Sábado 11 de setembro de 2004, 7 da mañá, 32 alumnos e alumnas de 4º de ESO, Mariño, Susana e Xaquín (un descoñecido ata ese día) partimos rumbo a Italia coa ilusión de pasalo ben, coñecer e convivir nun lugar diferente.
Non sen poucos atrancos, como a avaría en Burgos ou as múltiples perdas na estrada, chegamos de madrugada ao hotel de Calella.
A saída do domingo acordárase ás oito da mañá, pero debido a unhas despistadas que non fixeron caso ao despertador, partimos rumbo a Italia unha hora despois. Cando chegamos a Vernasca (Piacenza – Italia) xa eran cerca das dúas da mañá.
O luns 13 fixemos unha visita ao castelo de Vigoleno e á vila de Castell’Arquato.
O martes viaxamos ata Milán, visitamos a catedral e, pola tarde, demos un paseo polo resto da cidade; a noite rematou cunha cea cos mozos de Vernasca.
O día seguinte, mércores 15, pola mañá fomos ver os restos da cidade romana de Veleia Romana e, pola tarde, visita aos lugares verdianos: a antiga casa, a mansión e o teatro.
O xoves 16 o noso amigo Secundino, o condutor, levounos á cidade de Parma, onde xantamos, e despois partimos cara a Lugagnano, onde compartimos unha tarde de xogos cos rapaces da zona e unha cea con auténtica pizza italiana.
O venres 17 houbo cambio de plans e visitamos Xénova (capital europea da cultura 2004), onde vimos o acuario, e a tarde deixáronnola libre. De noite participamos dunha festa que facían os italianos cerca do hotel onde nos hospedabamos.
Ao día seguinte fomos visitar o instituto e o mercado de Fiorenzuola d’Arda.
O domingo 19 metéronnos nunha pequena furgoneta aos 35 para ir parar ao Parque Natural Provincial de Monte Moria, onde poucos de nós nos atrevemos a lanzarnos en tirolina. Pola noite, a despedida foi dura, sobre todo para algúns e algunhas, porque se acababa unha experiencia inesquecíbel. Quedaban dous días, pero xa non era o mesmo.
O luns 20 partimos cara á nosa terra con algo de tristura, pero á par contentos por unha magnífica viaxe, que tanto tempo levabamos agardando. Fixemos parada en Mónaco para xantar e noite nun hotel da Costa Azul.
O martes 21, tras once días de festa continua, chegou o peor: “fin da travesía”. A familia cunhas ganas inmensas de vernos e nós con ganas de volver… a ITALIA.
Con todo isto gustaríame darlles as grazas a todas as persoas que nos axudaron a organizar esta viaxe, incluíndo aos italianos que traballaron tanto para que fose posíbel.
Alejandro Fiuza, 1º Bach.