INTRODUCCIÓN
Presentación
Vinculados ao programa ecolóxico bioambiental “Voz Natura” dende o seu mesmo nacemento, no curso 1997/1998, e acadando o premio provincial de Ourense no ano académico 1998/1999, co traballo titulado “Mellora, conservación e estudo do contorno escolar. Fomento de condutas ecolóxicas”, seguimos, hoxe, altamente motivados e involucrados no desenvolvemento deste proxecto ecolóxico que nos permite poñer en práctica e inculcarlle ao noso alumnado unha pedagoxía ambiental a curto e longo prazo.
Cada ano que pasa o entusiasmo é maior; porque nos permite tocar distintos aspectos da natureza: vertedoiro incontrolado, recuperación de zonas degradadas, recuperación de fontes, marxes do río, muíños, reciclado de papel, separación selectiva do lixo, recollida de pilas, prevención de incendios, cría de vermes de seda, plantación de roseiras e xirasoles, sementar bulbos de flores...
Todas elas, foron actividades realizadas ao longo destes anos, contando coa colaboración de todas as promocións que pasaron polo centro nestes nove anos.
A motivación medra ao ver os resultados dos traballos realizados outros anos, ver como se van conseguindo obxectivos propostos e sorpréndennos as inquedanzas do noso alumnado ao fixar novas ideas e novos temas para seguir participando na próxima edición do programa.
(Por suposto, xa enviamos a nosa solicitude co título “Enriquecer a biodiversidade en Castromao: plantamos cerdeiras, vistosidade, alimento, madeira, osíxeno, sombra...”).
Somos un colexio onde un dos nosos principios é transmitir e inculcar valores que desemboquen nunha educación ambiental responsable, nuns cidadáns/ás do futuro, respectuosos/as e preocupados/as polo seu medio natural.
As condutas, comportamentos e valores que hoxe adquiran serán os que amosen cando sexan persoas maiores e llelos transmitan aos seus fillos/as.
Respectando o noso medio natural, estaremos a mellorar a calidade de vida na nosa zona e entre todos/as conseguiremos facer algo bo polo noso planeta.
REALIZACIÓN
Proxecto
“Onte verde, hoxe negro, mañá de novo verde, non é unha adiviña, é o noso proxecto: preparación e plantación de árbores autóctonas nun monte queimado e devastado polo lume”.
“Viveiro de plantas medicinais nos arredores do noso centro: xardín botánico.”
Ourense é unha das provincias máis afectadas polos incendios forestais. Por iso consideramos que o noso traballo de concienciación, sensibilización e recuperación dun monte queimado será positivo, activo e altamente participativo para o noso alumnado, ao permitirlle estar en acción directa sobre o medio e a súa recuperación.
A plantación de plantas medicinais no noso xardín botánico farán que o noso alumnado as descubran, coñezan, coiden e valoren como fonte de medicina, saúde e beneficios.
Plan
Ao longo do calendario de execución das actividades a realizar, prográmanse:
- Coloquios-charlas sobre a importancia do bosque para manter o ciclo da auga, a conservación do chan e a súa relación co clima.
- Toma de conciencia da ameaza do lume.
- Coñecemento das medidas de prevención e actuación ao longo do verán.
- Importancia da repoboación forestal para minimizar o impacto visual.
- Saída ao campo para valorar a extensión queimada e os danos producidos.
- Limpeza da zona afectada e replanteo da mesma.
- Plantación de 60-70 piñeiros e seguimento dos tratamentos silvícolas necesarios.
- Busca e recollida –coa axuda e colaboración das familias do alumnado e a sabedoría popular- de plantas medicinais coñecidas e existentes na Comarca de Celanova.
- Investigación dos usos e beneficios que nos aportan as plantas medicinais. Exposición das mesmas na entrada do colexio, secado e confección de herbarios que pasarán a formar parte dos murais de Voz Natura.
- Preparación e mellora do xardín botánico: Enriquecemento do solo, e instalación de regadío por aspersión que garanten a supervivencia destas plantas na estación de sequía.
- Adquisición de exemplares de plantas medicinais: Tilo, manzanilla, lavanda, menta, romeu, Herba Luísa,...e plantación ao longo do mes de abril.
- No horto escolar, situado ao lado de Educación Infantil, o alumnado de 3, 4 e 5 anos plantará e verá medrar diferentes hortalizas, baixo o slogan: “Gústannos as hortalizas”, lema que permitirá traballar un obxectivo ambiental así como dar formación nutricional.
Accións
|