Fundación Amigos de Galicia - IES Aquis Celenis
Memoria
Valores éticos

Dende a Filosofía, sempre houbo  interese polo sentido do Ben, dende a busca da Idea perfecta do Ben en Platón que debía orientar a súa República perfecta, até a idea do Ilustrado Enmanuel Kant: "Dúas cousas me enchen de ánimo e de admiración, o ceo estrelado por enriba de min e a Lei Moral dentro de min". Grazas á oportunidade que se concede con este Proxecto TIL, pensamos que un modo de promover ou de remover o alumnado na súa procura do Ben común, podería realizarse ensinándolles o concepto de EMPATÍA, e facérllela sentir  grazas a un xenio da cinematografía galega, o director CHANO PIÑEIRO e a súa laureada curtametraxe "MAMASUNCIÓN".


Deste xeito, pensamos, poderían traballar mellor a necesidade moral dos Bancos de alimentos e á vez contribuír ao aprecio pola cultura galega e  a nosa realidade lingüística poñendo en valor  unha inadaptada,  unha persoa pobre,  unha marxinada, como é a protagonista da curtametraxe e como podemos empatizar con ela e  rexeitar os valores meramente materiais ao enxalzar  o valor do  afectividade por enriba doutros.


A colaboración e posibilidade de ensinarlle todo isto, vén  dan man da actitude colaborativa do Profesor José Escudero,  o cal facendo gala da actitude cooperativa que o propio  Proxecto TIL esixía de nós, deixounos unha clase de Lingua para  o visionado e a posterior realización de actividades e debate  sobre a devandita Curtametraxe.

Isto en si mesmo, xa foi importante, para min e tamén  para eles, pois os rapaces observaron dous profesores de diferentes materias  que compartían e cedían a súa propia materia, que valoraban a materia do outro e apreciaban o seu traballo, ademais continuaban o seu esforzo didáctico, nun avance Progresivo onde o primeiro o deixaba. E iso é practicar co exemplo, viron como un Profesor se poñía no punto de vista doutro, e cedía o tempo de clase, poñía en Valor  as aprendizaxes doutro Departamento que non era só o seu. En fin, nunha  soa expresión, colaboraban xuntos, empatizaban, axudábanse. Que mellor que practicar co exemplo?, tamén aprenderon  Valores, observándoos.  


O primeiro Poñente TIL, si, aquel que fixo unha defensa da didáctica filosófica en tempos pouco proclives a facelo, foi precisamente o que puxo en valor: "TODOS TEMOS UNHA ESTRELA" até a mazá que cría que non a tiña.  Alumnos, profesores, até  o máis aparentemente insignificante ser é alguén do cal sempre podemos aprender algo. A propia Mamasunción, un refuxiado Sirio, que podía ser a túa Nai, todos.  Citando a Galileo Galilei "Nunca atopei  un ser humano  do cal non puidese aprender algo" .   


É certo que foi todo breve, debido a que non se daba clase nese grupo, pero o primeiro pasiño está dado. Cando outro profesor lles fale do Cine Galego noutra materia, ou de Chano Piñeiro, ou da emigración do noso pobo, ou da falta de traballo pola que pasou a nosa terra, xa non partirá de cero.


Con respecto ás Actividades, recolléronse  os exercicios seguintes que se achegan nun arquivo a parte. Ademais o profesor de Lingua, antes mencionado, aproveitou para pedirlles descricións das personaxes.


Igual non só aprenderon os rapaces, igual tamén aprendemos nós a colaborar, podemos  "TILDAR " a oportunidade brindada como Interesante.

 

Educación Plástica e Visual

O obxectivo final do traballo nesta área era o deseño dun logotipo para a Fundación Amigos de Galicia.


O punto de inicio foi común a varias áreas, e consistiu na recompilación de información sobre a Fundación. A partir de aquí, como xeito para establecer uns coñecementos previos que permitisen enfrontar o deseño do logotipo, traballouse co alumnado cuestións de tipo teórico: círculo cromático, significado das cores, relación destas cos sentimentos… ademais do estudo das formas xeométricas, de símbolos e sinais...


O seguinte foi levar a cabo unha choiva de ideas, na que se vincularon os conceptos que queriamos traballar (empatía, solidariedade, compromiso, axuda…) cos distintos elementos gráficos vistos previamente. Despois elaborouse unha ficha na que o alumnado debía converter en imaxe gráfica distintos conceptos abstractos. Para rematar realizouse o deseño final do logotipo. O resultado final do traballo elaborado por cada un dos grupos que participaron, presentado en papel charol sobre cartolina branca, presentouse nunha exposición pública que todo o alumnado do instituto valorou mediante votación.

 

O resultado da votación deu lugar á elección dun logotipo que foi o que finalmente se presentou á Fundación Amigos de Galicia.

 

 

Lingua Castelá e Literatura

Na materia de Lingua Castelá traballouse a lingua escrita. Partiuse dunha charla que lles deu unha representante da Fundación Amigos de Galicia sobre esta organización, logo buscaron información sobre a Fundación e os Servizos Sociais do Concello de Caldas en distintas fontes para así recoller información que lles permitise elaborar unhas preguntas co fin de facerlle unha entrevista ao responsable de ditos servizos. A entrevista levouse a cabo no Salón de Plenos do propio Concello e foi gravada en vídeo. Este traballo foi feito de forma colaborativa a través dos grupos establecidos en cada un dos primeiros Por un lado a entrevista (escrita) e a realización (oral) formaron parte da nota do segundo trimestre, tanto dende o punto de vista individual como dende o punto de vista do grupo. Avaliouse en ambos casos a través dunha rúbrica.

No terceiro trimestre, como resumo de toda a tarefa feita de forma interdisciplinar, cada grupo tivo que elaborar unha nota de prensa, incorporando o slogan e o logotipo gañador. Este texto formou parte da nota da terceira avaliación no bloque de comunicación escrita, tanto a nivel individual como a nivel de grupo. Tamén se avaliou a través dunha rúbrica. Nos dous casos, traballouse previamente na aula todo o relacionado cos textos xornalísticos e tamén se aportou información sobre os slogans, desde o punto de vista lingüístico, sen profundar, xa que iso ía ser traballado na materia de Lingua Inglesa.

 

O máis salientable da realización desta tarefa foi a motivación do alumnado para levala a cabo; en canto ó traballo en grupo, os resultados foron desiguais, sendo a evolución do traballo dentro de cada un moi distinta. En xeral, a experiencia resultou positiva, pero como sempre que se produce un cambio significativo, un tense que conformar con pequenos logros e non con acadar obxectivos utópicos.

 

Lingua Galega e Literatura

Na materia de Lingua Galega e Literatura a atención centrouse na oralidade.

 

O obxectivo era utilizar a actividade para mellorar no alumnado a destreza de falar en público, para o cal se planificou unha tarefa na que os alumnos/as tiñan que acudir a cada aula do centro e impartir unha charla na que desen a coñecer o labor da Fundación Amigos de Galicia e animasen os seus compañeiros a colaborar na recollida de alimentos.

Aínda que o traballo se organizou para que fose unha actividade colaborativa, nunha primeira fase (dúas semanas antes da conferencia que daría inicio a todas as actividades) comezouse a traballar na aula, de xeito individual, unha unidade didáctica referida a como falar en público. Os aspectos que se desenvolveron foron tanto orais (entoación, volume, vocalización, ritmo...) coma visuais (miradas, movementos das mans, desprazamentos...), e a partir deles elaborouse unha rúbrica de xeito que o alumnado puidese valorar de forma obxectiva o desempeño nunha comunicación oral. Esta rúbrica fórona aplicando todos os alumnos/as para valorar os seus compañeiros, que foron facendo cadansúa exposición oral improvisada na clase. Na conferencia inicial (impartida por unha persoa da Fundación Amigos de Galicia) o alumnado tamén utilizou a rúbrica para valorar os aspectos comunicativos que a relatora puxo en xogo na súa exposición.

 

A partir deste momento todo o traballo se levou a cabo en grupo. Creáronse os grupos, distribuíronse os roles, e comezou a preparación das conferencias que cada grupo ía impartir. O primeiro era a redacción do contido a desenvolver na exposición; para o cal os grupos tiveron que buscar información sobre a Fundación Amigos de Galicia, valéndose tanto da información achegada pola relatora da charla inicial, como da conseguida por diversas fontes (páxina web da fundación, noticias de prensa...). Unha vez recompilada a información había que redactar e distribuír entre os membros do grupo os distintos apartados que se ían desenvolver. Nesta fase comezaron as prácticas orais, nas que cada alumno/a debía intervir ante os demais, que o corrixían en canto ós aspectos vocais e visuais e ó xeito de comunicar en xeral. O último proceso antes da presentación en público foi a realización dunha presentación dixital que servise de apoio visual á comunicación oral. Traballáronse os aspectos teóricos relacionados coa creación de presentacións en Impress (LibreOffice), así como as condicións visuais que debían cumprir as mesmas.

 

Finalmente fixéronse as exposicións orais. Cada grupo expuxo o seu traballo perante o alumnado dos niveis superiores (primeiro e segundo de Bacharelato), poñendo en práctica todo o aprendido e axudándose dunha presentación dixital.

 

A avaliación realizouse tendo en conta diversos aspectos: a participación de cada membro do grupo en contribuír ó bo funcionamento do mesmo (traballo e compromiso persoal, integración de todos os membros do grupo, implicación na toma de decisións...), a aprendizaxe das principais cuestións relacionadas coa exposición oral (vocalización, volume, ritmo, movementos das mans, movementos corporais, miradas...) e sobre todo a execución final da tarefa.


O aspecto máis relevante do traballo desenvolvido foi o alto grao de motivación do alumnado, que se esforzou moito co principal obxectivo de ser valorado positivamente polo alumnado dos cursos superiores. Houbo un alto grao de implicación e de colaboración para sacar adiante a tarefa. Todo isto posibilitou unha aprendizaxe de habilidades básicas a un nivel que doutro xeito resultaría imposible.

 

Lingua Inglesa

Creación dun Slogan para a Asociación “Amigos de Galicia”.

O traballo levado a cabo dende a materia de lingua inglesa foi a elaboración dun slogan axeitado para a campaña publicitaria da Fundación Amigos de Galicia.

 

Para comezar fixemos unhas sesións de introdución ó mundo e á linguaxe publicitaria e dos slogans. Nelas estivemos primeiro visionando uns spots publicitarios diversos e despois falamos deles, do seu obxectivo, da súa linguaxe e dos puntos a ter en conta para publicitar un produto. Noutra sesión estivemos xa traballando cos slogans. Recoñecemos nunhas fichas slogans famosos e que marcas publicitaban, analizando a súa linguaxe e os obxectivos que andaban a buscar. A última parte do noso traballo fixémolo en grupos, en dúas sesións onde empregamos estruturas de traballo cooperativo e onde os rapaces tiñan que crear un slogan para a Fundación Amigos de Galicia tendo en conta todo o visto nas sesión previas.





IES Aquis Celenis - Fundación Amigos de Galicia