UNIDADE 9 - COMERCIO INTERNACIONAL E GLOBALIZACIÓN |
9.1 - O COMERCIO INTERNACIONAL: PROTECCIONISMO E LIBRECAMBIO
Ata agora estivemos analizando a economía desde un punto de vista bastante fechado, no sentido de que non consideramos demasiado o sector exterior, o resto do mundo.
Hoxe en día, é indubidable a importancia do resto do mundo, nun mundo globalizado como no que nos atopamos.
Chamamos comercio internacional a todas as compras e vendas de factores produtivos, bens e servizos realizados entre diferentes países.
Hoxe en día, estamos moi acostumados a comprar produtos fabricados en China, en EEUU, e noutros países europeus diferentes ao noso.
Todos os días nos atopamos con cidadáns doutros países que viñeron ao noso para poder traballar (importación do factor produtivo man de obra), tampouco é raro coñecer a alguén que traballa noutro país.
A liberalización do mercado de capitais tamén é cada vez maior. Se quixésemos, poderiamos pedir un préstamo hipotecario a un banco xaponés (en yenes por suposto).
Ao vivir nun mundo máis globalizado, os efectos dunhas economías trasládanse con maior facilidade a outras.
Cando un país sofre unha crise, esta é trasladada ao resto da economía internacional, de aí o dito “cando EEUU estornuda, Europa colle unha pulmonía”, aínda que no 2008 podemos dicir que a crise que está sufrindo EEUU é superior á de Europa.
Unha das orixes da recesión económica do 2008, é dicir, un dos motivos, ainda que non o único, polos que as familias menos favorecidas galegas están tendo problemas para chegar a fin de mes (ou a mediados de mes en moitos casos), é que en EEUU unha serie de bancos estiveron concedendo préstamos hipotecarios (hipotecas lixo) a xente que non estaba demasiado claro que puidese facer fronte a estes préstamos e de feito non os pagaron.
Se en China se produce un crecemento da economía, como está pasando nos últimos anos (e non nos esquezamos da India), unha das consecuencias é que necesitan máis enerxías para desenvolverse e sobe o consumo de produtos derivados do petróleo. Isto fai que o prezo internacional do petróleo suba, e que aos mariñeiros galegos lles custe máis o combustible para a pesca e teñan que, ou gañar menos ao vender o produto da pesca, ou cobralo máis caro aos consumidores. Ou se prexudica o mariñeiro ou a familia que compra o pescado.
Tanto se trasladan os efectos positivos como os negativos. Xa que logo, hai quen defende un maior proteccionismo da economía nacional para non depender tanto do exterior, así coma quen defende que o mellor é abrirse ao mundo para ser máis competitivo e aproveitar o mercado mundial.
Vexamos as diferentes posicións a favor e en contra do comercio internacional:
O librecambio propón un comercio sen trabas de ningún tipo. Os argumentos a favor desta liberdade de comercio internacional son os seguintes:
• As economías de escala: ao producir para unha maior cantidade de poboación, producir maiores cantidades, os custos por unidade producida será menor.
• A especialización: cada un dos países especializarase no que mellor saiba facer. (Teoría da vantaxe absoluta).
• A teoría das vantaxes comparativas: a cada país compénsalle producir o que relativamente lle resulta menos custoso. (Teoría da vantaxe comparativa).
• A protección é ineficiente: ao protexer ás empresas ou mercados internos o que se consegue en definitiva é unha menor competitividade, produtos menos atractivos e máis caros.
A teoría da vantaxe absoluta
A teoría da vantaxe absoluta foi argumentada por Adam Smith para defender o librecambio despois das tendencias mercantilistas á protección das economías nacionais.
Teoría da vantaxe comparativa
Proposta por David Ricardo demostrou que todos os países se poden beneficiar especializándose cada un na produción de bens aínda que non teñan vantaxe absoluta neles; é suficiente que teñan vantaxe comparativa, é dicir, que sexan capaces de producilo a un prezo menor.
O proteccionismo implica pechar, restrinxir o comercio internacional, xeralmente para protexer a industria ou empregos do propio país perante ameazas externas. Os argumentos a favor do proteccionismo son os seguintes:
• Protexer a unha industria ou sector que se considera estratéxico para a economía.
• Fomentar a industrialización e a creación de emprego mediante un proceso de substitución de importacións por produtos fabricados no propio país.
• Facer posible o desenvolvemento de industrias nacentes, que non serían capaces de desenvolverse no país coa competencia de industrias exteriores.
• Tratar de combater o déficit que se presenta entre as exportacións e as importacións.
• Fins recaudatorios a través do cobramento de diferentes aranceis.
ACTIVIDADE: Pon un exemplo de cada un dos anteriores argumentos a favor do proteccionismo.
9.1.3 - Instrumentos proteccionistas
INSTRUMENTOS PROTECCIONISTAS |
Aranceis |
Ad valorem Específico |
Continxentes ou cotas á importación |
|
Subvencións á exportación |
|
Controis sanitarios |
|
Controis administrativos |
|
Compras públicas |
|
A) Aranceis: imposto que se esixe aos produtos no momento de ser introducidos no país co obxecto de incrementar o seu prezo e sexa menos competitivo.
- Arancel “ad valorem”: establécese unha porcentaxe sobre o valor en aduana.
- Arancel específico: establécese un importe por unidade importada.
Nos últimos anos, o prezo en batea do quilo de mexillón (grande) foi de 1,05 €. O problema co que se atopa ás veces o sector mejillonero é a importación deste produto doutros países, por exemplo Chile.
Supoñamos que o mexillón chileno teña un prezo en fronteira, no porto do Grove de 0,85 €/quilo, o que podería facer a administración (neste caso debería ser a Unión Europea xa que é quen ten a facultade para impoñer os aranceis debido á Política Arancelaria Común) é impoñer un arancel de 0,20 €/quilo para protexer a produción de mexillón galego. Ou ben podería impoñer un arancel “ad valorem”, é dicir, sobre o valor do produto a importar, do 25% (serían 0,2125 €).
B) Continxentes ou cotas á importación: limitando o número de unidades máximas a importar dun determinado produto ou a determinados países.
C) Subvencións á exportación: axudas a determinadas fabricantes nacionais para facilitar que sexan máis competitivos no exterior.
D) Controis sanitarios: ás veces non soamente están xustificados por manter a salubridade dos produtos importados senón que supoñan unhas trabas á importación.
E) Controis administrativos: aumento dos requisitos legais ou técnicos para poder realizar as importacións a un país determinado, dificultándoas.
F) Compras públicas: utilización do gasto público para manter a actividade económica nacional comprando maioritariamente produtos nacionais.
9.1.4 - Medidas de fomento das exportacións
Independentemente da política máis ou menos proteccionista dunha economía, hai unha serie de medidas que poden favorecer a exportación dos produtos nacionais.
• Apoios comerciais: a través do apoio a exportadores con institutos como o ICEX, realizando feiras, prestando apoio administrativo, información, etc.
• Apoios financeiros: mediante a concesión de préstamos máis baratos para empresas que se dediquen á exportación.
• Apoios fiscais: desgravacións fiscais por gastos incorridos na exportación ou na produción de bens á exportación.
Trátase de vender un ben noutro país a un prezo menor ao do seu custo, é dicir, asumindo perdas. O obxectivo é eliminar do mercado aos competidores e quedarse logo como o único oferente dese ben.
HEMEROTECA:
”A Izar estáselle dando diñeiro porque protesta”. (La Voz de Galicia do 16 de novembro de 2004, páx 29). Pedro Schwartz, importante economista español, explicou en Cambados que nos estaleiros galegos houbo un exceso de mantemento de man de obra en lugar de buscar unha productividade real. A principal competencia dos estaleiros galegos son os coreanos aos cales acúsaselles de dumping. Schwartz opina que non hai dumping coreano senón que están moito máis automatizados cós galegos e que realmente gañan diñeiro.
a) É positivo que se siga subvencionando os estaleiros galegos para protexelos fronte aos coreanos?
b) Cres que é positivo o proteccionismo de empresas por parte do Estado ou é mellor que as empresa que sexan capaces de competir internacionalmente sigan adiante e as que non sexan capaces non?
c) Como cres que deberían ser as axudas públicas ás empresas?
DATOS SOBRE O SECTOR EXTERIOR GALEGO E ESPAÑOL
Principais países e sectores exportadores e importadores
PAISES |
SECTORES |
||
GALICIA |
ESPAÑA |
GALICIA |
ESPAÑA |
FONTE: www.icex.es