biblioteca > Polos Dereitos da Infancia > Os Nenos e a Guerra. Nenos soldado

No transcurso dos últimos 50 anos o mundo coñeceu máis de 400 conflitos armados, dos que máis de 150 son considerados como graves polas instancias internacionais, o que significa que neles producíronse máis dun millar de mortos e nos que estivo implicado directamente algún goberno. Cando unhas guerras rematan, comezan outras, e ningún continente foxe dese horror. Un das máis tristes realidades da nosa época é que a maioría dos conflitos fan sufrir sobre todo aos grupos de poboación máis pobres do planeta; parecen mesmo un monopolio dos países máis desfavorecidos, é dicir, precisamente daqueles que menos poderían permitilo. Pero se a guerra parece topar nos países periféricos o seu terreo predilecto, convén ter en conta que o que a fai posíbel son as vendas de armas dos países industrializados, que subministran o 90% de todo o armamento empregado. As esixencias da guerra multiplican por 15 os gastos militares no mundo, e o que aínda é máis triste, dedican ao presuposto bélico a maior parte dos seus recursos e dos préstamos internacionais.

Os nenos convértense en parte integrante dos conflitos armados, por non dicir as súas principais vítimas. Perdidos, separados das súas familias, abandonados ou orfos, torturados, mutilados, violados, raptados, mortos de fame, enrolados pola forza, obrigados a executar a supostos inimigos, a incendiar e matar, explotados por traficantes, arroxados en fosas comúns, e no mellor dos casos concentrados por millares en campos de refuxiados, coa lembranza atormentada de visións atroces e obsesivas... este é o seu destino. Dende hai 15 anos, os nenos pagan con sangue un dos máis pesados tributos á guerra. Unha de cada dúas vítimas das guerras recentes é un neno.

Por que as guerras provocan a destrución masiva da poboación e en particular da poboación infantil?

O primeiro factor a ter en conta é de orde tecnolóxica, e refírese á simple evolución dos medios de destrución masiva. Esta evolución das armas veuse acompañada tamén por unha ampliación considerábel das zonas de combate; a maioría das novas armas tende a permitir que o atacante se manteña o máis lonxe posíbel dos seus brancos. As vítimas quedan así despersonalizadas e non se consideran máis que obxectivos.

O segundo factor refírese á nova natureza dos conflitos. Hai tempo, o que estaba en xogo na guerra era principalmente a soberanía territorial. Na actualidade, constátase que, se ben as guerras seguen respondendo a diferenzas ideolóxicas e aos motivos e pretextos máis diversos, os conflitos entre Estados son cada vez máis numerosos, aínda que estean lonxe de ter desaparecido completamente. Os enfrontamentos armados son na súa maioría guerras civís ou “subversivas” na que se enfrontan faccións rivais de civís en armas, ou ben estes enfróntanse aos militares gobernamentais.

O campo pechado no que se desenvolven os enfrontamentos alcanzan por iso con maior gravidade á poboación non combatente, ao non existir zonas de guerra delimitadas e menos aínda liñas de fronte. O campo inimigo está en todas partes e a distinción entre combatentes e non combatentes esváese. Golpéase entón alá onde é posíbel, sen distinción nin consideración de ningún tipo, se se xulga que o branco pode ter valor loxístico, económico ou humano para o adversario. De aí resulta que a poboación civil, neutra e pasiva, convértese en obxectivo a bater, sexa porque se supón que facilita a acción do inimigo, ou porque no seu seo se esconden infiltrados, ou mesmo porque a súa destrución representa un medio para dobregar ao adversario.

O feito de que os nenos topen a morte baixo o lume das armas non é só resultado do desprezo dos belixerantes pola poboación civil. Tamén poden elixirse como branco prioritario para “quebrar” a moral do adversario ou para impedir o seu recrutamento no futuro. Concíbense minas destinadas principalmente a eles. Os nenos resultan así ser vítimas por duplicado. Unha das técnicas empregadas é a dos snipper , como se denominan os tiradores de elite illados e emboscados, coa misión de disparar aos nenos para abater a continuación aos pais ou adultos que se lanzan a socorrelos. O neno que serve de branco pode elixirse precisamente pola súa orixe étnica ou relixiosa: trátase de erradicar ao inimigo a curto e medio prazo destruíndo as súas xeracións futuras.

Outro atentado particular contra os nenos, mellor dito contra as nenas, son as agresións sexuais: a violación é particularmente frecuente en caso de conflitos étnicos. Unha das razóns da violación das adolescentes consiste en obrigalas a concibir un fillo do inimigo, o que lles infrinxe unha tortura mental cotiá durante o embarazo e tras o nacemento do bebé.

En todo o mundo, alí onde haxa situacións bélicas, centos de miles ou mesmo de millóns de individuos vense empurrados ao éxodo para tentar alcanzar zonas menos afectadas pola violencia, aguilloados pola miseria, a fame, o medo ás represalias e as exaccións dos militares. Eses desarraigados son na súa maioría mulleres, nenos e anciáns. Os nenos constitúen entre o 50 e o 60% da poboación total de refuxiados.

Resulta difícil maxinar exactamente o que pode ser a vida nos campos de refuxiados, nos que decenas ou centenares de miles de persoas se amontoan, dependendo enteiramente da axuda exterior en todos os terreos: alimentos, auga, hixiene, roupa, coidados médicos, busca de familiares... A superpoboación e o deterioro continuo das condicións de vida incrementan rapidamente o risco de epidemias e fan frecuentes as enfermidades broncopulmonares. Na maioría dos campos de refuxiados, aproximadamente o 45% dos nenos menores de 5 anos sofren diarreas, e un 30% realizan deposicións sanguinolentas.

OS NENOS SOLDADO

Os nenos non son tan só vítimas pasivas, sacrificadas en nome de intereses e obxectivos que os superan. En moitas ocasións tamén participan activamente na súa propia destrución e empuñan nesas guerras salvaxes e criminais as armas que os matan, mutilan e esnaquizan psiquicamente. Hai séculos que participan nas campañas militares. O recrutamento de nenos polas forzas combatentes, fenómeno marxinal ata finais dos anos setenta, comezou a facerse preocupante dese comezos dos oitenta. Desde entón non deixaron de agravarse, converténdose nunha constante dos conflitos contemporáneos. Todas as organizacións internacionais comprobaron que o fenómeno non só se estendeu xeograficamente, senón que se acelerou e que cada vez é maior o número de nenos menos de 15 anos que toman parte activa nos combates como soldados de primeira liña.

Hai trazos comúns que comparten todos eses nenos de razas, costumes e relixións diferentes. Levan armas de adultos, afrontan a morte, matan e teñen entre 10 e 16 anos, ás veces menos. Nos movementos de liberación destes últimos anos poden toparse tanto rapaces como rapazas, estas últimas en proporción cada vez máis elevada. En certas zonas en conflito, os nenos chegan a representar ata a metade das forzas combatentes.

Cabe preguntarse a que lóxica responde o recrutamento militar dos nenos. A primeira razón é lisa e claramente de orde contábel. Conforme van faltando adultos debido ás matanzas, os axentes de recrutamento, para paliar as perdas, diríxense cara a única fonte posíbel, a poboación adolescente e máis tarde a infantil. A segunda razón reside na facilidade coa que se poden enrolar á forza, secuestrándoos, aterrándoos e adoutrinándoos. A terceira razón é de tipo táctico: enviando menores ás primeiras liñas de combate, presérvanse as vidas máis preciosas, que no plano militar son as dos soldados máis experimentados. A cuarta razón estriba na obediencia cega dos nenos, que non reclaman soldos e raramente desertan, mesmo cando foron enrolados pola forza.

O neno convértese en soldado segundo dous procesos ben diferentes: o compromiso voluntario ou a incorporación forzada como consecuencia de razzias e secuestros, o que sucede na maioría dos casos. Mantéñense primeiramente pola ameaza e a coacción, e logo polo adoutrinamento ideolóxico. Cando os nenos se alistan voluntariamente non é, evidentemente, por amor á guerra ou ao esparexemento de sangue. Trátase en xeral de rapaces que medraron durante o conflito, e non coñecen outro ambiente que a violencia, a morte e o ruído das armas. Para eles, elixir un bando e combater é un acto case natural. Para algúns, aterrados, famentos, sós no mundo, o alistamento pode pór fin a unha situación cotiá intolerábel. Dispór dun fusil significa poder comer

Os recrutamentos pola forza son de tipo moi diferente e superan con moito aos voluntarios. O método empregado é o mesmo en todos os continentes: capturas colectivas ou secuestro individual. Os recrutadores apodéranse dos nenos no campo, ou atacando poboados, pero tamén nas cidades, levándoos das escolas, orfanatos, campos de fútbol, e mesmo do interior das casas. Como transformar a nenos atemorizados en guerrilleiros aos que non os asusta facer a guerra?: Sempre que sexa posíbel, secuestrándoos cando son aínda moi pequenos, normalmente entre os 6 e os 10 anos. Despois condiciónanse mediante toda unha serie de prácticas: aterrándoos e ameazándoos de morte, atizando ao tempo o seu desexo de vinganza e un odio racial e étnico; fáiselles comete accións irreparábeis e adoutrínanse política ou relixiosamente. Sen formación militar eses pequenos recrutas son enviados normalmente á primeira liña de guerra, ou son infiltrados nos sistemas de defensa inimigos, mesturándose coa multitude e realizando misións das que non volven... A súa falta de madurez permite transformalos sen demasiadas dificultades en fanáticos dispostos a todo.

Os nenos que medran na violencia permanente consideran as armas como un dos elementos naturais da súa forma de vida cotiá.
Con frecuencia, posuíla resúltalles gratificante porque acceden así ao mundo dos adultos e confírelles autoridade sobre a poboación civil.

Pincha aquí para volver ao índice principal

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos