O termo entroido procede da palabra latina introitus que significa "entrada". Entrada a unha nova estación máis fértil e benigna que segue ó inverno. É a festa da diversión e da fartura.
   En épocas pasadas a figura do entroido soíase representar por un boneco feito de palla,  vestido con roupa de traballo e cara de trapo. Colgábase dun sitio alto onde a veciñanza se reunía.
   Hoxe en día, as máscaras en Galicia reciben moi variados nomes: choqueiro, peliqueiro, borralleiro, felo, meco, pantalla,... existindo grandes diferenzas e variantes, tanto no tipo de disfrace como nas actuacións en forma de representacións. Sen dúbida, a figura do choqueiro é a máis extendida e tradicional.
    Pero en Galicia son famosos moitos outros lugares pola celebración do entroido: Os xenerais en Boqueixón, A Estrada, Silleda,...; as pantallas de Xinzo, os boteiros e foliós de Viana do Bolo, os cigarróns de Laza e Verín.
   Na comarca do Barbanza o día máis celebrado é o martes de entroido, coas típicas charangas, comparsas, sen esquecernos da singular figura do choqueiro. Outra tradición moi arraigada na zona é o enterro da sardiña, a queima do Filipiño,...sen deixar de vista o testamento que o finado deixa escrito en vida, repartindo as súas pertenzas entre os seus conveciños e conveciñas, personaxes da política, da actualidade,...
   É típico destas datas: facer entroidadas, manchar, mollar, facer coplas burlescas, meter burros,...
   Os días máis fortes  no entroido galego son o domingo, luns e martes; sen dúbida os entroidos máis famosos son os ourensáns: Laza, Verín e Xinzo convértense por uns días no punto de atención:
   Domingo fareleiro: ten lugar quince días antes do entroido. A xente sae as rúas e corredoiras a emporcar a todo o que pasa con fariña, borralla, betume,...
   Domingo corredoiro: é o anterior ó entroido. É o día das primeiras bromas, mascaradas e xogos.
   Xoves de compadres e de  comadres:  no primeiro caso os homes fan unha "comadre" que as mulleres teñen que tentar roubar; no segundo caso invírtense os papeis, sendo os homes os que rouban o "compadre" (boneco de palla vestido con prendas roubadas)
   Domingo oleiro: recibe o seu nome polo xogo de olas. Enchen olas vellas con auga , fariña, terra, ... e lánzanas ata que escachen.

   O entroido galego está moi asociado á gastronomía: o lacón con grelos como prato forte, acompañado de doces como as orellas ou as filloas, son as comidas típicas destas festas.