RSS para
Artigos
Comentarios

ENSAIO MES DE DECEMBRO

IV OLIMPIADA FILOSÓFICA DE GALICIA
DISERTACIÓN FILOSÓFICA
TEMA:
NOVAS TECNOLOXÍAS E IDENTIDADES HUMANAS
consumismo.jpg
O ensaio deste mes consistirá nunha Disertación Filosófica sobre o tema que aparece indicado máis arriba e que, como podedes comprobar, ten moito que ver coa temática do primeiro ensaio. Mais nesta ocasión o ensaio debe adoptar a forma dunha disertación.
En que consiste unha “disertación”? De forma moi sintética, podemos dicir que unha boa disertación consiste nunha exposición, oral ou escrita, que defende con claridade unha determinada tese sobre un tema, avaliando debidamente tanto os argumentos que sosteñen a tese como os que poderían refutala ou poñela en dúbida.

Para que a tese resulte clara cómpre que nalgún momento o autor defina perfectamente as ideas que manexa e como as interpreta. Nese sentido, precísase:
Que apareza debidamente definido o concepto de “Novas Tecnoloxías”: que entende o autor por NNTT? Cando comezaron a aparecer estas? De que maneira están transformando a sociedade?
Que igualmente estea claro que entende por “identidade humana” e así explique en que medida esa “identidade” tiña tales ou cales características antes da irrupción das NNTT, e en que medida esas características foron modificadas por esa irrupción.
Para a mellor clarificación destes conceptos, é conveniente o uso de exemplos (un -ou varios- determinado aparello ou uso dun aparello tecnolóxico que ten modificado unha determinada -ou varias- característica identitaria).
Desde a perspectiva filosófica é importante que se avalíen os pros e os contras desas modificacións: contribúen a que as persoas sexan máis “felices”?, “mellores” persoas?, a resolver importantes problemas sociais?, fan que estean mellor informadas?, fainas máis “intelixentes” á hora de tomar decisións?, favorecen a democracia ou a dificultan?, melloran as condicións de vida?, favorecen o igualitarismo ou incrementan as desigualdades? …? Tamén aquí pode axudar o uso de exemplos axeitados.

A estrutura final da disertación debería acomodarse a este modelo:
1. Presentación da tese, coa debida aclaración dos conceptos usados e a interpretación que o autor lles dá.
2. Exposición dos argumentos mediante os que sostén a validez da tese defendida.
3. Análise dos argumentos que poderían contrapoñerse aos argumentos favorables á tese defendida (isto non ten por que aparecer necesariamente separado do anterior senón que o autor pode tamén optar por ir avaliando cada contra-argumento a medida que expón os seus).
4. Conclusión final, na que se reafirma a tese inicial mediante unha síntese da argumentación coa que foi sostida.
Este traballo deberá axustarse a unha extensión máxima de 9.000 caracteres con espazo ou 1.600 palabras.
O alumnado que queira que a avaliación deste ensaio – disertación entre na cualificación da 1ª avaliación, deberá subilo ao blog antes do sábado día 10 de decembro. Os demais terán como prazo ata o último día de clases deste trimestre.
human-workers-evolution-silhouettes_721474961171.jpg

Unidade Coñecemento Científico

unidade3-filosofia-e-ciencia1.pdf

DILEMA
NOVAS TECNOLOXÍAS E IDENTIDADES HUMANAS
brain-movil.jpg
Posiblemente a ti che custe traballo imaxinarte sen o teu móbil, sen as túas conexións a través das Redes Sociais (whatsapp, facebook, instagram), sen a túa play station e os teus videoxogos. Por esa mesma razón, por que xa non comprendes a túa propia identidade sen asociala cos aparellos proporcionados polas novas tecnoloxías dixitais, seguramente non che será doado revisar criticamente o que supuxo a súa irrupción nas novas xeracións de adolescentes.

Ese é o dilema que che propoño desenvolver: ¿ten mellorado a vida dos mozos e mozas coa influencia nas súas vidas das novas tecnoloxías?, ¿ou ten empeorado?, ¿contribúen a que sexan mellores persoas ou os fan peores?

O que debes facer, logo, nunha exposición dun máximo de catro folios (9.000 caracteres con espazo ou 1.600 palabras) é dar resposta a esta cuestión, analizando dun xeito argumentado que vantaxes e que desavantaxes teñen traído consigo as novas tecnoloxías dixitais.

O prazo para a entrega rematará o venres da semana que vén, día 2 de decembro.

Un problema psicolóxico

psicoloxia.png

De entre os seguintes problemas debes escoller un:

A. Un alumno ou alumna dun centro de ensino presenta condutas disruptivas, é dicir, condutas que provocan alteracións graves da orde necesaria para impartir clases, incluíndo accións que beirean o delictivo (roubos, agresións).

B. Un mozo ou moza cae nun grave estado de depresión a causa dun desengano de carácter afectivo.

C. Unha empresa pretende mellorar os procedementos de selección de persoal para garantir que os traballadores contratados reúnan as competencias necesarias para as funcións ás que os van destinar.

D. Certas persoas influentes queren impoñer medidas discriminatorias (limitación do acceso ás funcións públicas e da participación na vida política democrática) de certos grupos étnicos, aducindo que presentan diferenzas innatas no desenvolvemento de determinadas capacidades intelectuais.

Unha vez escollido o problema, debes elaborar un procedemento para o estudo do mesmo seguindo un enfoque propio de algunha das escolas filosóficas vistas en clase, que naturalmente deberás identificar.

De seguido, debes establecer a hipótese (ou hipóteses) concreta que pretendes comprobar en relación co problema. Establecida esta, especifica o obxectivo (ou obxectivos) e o procedemento metodolóxico que seguirías para o desenvolvemento do teu estudo.

Obviamente non se trata de que anticipes as conclusións porque estas só poden ser resultado da investigación, mais lembra que unha hipótese é un suposto sobre o que esperas atopar, tanto se ao final da investigación ese suposto acaba sendo confirmado como se é refutado.

FALADOIRO MES DE NOVEMBRO

Terá lugar o XOVES DÍA 17 de novembro, na BIBLIOTECA do Instituto, das 17 ás 18 h.
O tema será o acordado ao final da primeira sesión:

A FILOSOFÍA DIANTE DA MORTE E DA INMORTALIDADE

Lecturas sobre as que se desenvolverá a tertulia:
Platón: Fedón. 104 c / 118, páxs. 644 a 652 (En Obras Completas, Edición Aguilar).
J. L. Rodríguez García: Sartre. El hermoso orgullo de ser libre, páxs. 48 a 59.
Enrique Rojas Montes: La ilusión de vivir. Páxs. 29 a 39.
O libro de Platón está dispoñible na biblioteca do centro. Os outros dous deben ser solicitados ao profesor.
Quen queira facerse cargo da exposición dos mesmos, debe informar previamente ao profesor.
Esta sesión está aberta á asistencia de calquera persoa que forme parte da comunidade educativa do noso centro, ou mesmo a calquera persoa convidada por algún membro da devandita comunidade.

ENSAIO MES DE NOVEMBRO

O TEMA do ensaio deste mes garda relación co contido na nova Unidade de traballo, isto é, coa cuestión do COÑECEMENTO e A VERDADE.

COMO PODO ESTAR SEGURO DE QUE ALGO É CERTO?

Para afrontar este problema, propoño que consideredes os diferentes puntos de vista que difunden os medios de comunicación, en particular a televisión. Imaxinade que nos informativos de varias canles de televisión se afirman cousas contraditorias respecto dun mesmo feito que potencialmente vos pode afectar (por exemplo: un medicamento do que nalgunhas canles se di que é moi eficaz mentres noutras se di que é unha fraude; a oferta dun produto bancario que unhas din que permite obter altos intereses con baixo risco mentres outras aseguran o contrario …). É obvio que as afirmacións contraditorias non poden ser igualmente verdadeiras. Que procedemento debo seguir para distinguir o certo do falso?
elroto3.jpg elroto4.jpg
- É imprescindible recorrer á observación sensorial directa?
- Acaso os sentidos son absolutamente fiables?, nunca nos enganan?
- Que outras facultades (o entendemento, a imaxinación, a memoria …), e de que modo, nos poden axudar a contrastar as informacións sensoriais?
- Hai algún recurso de carácter científico que pode axudar?
- A que testemuñas fiables podes recorrer para saber que canle merece maior credibilidade?
- Hai quen di que como a televisión está dominada polos avisos publicitarios, e estes son sempre manipuladores, é un medio non fiable, é dicir, esencialmente enganoso. Estás de acordo?
- Hai outros medios, distintos da televisión, que merecen maior credibilidade?
elroto5.jpg

- Cres que as informacións que circulan polas redes sociais teñen maior fiabilidade?
- E os medios informativos alternativos na web?
- Que criterio, en definitiva, debes aplicar para poder determinar se algo é certo ou falso? Ou pensas quizais que non existe ningún criterio?

elroto6.jpg

Non é preciso que respondas a todas estas preguntas pois só teñen un carácter orientativo. En calquera caso, lembra as túas respostas deben sempre estar debidamente argumentadas.

O prazo de entrega deste ensaio finaliza o último día do mes de novembro.

(As imaxes son todas de El Roto)

Velaquí a Unidade 2 para que os grupos de traballo poidan ir preparando as súas exposicións

unidade2-os-limites-do-conecemento1.pdf

FALADOIRO MES DE OUTUBRO

O Faladoiro é unha actividade aberta a todo o alumnado de Filosofía, tanto de 4º da Eso como de 1º e 2º de bacharelato. Asistir e participar dá dereito a unha posible mellora na avaliación trimestral nas condicións que o profesor exporá nas respectivas clases.
O Faladoiro está aberto tamén á participación de calquera persoa da comunidade educativa do centro e mesmo a calquera persoa convidada por algún dos participantes, aínda que non pertenza ao centro.
As sesións terán lugar nas tardes do xoves, unha vez ao mes, cunha duración exacta de unha hora (entre as 17 e as 18 horas, se non hai advertencia previa en contra).
A primeira sesión deste curso desenvolverase a tarde do xoves día 13 de outubro.
O seu tema será: IDENTIDADE HUMANA E TECNOLOXÍAS.
Os textos que se tomarán como base para a exposición e o debate son:
Mark Vernon: La respuesta de pensamiento profundo a la vida, al universo y a todo. Cap. 27, páxs. 151 a 154.
Theodore Schick: Las Grietas del Destino: la amenaza de las tecnologías emergentes y los anillos de poder de Tolkien. En El Señor de los Anillos y la Filosofía, páxs. 37 a 51.
Fernando Savater: Las preguntas de la vida. Páxs. 185 a 189.

Todos estes libros están dispoñibles na biblioteca do centro.
Quen queira facerse cargo da exposición dos mesmos, debe informar previamente ao profesor.

A realización deste ensaio é obrigatoria tanto para o alumnado de Filosofía de 4º da ESO como para o de 1º de Bacharelato.
O prazo de entrega pecharase na última semana do mes de outubro.
O ensaio debe enviarse a este blog en forma de comentario a este post.

IDENTIDADE E TECNOLOXÍAS

A identidade é o que fai que unha cousa sexa o que é, diferenciándoa de todas as outras cousas. Unha identidade componse dunha serie de propiedades ou cualidades que pertencen en exclusiva a un individuo ou grupo. Falamos así da identidade “galega”, diferente da “castelán” ou “italiana”, máis tamén da identidade “compostelá”, diferente da “coruñesa” ou “portuense”, e mesmo da identidade “adolescente”, diferente da “infantil” ou da propia da “madurez” e a “vellez”. E falamos finalmente da “miña” identidade, o meu “eu”, distinto da identidade das outras persoas.
edades.jpg edades-de-la-mujer.jpg
É obvio logo que as identidades persoais ou individuais se constrúen coa suma de varias identidades grupais: eu podo ser adolescente, compostelán, estudante, galego, afeccionado e practicante do fútbol, español, lector asiduo, europeo. Ningunha desas identidades exclúe á outra. En cambio, en principio non se pode ser simultaneamente adolescente e ancián, aínda que metaforicamente si se pode dicir dun individuo adulto que, por exemplo, segue a ser “moi infantil”, ou dun adolescente que semella “un vello”. Tampouco non se pode ser simultaneamente mozo e moza, home e muller, aínda que a aplicación de discutibles (e rexeitables) estereotipos de xénero poden levar a cualificar a un home de “afiminado” e a unha muller de “machola”.

A identidade responde, xa que logo, tanto á pregunta específica “quen son eu?” como á pregunta máis xenérica “que é un ser humano?”, dúas preguntas que estiveron presentes desde os inicios da filosofía. “Coñécete a ti mesmo” foi un lema que os filósofos gregos colocaron no centro do seu filosofar práctico: só mediante un fondo autocoñecemento estaremos en disposición de levar unha vida virtuosa, harmónica e feliz, no canto dunha viciosa, desequilibrada e infeliz. E ese autocoñecemento non é posible se non se integra nun saber antropolóxico máis xeral, é dicir, nun acertado coñecemento da esencia constitutiva da propia natureza humana.
conecete-a-ti-mesmo.png
Falemos agora da tecnoloxía. É unha palabra etimoloxicamente procedente do grego: “tecno” vén de “tekne” que en grego significaba tanto “arte” como “técnica”; “loxía” de “logos”, que aquí ten o significado de “estudo racional”. A tecnoloxía sería polo tanto o estudo racional (cientifico, dicimos hoxe) das técnicas. Unha técnica, á súa vez, é un procedemento dirixido a transformar a realidade. Mediante os recursos técnicos os seres humanos incrementan as súas capacidades para adaptar a realidade natural aos seus intereses. Neste sentido, tense dito que as técnicas actúan como prolongacións das mans, os pés, os sentidos e mesmo o cerebro humanos. Son extensións artificiais dos nosos medios físicos. A mellora das condicións de vida dos seres humanos non é posible entendela sen o apoio proporcionado polas innovacións técnicas.
mundo-tecnologico3.jpg

Todas as sociedades humanas desenvolveron diversas tecnoloxías pero ningunha en tan alto grao como a nosa sociedade contemporánea. Podemos dicir que hoxe case non hai acto humano que non estea mediado por algún instrumental técnico. Mais esta proliferación de mediacións tecnolóxicas está provocando a advertencia de algúns filósofos e outros pensadores (psicólogos, sociólogos): ata que punto non é certo que hoxe os instrumentos se están trocando, de medios para o cumprimento dos nosos fins, en fins en si mesmos?; ata que punto non se pode dicir que moitos seres humanos están sendo instrumentalizados polos instrumentos fabricados pola propia humanidade? Se cadra, a amenaza que describe o filme Matrix xa comeza a ser en certos niveis unha realidade.
the_matrix_reloaded-133935821-large.jpg

Contra este punto de vista, que caracteriza aos chamádos “tecnófobos” (odiadores da técnica), álzanse os “tecnófilos” (amantes da técnica), que non se cansan de loar as enormes vantaxes que as novas tecnoloxías (as tecnoloxías dixitais) encerran: unha biblioteca de acceso universal na rede, unha democratización da información e disque os coñecementos, a conversión do mundo nunha “aldea global”, é dicir, un lugar no que calquera individuo ten a posibilidade de comunicarse directamente con calquera individuo, como acontece nas pequenas vilas.
mundo-tecnologico2.jpg

A ti tócache, neste primeiro ensaio, partindo destas premisas (que ti podes complementar procurando informacións pola túa conta e que, por suposto, podes dar por válidas ou cuestionalas), desenvolver o teu propio punto de vista sobre A IDENTIDADE ADOLESCENTE NA SOCIEDADE TECNOLÓXICA CONTEMPORÁNEA. Para iso suxiro que toques os seguintes puntos:
4abac2_nuevas-tecnologias-perjudican-cerebro-adolescentes-portada_news.jpg
En que se parecen e en que se distinguen os adolescentes de hoxe, posteriores á “revolución informática” (a que aparece coa xeneralización dos ordenadores e a tecnoloxía dixital), dos adolescentes de períodos precedentes.
Analiza a túa condición de adolescente, comparándoa coa dos teus colegas, para identificar as propiedades que cres que os caracterizan como grupo, pero tamén identificando as que te singularizan a ti como individuo persoal.
Cres que hoxe é máis doado ou máis difícil singularizarse, é dicir, adoptar unha personalidade propia, distinguirse do grupo dos iguais?
Que papel xogan as tecnoloxías (móbiles, videoxogos, redes sociais …) na conformación da túa identidade e da identidade dos e das adolescentes en xeral? Favorecen ou entorpecen o desenvolvemento de personalidades autónomas (capaces de decidiren por si mesmas)?
Reflexiona en especial sobre a relación entre eses instrumentos tecnolóxicos e as finalidades que procurades a través deles:
serven para enriquecer o voso coñecemento do mundo?, para facervos máis libres, máis autónomos, ou quizais máis dependentes?
só procurades neles a diversión ou algo máis?
se procurades ese algo máis, proporciónanvolo eles?, cales?
non estades sendo, como acusan os tecnófobos, simples instrumentos dunha industria que os converte en consumidores compulsivos de aparellos ao servizo dos intereses das empresas que os fabrican?
Observas a persistencia dos chamados “estereotipos de xénero” (ideas prefixadas sobre as cualidades que deben ter “as mozas” e “os mozos”: as primeiras sensibles e pasivas, os segundos insensibles ou “duros” e activos, por exemplo) na adolescencia actual ou cres que xa desapareceron ou están a desaparecer?

Finalmente, sitúate na polémica entre “tecnófobos” e “tecnófilos”. Sénteste máis próximo a uns ou a outros? A ningún deles?
En todo caso, lembra que debes xustificar debidamente as túas respostas mediante argumentos.

FILOSOFÍA 1º BACH: UNIDADE 1

Velaquí tendes o pdf cos contidos desenvolvidos do primeiro tema de curso: O Saber Filosófico.
unidade1-o-saber-filosofico.pdf

« Ant. - Seg. »