Florencio Delgado gurriarán

Cando en 1934 Florencio Delgado publica a súa obra “Bebedeira” (unha escolma de poemas), está a participar de forma activa no Partido Nacionalista Republicán e na formación do Movemento Galeguista local, pero moi lonxe de pensar que soamente dous anos máis tarde verase obrigado a deixar a súa terra. Unha guerra civil levao máis alá da súas montañas e dos seus amados viñedos.

De Portugal a Francia e de Francia a México. E como de escritor só non se vive, calquera profesión é boa se hai que comer (vendedor de calzado e roupa, representante de farmacia...).

 Pero Galicia acompañao sempre e organizacións coma “Alianza Nacional Galega”, o “fogar galego” ou o Ateneo de Galicia en México teñen en él un dos seus mellores colaboradores.

 Cando a loita ten un obxectivo claro e a esperanza é a mesma os pactos son máis sinxelos e é así como nace “Galeuzca” onde movementos nacionalistas de Galicia, Euskadi e Cataluña   participan conxuntamente.

Florencio Delgado Gurriarán
Corre o ano de 1944 e Florencio dirixe a revista “Saudade” en México, ¿quén lle ía a dicir que moitos anos despois, no verán do 2001 (catorce anos despois da súa morte) unha agrupación teatral, “Furafollas”, xunto cos veciños da súa aldea de Córgomo tomaron a súa figura como eixe para reactivar a vida cultural de Valdeorras. Dende Barcelona quixeron aportar o seu gran de area e organizando na Cidade Condal unhas xornadas para coñecer mellor a súa vida e obra.

A participación na dirección da revista “Vieiros” (1959) onda Carlos Velo e Luis Soto é un claro exemplo  da loita dun poeta nun exilio forzado do que volvería no ano 1968 para marchar de novo.

Cando no ano 1981 toma posesión como membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudios Valdeorreses, xa tiñamos esa democracia tan desexada e como tantos outros disfrutou tan pouco tempo, ainda que tanto aportara á mesma ó longo da súa vida.

Casoiro


Casou don Godello
con dona Mencia
e van pór a casa
polo “val das viñas”.

Daquela xuntanza,
foron de padriños
a rica Viura
e o rico Caíño. 

Houbo baile e foi
a millor parexa
mozo merenzáo
i a Mociña Fresca.

A nena Garnacha
Púxose bermella,
Porque, o Brencelláo,
Fíxolle unha festa.

Co esa nena tola
Que din Viciveira,
“Jerez”, o andalús,
foi de brincadeira. 

I a nai da rapaza
-a María Ordoña_,
polo viñaredo
andaba chorosa.

......................................

Fillo da Mencía
e mais do Godello,
un neno barudo,
Lledo e rebuldeiro
(dos que din as xentes:
“arde nun candieiro”).
nacéu, polo Cristo,
no mes de setembro.

            De Galicia infinda
vista de Córgomo de Valdeorras

Valdeorras


Vista de Córgomo de Valdeorras Miña noiva,
Miña terra:
Á beira do sil deitada,
para ollar a túa beleza
do mesmo xeito que a “Venus
do espello”, nel se contempra. 

Terra de curvas tan dóces
coma os peitos dunha nena
e de recendente aroma
coma o alento dunha deusa. 

Verde mantelo de vides,
cobre o teu corpo de femia
lanzal e morada cofia
amostras na nobre testa. 

Tecéronche os castañeiros
un refaixo de candeas,
que loces antre a ledicia
das festas da primavera. 

Para poñer en col do seo,
ao servizo da maxeza
da túa cara, a centos teis
nos xardíns da túa ribeira 

frores: no toxal chorimas
meigas estrelas da terra
por feras poutas gardadas
cal por dragós as princesas,

nos carreiros margaridas,
nos cómaros primaveras,
madresilvas nas carrúas,
no medio das poulas, névedas, 

bititroques nos valados,
violiñas antre as pedras,
coallada neve de rosas
pendurada nas cerdeiras...
...............................................

miña fada garimosa,
miña noiva feiticeira:
¡Quén, no teu tépedo colo,
pra sempre acougar poidera!
¡quen poidera, cos teus brazos,
cinguirse en eterna aperta!


O GALEGO...


O galego é un home que envexa aos macacos,
o galego é un cisne que quere ser pato,
o galego é unha águia, que imita aos morcegos
pra minimizarse, sendo sobranceiro.

Tendo fala de prócer, tatexa en castrapo;
de egrexia linaxe, anda a ser criado;
era circio e rexo, hoxe é brando, é mol,
doente de abulia, desleixo e langor.

O seu non reclama, inda deixa agora
que a reo o gobernen as xentes de afora;
non ten nunca arelas de ser, do seu, dono,
sempre mergullado nun sono sen soños.
¡Ignora que compre non ser “miñaxoia”,
pois a liberdade non a dan de esmola!

                        Guadalajara, Nova Galiza, 1979

                                               (de O soño...)

LOUVANZAS DOS NOMES ENXEBRES

Volten, de Valdeorras, os nomes xenuinos:
Non máis “Correjanes” nin “vega Molinos”;
sín Veiga Muiños e máis Correxais,
pois xa os “castrapismos” están por demáis.

Arriba Penouta e abaixo “Penota”
que é nome en “castrapo” e rima con “jota”;
afora “Jagoaza”, nome cacofónico,
adiante Xaguaza, enxebre i eufónico.

Non trocar por feles os galaicos meles,
pronunciando “El Barco”, “La Puebla” e “Bajeles”
e “Vega de Cabo”, “Villoria”, “Otarielo”
e “Puerto Morisco” e “Repuricielo”

e ata, Deus me salve, nomeando a Fiais
en “supercastrapo”,decíndolle “Hilais”.
Hai xentes capaces (é cousa de rir)
de, ao povo de Córgomo, “Kuérgamo” decir;

hai xentes capaces (cousa é pra chorar)
de, ás mesmas Gralleiras, “Grajeras” chamar
e, de Rodeleira, facer “Ruedelera”
(¿Víchedes vosoutros cousa máis pavera?).

 ¡Qué Deus lles perdóe a feble cultura
aos que esmendrellaron a nomenclatura,
traducindo os belos nomes de Valdeorras
ao feio “castrapo”, da linguaxe as borras,

xerigonza, xiria, xermanía impura
que é , do castelán, a caricatura!
Xentes valdeorresas, voltade a eufonía
dos nomes antergos, baril fidalguía.

¡Que na nosa fala, de fina enxebreza,
de lene dozura, de egrexia nobreza,
do noso Valdeorras, benquerido lar,
os povos e vilas volvamos nomear!

                        Guadalajara, Nova Galiza, Nadal do 1978

                                               De O Soño.. .