Biblioteca > Letras Galegas > Letras Galegas 2007

Neste ano, a homenaxeada é a poeta María Mariño (1907-1967), “figura singular no contexto da literatura galega pola obra, pola biografía, pola recepción” nas palabras da estudosa da súa obra Ana Romaní.

María Mariño demóstranos ás lectoras de hoxe que a vida das poetas é pouco inocente. Foise deseñando como unha autora incómoda para os críticos: poeta insubmisa e pouco suxeita aos intereses dominantes no campo literario, é máis, é unha das voces máis singulares da poesía europea do século XX.

Vinte e sete anos separan a publicación do seu primeiro libro Palabra no Tempo da edición de Verba que comeza. Ao longo dese tempo creouse arredor desta escritora un veo de misterio, alimentado polo seu afastamento do mundo literario. Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe ruturista caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a escrita de María Mariño. Unha personalidade literaria que se sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. A súa figura suscitou e segue a suscitar interpretacións diversas. Unha mirada embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a desconfianza do proceso de escrita da súa obra.


A mediados dos anos cincuenta, María Mariño comezou a escribir poemas, primeiro en castelán e logo en galego. Despois, no contorno do Courel, coñeceu o poeta Uxío Novoneyra que promoveu a publicación destes versos. Palabra no tempo editouse no ano 1963 na colección "Tesos cumes" da editorial Celta . Sen apenas relación no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas.

 

37 anos despois, en 1990, e 33 logo do falecemento de María Mariño, os poetas Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos promoveron unha edición dos últimos poemas dela. O volume, titulado Verba que comeza , foi publicado polo concello de Noia e rematado pola poeta en marzo de 1967, dous meses antes de morrer. A súa poética é radicalmente intimista, cunha linguaxe rupturista .

Deixámosvos dous poemas para o voso particular deleite:

Tiven medo de bogar
tiven medo de auga crara.
Anque cuns bos remos
anque fora na mar calma,
¡non bogaba!, ¡non bogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
si é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.
Aquí che deixo, meu peito canso, aquí che deixo,
aquí che deixo nestes branco papel trillado, neste
percuro as horas.
¿Quen eres - perguntaranche-, quen eres?
Son a néboa que anda soia, son o sol
que quenta as queixas, dos camiños
son o farto,
son o sono que rixe
mundo de verte tempo,
son o berro caladiño entre arranque-brío de sono morto.
Das cousas que non se atopan
tamén son,
das ondas que soio van, van e van,
delas son,
de cando veñen e vein vindo
delas son. Son o ledo daquel sono - terra de sin pisadas,
soio remaxe das cousas-.
Papel branco,
trillado,
papel,
berra,
berra entre os fortes
desde onde as miñas verbas che magoan


Pero as nosas Letras son moi especiais. Temos unha fermosa e ampla exposición de obxectos antigos e tradicionais, algúns tan interesantes que datan de principios de século XX, na que non faltan fotos da comarca do Deza que nos resultan case mentireiras polo cambio sufrido, e unha xoia: a última carta que o alcalde republicano de Silleda, represaliado e executado en 1937, escribiu a dous amigos de Silleda, pedíndolles que coidasen da súa familia.

E o centro conta tamén cunha exposición multimedia de Galicia, para amosar a nosa terra e a nosa realidade, e sobre todo a nosa comarca, a uns visitantes que o proxecto Comenius nos trae:

Gimnazjum nr. 1, Jankowice Rybnickie (Silesia, Polonia)

Albert Schweitzer Gymnasium, Limbach-Oberfrohna (Saxonia, Alemaña)

E unha actividade lúdico-festiva de confraternidade entre alumnado e profesorado: o COMELINGUA, iniciativa que comezou o curso pasado e que debido á súa boa acollida, decidimos organizar por segundo ano consecutivo. Nun principio iámolo suspender, por mor da climatoloxía pouco axeitada, pero coa presión que sufrimos por parte do alumnado, decidimos seguir adiante. Nel houbo actividades diversas como todo tipo de xogos e deportes, contacontos e música (karaoke incluído) en galego.


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos 17 de Maio de 2007 IES Pintor Colmeiro