UNIDADE 1 - ACTIVIDADE ECONÓMICA E SISTEMAS ECONÓMICOS

 

3 - RELACIÓNS DE INTERCAMBIO

Os diferentes axentes económicos, para poder satisfacer as súas necesidades, interveñen na economía a través do intercambio dos diferentes factores produtivos, vexamos cales son os factores produtivos e os diferentes axentes que interveñen na economía para estudar posteriormente as diferentes relacións de intercambio entre eles.

 

3.1 - Os factores produtivos

Son os diferentes elementos que utilizamos para desenvolver a actividade económica.

Tradicionalmente consideráronse os seguintes factores de produción (na seguinte unidade desenvolverémolos amplamente):

- Factor terra: non só a terra agrícola senón tamén a terra urbanizada, os recursos mineiros e os recursos naturais en xeral.

- Factor traballo: a actividade humana, tanto física como intelectual. En realidade toda actividade produtiva realizada por un ser humano require sempre dalgún esforzo físico e de coñecementos previos.

- Factor capital: conxunto de recursos producidos pola man do home que se necesitan para fabricar bens e servizos: a maquinaria ou as instalacións industriais, por exemplo.

 

3.2 - Os Axentes Económicos

Na economía interveñen tres tipos de axentes: economías domésticas ou familias, empresas e o Estado.

 

As economías domésticas: interveñen na economía nun dobre sentido, como propietarios dos factores de produción e como consumidores.

As economías domésticas posúen os factores de produción, posúen a propiedade da terra (na actualidade), actúan directamente na economía achegando o factor traballo, e posúen a propiedade do factor capital.

Todos estes factores produtivos cédenos ás empresas ou ao Estado (axentes de produción) a cambio dunha remuneración, as terras a cambio das rendas da terra, o factor traballo a cambio dos salarios e o capital a cambio dos xuros e beneficios.

A través da remuneración dos diferentes factores produtivos, as economías domésticas obteñen os recursos necesarios para desenvolver a súa segunda función na economía, que é o consumo de bens e servizos para poder satisfacer as súas necesidades.

 

As empresas: son as unidades básicas de produción de bens e servizos. Para desenvolver a súa actividade necesitan factores produtivos que están en mans das familias ou do Estado e a súa función principal é combinar estes factores co obxectivo de obter un beneficio (económico ou social). Como consecuencia da utilización dos factores produtivos, remunerarán aos axentes propietarios dos mesmos a través do pagamento de soldos e salarios, rendas da terra, xuros e beneficios e, nalgúns casos, reservan parte destes recursos excedentes para financiar o seu crecemento.

 

O Estado ou sector público: intervén na economía nun dobre sentido, como consumidora de bens e servizos para poder ofrecérselos ás economías domésticas e ás empresas (sanidade, educación, xustiza, infraestruturas, etc.) e como produtora, a través das empresas públicas.

Para poder desenvolver a súa actividade ten un poder coactivo que é o de recadar impostos das familias e das empresas.

SABER MÁIS

Artígo 35 Constitución

Sindicatos

Asociacións de Consumidores

Lexislación Mercantil

Patentes

 

3.3 - Relacións de intercambio

As relacións de intercambio entre estes axentes queda reflectido no chamado fluxo circular da renda. Neste, diferenciaremos o fluxo monetario (de diñeiro) e o fluxo real (factores produtivos).

 

FONTE: aulafacil: web de cursos gratis online

 

PPT: O fluxo circular da actividade económica

 

As economías domésticas ceden os factores produtivos que posúen ás empresas e ao Estado (factor terra, traballo e capital) e a cambio reciben a remuneración dos factores produtivos (rendas da terra, soldos e salarios, xuros e beneficios).

Co diñeiro que obteñen, consumen os bens e servizos pagándollos ás empresas e contribuíndo a través do pagamento de impostos.

As empresas utilizan os factores produtivos que ceden as economías domésticas e o Estado (terra, traballo e capital) e os remuneran (rendas da terra, soldos e salarios, xuros, beneficios e impostos).

A remuneración realízana grazas aos recursos que obteñen como consecuencia da venda dos bens e servizos que producen.

Para o Estado, a principal fonte de ingresos son os impostos que recibe de familias e empresas. A cambio, ofrece bens e servizos ás familias e empresas, así como axudas sociais ás familias e subvencións ás empresas.

 

3.4 - Os problemas básicos da economía

As cuestións básicas da economía son Que producir? Como producir? e Para quen producir?. Dependendo da resposta a estas cuestións, as relacións de intercambio serán diferentes e darán lugar a diferentes sistemas económicos.


Que producir?

Que bens e servizos deben producirse e en que cantidades.

Ao longo da historia económica foi variando a resposta a esta pregunta. Así, nas sociedades máis primitivas unicamente obtiñan os produtos da caza, pesca e recolección. No feudalismo a actividade predominante era a agricultura cunha pequena actividade manufactureira. Coa revolución industrial e a aparición do capitalismo empeza a xeneralizarse a actividade fabril, gañando terreo á produción agrícola. Actualmente as actividades principais son aquelas dirixidas á prestación de servizos.

Como producir?

Que recursos se van utilizar e que técnicas de produción imos empregar.

Nas sociedades primitivas os recursos e técnicas eran moi escasos e rudimentarios. No feudalismo os recursos principais eran a terra e a man de obra, aínda que empezaban a aparecer pequenos artesáns e as técnicas de produción tamén eran bastante rudimentarias aínda que coa axuda de útiles de labranza. Na revolución industrial concéntrase a produción en grandes centros fabrís utilizando medios de produción máis sofisticados. Hoxe en día cítanse como medios de produción máis importantes a tecnoloxía en todas as súas vertentes, os coñecementos científicos e tecnolóxicos, así como as novas tecnoloxías da información e comunicación, a informática e Internet.


Para quen producir?

Cal vai ser o destino dos bens e servizos producidos.

Nas sociedades primitivas eran destinados á colectividade. No feudalismo os destinatarios eran predominantemente a clase dominante (a nobreza e o clero). Na revolución industrial xeneralízase algo máis o destino ao aparecer os burgueses, é dicir, o destino era, como na actualidade, sobre todo para aqueles que dispoñían dos recursos suficientes para adquirir os bens e servizos producidos.

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina