Fundación Amigos de Galicia - IES Aquis Celenis
Proxecto

O que describimos a continuación é o proceso de elaboración da tarefa interdisciplinar que realizou o alumnado de primeiro da ESO do instituto Aquis Celenis durante o segundo trimestre do curso 2015-2016 e no que se implicou profesorado das seguintes materias: Lingua Galega, Lingua Castelá, Lingua Inglesa, Valores Éticos, Tecnoloxía, Plástica e Historia.  

Os profesores e profesoras que participamos neste proxecto TIL quixemos aproveitar a ocasión para irmos un pouquiño máis alá da simple (ou non tan simple) elaboración dunha tarefa interdisciplinar. Non se trataba só de traballarmos a(s) lingua(s) nas distintas materias (lingüísticas ou non) e que o alumnado entendese que o aprendido nunha disciplina o poden optimizar nas outras. Queriamos tamén formar persoas, que o noso alumnado aprendese que se traballamos de xeito cooperativo imos conseguir mellores resultados e mais tamén que a escola non é unha illa fóra da sociedade, que o que pasa na nosa contorna ten repercusión na actividade académica e que, á súa vez, a actividade que desenvolvemos nas aulas pode contribuír para mudar e mellorar a sociedade na que estamos inmersos.


Por isto deseñamos un proxecto que partía da nosa realidade social e que tiña como obxectivo conseguirmos un(s) produto(s) final que supuxese non só a posta en práctica dunha serie de destrezas ( o obxectivo académico) senón tamén que tivese relevancia para a sociedade (o obxectivo social). Este dobre obxectivo permitiríanos, ademais, conseguir unha maior implicación do alumnado ao longo de todo o proceso de aprendizaxe.

Por todo isto partimos de que no noso instituto xa se colabora dende hai uns anos coa ONG Amigos de Galicia, que se encarga de axudar de varias maneiras (material, asesoramento profesional…) a distintos  colectivos na nosa contorna. Até o momento a nosa contribución consistía unicamente en recollermos alimentos para repartir ás familias que os precisaban pero pensamos que poderiamos ir un paso máis alá e axudarlles dun xeito que, ao mesmo tempo, contribuíse a mellorar as habilidades lingüísticas (e non só) do noso alumnado así como a conseguir a concienciación necesaria sobre a difícil situación que atravesan moitas familias dos concellos nos que vive o noso alumnado (se cadra a propia familia dalgún dos nosos alumnos ou alumnas).

Para isto decidimos que o noso proxecto ía consistir en deseñarmos un lema e un logo para que a devandita organización os puidese utilizar como  imaxe.  Mais para chegar a isto era preciso previamente un intenso traballo que se complementou nas distintas materias.

O primeiro, por suposto, foi o contacto coa ONG para ofrecerlles os nosos servizos e pedirlles que se desprazasen ao centro co fin de impartirlle ao alumnado que ía participar na actividade unha charla onde se presentasen e explicasen os obxectivos da ONG.

A partir de aquí, en cada materia traballáronse diferentes aspectos: a exposición oral, a linguaxe publicitaria, a busca de información, a linguaxe xornalística, a descrición, a empatía, a solidariedade…(detállase nas distintas memorias) ata conseguirmos o noso obxectivo: obter os lemas e os logos. Pero despois aínda houbo máis: o alumnado de 1º da ESO someteu á valoración de todo o alumnado do centro o resultado do seu traballo e estes, a través dunha votación, escolleron o produto que  finalmente ofrecemos a “Amigos de Galicia”.

 





IES Aquis Celenis - Fundación Amigos de Galicia