Ana Corral, lectora da biblioteca e alumna de 2ºBac, recomenda:
MEMORIAS DUNHA GEISHA , de ARTHUR GOLDEN . Porque:
"Este libro relátanos a historia ficticia pero ben documentada dunha rapaza arrincada do seu fogar e das súas raíces para ser vendida a unha okiya, onde, dun xeito tráxico, sofre desgrazas e penurias antes de se converter nun deses seres máxicos e vistosos tan característicos do antigo e esplendoroso Xapón. Sayuri, así é o nome de geisha da protagonista, transfórmase nunha das geishas máis famosas da súa rexión e, deixando atrás un pasado cheo de tormentos e desenganos, loita por chegar a ser a perla máis relucente dun imperio que, a principios do século XX, desmorónase baixo o bafo ardente da guerra. Amor e desamor, desexo e deber, lícito ou ilícito… unha serie de contrastes, de extremos que nunca se tocan é no que se converte a vida desta muller quen, grazas a súa simple e acuosa mirada é capaz de facer caer ao chan a un home ou conquistar o corazón desprotexido de calquera que se atreva a mirala.
“Memorias dunha geisha” é un libro cargado de luces e sombras que se mesturan en cada liña en forma de esperanzas e desventuras. Seductora sería unha palabra axeitada para describir como o autor foi capaz de tecer unha historia fantástica e embriagadora dende a primeira ata a última páxina. É unha obra sen dúbida para desfrutar e, de paso, aprender a ampliar os nosos horizontes mentras nos mergullamos na vida duns máxicos seres nunha época tan díscola."
|
Marisa Díaz, lectora da biblioteca e profesora de francés, recomenda:
LA QUINTA MUJER, de HENNING MANKELL. Porque:
" Se vos gusta a intriga, recoméndovos La Quinta mujer de Henning Mankell.
A historia desenvólvese en Ystad, Suecia, onde aparecen tres vítimas masculinas aparentemente sen conexión entre elas. O detective Wallander, personaxe principal, terá que mergullarse no pasado das vítimas para atopar o culpable.
O lector segue o caso de cerca, a partir dos pensamentos, desilusións, fracasos e acertos de Wallander , no seu labor de investigador. Tamén vos sorprenderá o final cando Wallander intenta comprender a mente torturada do asasino/a. "
|
Ana Corral, lectora da biblioteca e alumna de 2ºBac, recomenda:
BABYJI, de ABHA DAWESAR. Porque:
"Babyji é unha palabra india que serve para indicar respecto cara a unha persoa xove. Esa persoa, neste caso, é Anamika, unha adolescente india de clase media que vive na perigosa cidade de Nova Delhi. Anamika ten todo o que pode desecar, un bo fogar e un currículum impecable. Ademais, é xefa de delegados do seu colexio.Pero esta novela non xira en torno á vida cotiá dunha rapaza india, senón máis ben ao contrario. O tema principal é a sexualidade vista dunha maneira bastante crúa. Anamika comeza a se sentir atraída por unha muller que case lle triplica a idade, despois de vela un día no colexio. Comeza unha relación con ela que de seguido se basea no ámbito carnal. Asemade comeza relacións alternativas coa súa nova criada, unha muller maltratada que se refuxia cada noite nos brazos da súa pequena ama, sen que os pais dela sospeiten nada, e coa súa compañeira de escola que é, ás veces, a súa mellor amiga e amante.
Anamika leva esta clara mostra de promiscuidade máis alá do soñado por ninguén. Día a día ispe co pensamento ás súas profesoras e ás amigas da súa nai, marinando que clase de mulleres son por debaixo do sari. A cotío desexa ser home, pero non lle incomoda o seu corpo de muller porque, dende que cumpriu os dezaseis anos, os seus cinco sentidos cólmanse de pracer día a día. Ela é consciente da súa beleza e comeza a notar as insinuacións dos seus amigos, dos pais dos seus amigos e mesmo dos descoñecidos. Pero ela ten ben fixados os seus horizonte. Ama ás súas tres mulleres e sabe que elas a aman, aínda que cada unha delas descoñece a existencia das dúas restantes. Anamika desfruta, goza, soña… Pero sobre todo agora decátase de que está realmente viva.
Babyji non é unha novela de perversión ideológica, senón máis ben ao contrario. Unha novela sobre a vida dunha xove que decide deixar de finxir. Decide probar a desfrutar, e agora, gústalle a vida." |
Ana Corral, lectora da biblioteca e alumna de 2 ºBac, recomenda:
EL LIBRERO DE KABUL, de ASNE SEIERSTAD. Porque:
"Asne Seierstad, a autora deste emotivo libro, soubo plasmar con eficiente brillantez a crúa realidade que é a vida cotiá das mulleres afganas. A escritora narra os intensos días que pasou en Afganistán coa familia Khan. Sultán, o cabeza de familia, sustentábaos a todos cos cartos que gañaba día a día na súa librería, que con frecuencia era atacada ou saqueada por comunistas ou talibáns. Vivía nun edificio castigado pola forza das bombas e as insurrecións, e compartía piso coas súas dúas cuñadas e, de cando en vez, con outra familia.
Neste libro a personalidade de Sultán e dos seus fillos varóns destaca fronte á docilidade e submisión coa que actúan cada día as mulleres, sen obter nin sequera unha palabra cariñosa. Fálase sen reparos da vida dunhas mulleres que naceron para servir aos homes. Historias con violencia sen precedentes de nenas violadas en suxas rúas, rapazas asasinadas polos seus propios pais por namorarse e atreverse a escoller co corazón, adolescentes prometidas con varóns que lles triplican a idade coa única fin de darlles fillos, mulleres adultas rexeitadas polos seus maridos porque eles xa non ven nelas a beleza doutros tempos, e anciás que vagan de casa en casa dos seus familiares porque non son máis ca un estorbo... Mulleres repudiadas, abrasadas co ácido das súas propias bágoas, e que seguirán queimándose por moito tempo nun país e nun mundo que as ignora como persoas, como seres vivos. Aliméntanse e respiran nun medio hostil que lles impide levar unha vida propia. Saír á rúa, comprar alimentos ou ir ao médico son cousas que se deben facer en compañía dun home, ao igual que case todas as actividades da súa vida, unha vida que pode resumirse nun só percorrido: o da cociña ao leito e do leito á cociña.
E mentre nosoutras acendemos o televisor e queixámonos por trivialidades, elas choran debaixo do burka, sen que ninguén o saiba, sen que ninguén pense nelas, sendo, nas mans dos homes, pouco máis ca bonecas"
|
Alicia Colmeiro, lectora da biblioteca e ex-alumna, recomenda:
EL PAÍS DE LAS MARIPOSAS, de NEREA RIESCO. Porque:
"Ambientada no medievo, a novela relata a vida e aventuras dunha moza andaluza nada no seo dunha acaudalada familia que debe emprender a viaxe ao Novo Mundo para casar cun home ao que nin sequera coñece. Mesturados na historia aparecen o orgullo de familia, a traizón e o odio pero tamén a amizade, a esperanza e o amor"
|
Alicia Colmeiro, lectora da biblioteca e ex-alumna, recomenda:
EL CURIOSO INCIDENTE DEL PERRO A MEDIANOCHE,de MARK HADDON. Porque:
"É a peculiar visión dun adolescente superdotado que a través dun humor inocente fai unha descrición obxectiva do mundo no que vive e da sociedade que o rodea. Moi recomendable para aqueles aos que lles guste ver as cousas dende outra perspectiva"
|