UNIDADE 3 - O MERCADO: DEMANDA, OFERTA E EQUILIBRIO

 

3.4 - ELASTICIDADE-PREZO

A elasticidade-prezo da demanda ou oferta mide o grao de resposta da cantidade demandada ou ofertada perante alteracións no prezo. Imos empezar a analizar este grao de variación coa elasticidade-prezo da demanda.

 

3.4.1 - Elasticidade-prezo da demanda

Trátase de atopar un instrumento que nos indique con que sensibilidade varía a cantidade demandada dun ben diante da variación do seu prezo.

 

Elasticidade unitaria: cando a variación da cantidade e do prezo é proporcional.

 

Isto quere dicir que se sobe o prezo dun ben un 10%, a demanda baixará nun 10%; se sobe o prezo un 50%, a demanda baixará un 50% e así sucesivamente. As variacións son proporcionais.

Non é habitual que se produza estas variacións tan proporcionais senón que, polo xeral, nalgúns casos os bens son moi importantes ou de primeira necesidade e aínda que suban moito, os consumidores non diminuirán demasiado o seu consumo (a súa demanda). Noutros casos, hai algúns bens que teñen moi bos substitutivos e cando soben un pouco de prezo, a diminución da súa demanda é moi elevada. É dicir, perante variacións en prezo, a cantidade demandada pode variar de forma proporcional (elasticidade unitaria) ou pode variar máis ou menos que proporcionalmente.

 

 

Curva elástica: cando os cambios nos prezos teñen unha resposta proporcionalmente maior na cantidade.

 

Isto quere dicir que cando sobe un 10% o prezo do ben cuxa demanda é elástica, a diminución da cantidade demandada será maior que o 10%, canto maior sexa esta diminución diremos que a curva é máis elástica.

As curvas de demanda máis elásticas pertencen a aqueles bens que teñen mellores substitutivos ou aqueles que son máis prescindibles, xa que no caso de subir o prezo, moitos consumidores decidiranse polos bens substitutivos que non subiron de prezo ou por reducir ou eliminar o seu consumo.

PREGUNTA: Cales poderían ser algúns bens que se corresponden cunha curva de demanda elástica?

 

 

Curva inelástica: cando as variacións dos prezos correspóndense con cambios proporcionalmente menores na cantidade.

 

Isto quere dicir que cando sobe un 10% o prezo do ben cuxa demanda é inelástica, a diminución da cantidade demandada será menor que o 10%, canto menor sexa esta diminución diremos que a curva é máis inelástica.

As curvas de demanda máis inelásticas pertencen a aqueles bens que teñen peores substitutivos ou aqueles que son máis necesarios, xa que no caso de subir o prezo, os consumidores non poderán substituílos por outros e en todo caso non lles resulta viable eliminar o seu consumo.

PREGUNTA: Cales poderían ser algúns bens que se corresponden cunha curva de demanda inelástica?

 

EXERCICIO Comentado: A elasticidade vai condicionar os ingresos dos oferentes

 

3.4.2 - Elasticidade-prezo da oferta

 

A elasticidade-prezo da oferta mide o grao de resposta da oferta perante variacións no prezo.

Cando unha variación no prezo dun ben produce unha modificación porcentualmente maior na cantidade ofertada, dirase que esa é unha curva elástica; se pola contra, unha variación no prezo provoca unha mudanza proporcionalmente menor na oferta, dirase que estamos diante dunha curva ríxida ou inelástica. Cando a cantidade ofertada e o prezo varían na mesma proporción, falamos de elasticidade unitaria.

 

Polo tanto, unha curva de oferta será máis elástica cando a cantidade ofertada é máis sensible a unha variación no prezo e inelástica cando é pouco sensible.

Por exemplo a oferta de Centolas no Grove é elástica, varía moito en función do prezo de venda, xa que, cando sobe moito (sobre todo en épocas de Nadal) hai moitos máis mariscadores dispostos a dedicar máis tempo ao marisqueo e extraen da Ría de Arousa maiores cantidades de Centolas. Cando o prezo baixa, non dedican tanto tempo, nin tantos mariscadores se dedican a iso, e pódense dedicar a outras actividades. Isto pódese comprobar simplemente vendo a cantidade de marisco que se ofrece en épocas do nadal e no resto do ano.



En cambio a oferta de prazas hoteleiras no mes de agosto no Grove é moi inelástica xa que aínda que un verán se lle de a moita xente por demandar habitacións no Grove, hai as que hai.

A longo prazo as curvas de oferta adoitan ser máis elásticas xa que, por exemplo, pódense construír máis hoteis e aumentar as prazas hoteleiras do Concello do Grove.


Outro exemplo de que as prazas turísticas teñen unha oferta inelástica é a realidade da Expo Zaragoza 2008. A afluencia de visitantes nuns poucos meses supón que a demanda é moi superior á oferta de prazas hoteleiras. Para solventar isto, os organizadores da Expo, ademais de fomentar a construción de numerosos hoteis, hostais, etc., puxeron en funcionamento un sistema de hospedaxe en casas particulares, de xeito que os visitantes podían aloxarse en determinadas casas que habitualmente non se dedican a iso.

Bloque exercicios: Ligazón

Bloque preguntas: Ligazón

 

Páxina anterior
indice unidade didáctica
próxima páxina