Ao longo da visita a esta estación meteorolóxica, poderás descubrir cales son os factores do clima e como os homes do tempo fan a súa previsión.
Tamén daremos nome ás nubes como parte do proxecto “Mirar ao ceo”.
Atoparaste de cheo cun dos procedementos clave do método científico, a recolleita, o arquivo de datos e a interpretación dos mesmos.
Poderás, ademais, traballar durante un anaquiño de home do tempo, facer a túa previsión para as próximas horas e comparala coas da tele ou Internet.
Tamén coñecerás as principais variables do clima de Monforte o que poderá determinar a conveniencia ou non dun determinado tipo de colleita.
O teu traballo consistirá en facer a lectura dos datos nas casetas de que dispoñemos e comparalos, logo ler a cantidade de choiva e determinar se é aceda ou non, por fin leremos a presión e veremos se se mantén, sobe ou baixa. Faremos entón a previsión.
Antes de finalizar a visita, daránseche a coñecer as variables esenciais do clima de Monforte.
Antonio Matías Vázquez Yáñez, Xefe do Departamento de Física e Química do IES A Pinguela. |