Biblioteca > Letras Galegas

En 1963, ano en que se conmemora o centenario da publicación do libro Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega declarou o 17 de maio como o “Día das Letras Galegas”, día en que se homenaxea unha figura de grande relevancia para a cultura galega. Desde a súa primeira edición, o Día das Letras Galegas ultrapasou os límites do puro formalismo académico para se constituír como unha festa de afirmación da identidade galega.

Libros na Biblioteca


Por que o 17 de maio?

Do mesmo xeito que, a nivel da lingua castelá, anda a se celebrar o Día do Libro, queríamos establecer unha conmemoración semellante consagrada á lingua galega. Para isto tentamos a procura dunha data significativa. Parécenos a máis axeitada a do 17 de maio que figura na dedicatoria de Cantares Gallegos a Fernán Caballero.

Era o ano 1963, no que se cumpría o centenario daquela dedicatoria impresa no sonado libro rosaliano. O 20 do mes de marzo, os membros numerarios Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego dirixíndolle á Real Academia Galega un escrito solicitando a consagración da data devandita con perdurabilidade anual. Baseabámonos nos seguintes motivos: Que Cantares Gallegos fora a primeira obra de prestixio universal coa que contou a Literatura galega contemporánea. Que a celebración do acontecemento convidaba a considera-lo significado da mensaxe transmitida no volume centenario. Que o mellor xeito de acadalo sería que a Corporación académica acordase declarar "Día das Letras Galegas" o 17 de maio de cada ano. Que a data conmemorativa serviría para enaltecer e difundir o libro escrito no idioma propio.

Na Xunta Xeral Ordinaria do 28 de abril, a Academia resolveu aprobar por unanimidade a proposta. Comunicouse o acordo ao Ministerio de Información e Turismo, instando a correspondente autorización para cumprimentalo. Como resultado, o Director Xeral de Información deu por autorizado a iniciativa académica. O feito supuxo, sen dúbida, unha amosa de valor histórico. Porque con el non se ía celebrar só a calidade eximia da grande poeta. Tamén a virtude daquela lapa que ela acendeu coa súa delicada e ferida voz: a que tódolos galegos amamos como luz inmorredoira. A autora identificárase moralmente co seu país. Mercede a esa dobre fusión puido darnos, e darlle ao mundo, a primeira mensaxe espiritual de Galicia. Converteu, ademais, a nosa lingua oral popular en lingua literaria.


Galicia enteira celebrou no 1963 o "Día das Letras Galegas" por vez primeira. Ao sartego rosaliano, en San Domingos de Bonaval, aos monumentos que as cidades do país lle ergueran á poeta, chegaron ramallos de flores da primavera galega. Lecturas rosalianas, conferencias, exposicións conmemorativas, tiveron lugar na sinalada data: un 17 de maio que quedaría xa, para sempre, como a xeira de exaltación e esparexemento das letras autóctonas. Pero non foi só nas cidades onde se conmemorou a festa. Nas pequenas vilas e nos centros de emigración realizáronse tamén sesións recordatorias, conferencias, recitais, exposicións e vendas de libros.


A partir do 1963, o " Día das Letras Galegas" veu dedicándoselle cada ano a unha figura sobranceira da nosa cultura. A primeira delas, despois de Rosalía, foi a de Castelao. Seguíronlle trinta mais, entre as que se contaron Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Noriega Varela, Lamas Carvajal, Cabanillas, Viqueira, López Ferreiro, Villar Ponte, Manuel Antonio, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Iglesias Alvariño, Cunqueiro, Luís Pimentel, Amado Carballo...


A xornada, oficialmente consagrada a honrar os libros e escritores de lingua galega, non só acadou eco notorio nos medios intelectuais no tempo decorrido entre 1963 e 1999, senón tamén no ambiente popular. A festa literaria do idioma noso, xa institucionalizada, vén representar un dos camiños de achegamento do nivel cultural e de compromiso das xentes do país coa lingua propia.

 

Todos os anos, o instituto celebra o noso días das letras con actos diversos. Aquí poderás acceder á información sobre todas estas actividades:


LIBROS LETRAS GALEGAS

Neste enlace poderás atopar todos os libros que hai na Biblioteca dos autores galegos que foron homenaxeados no día das Letras Galegas. BÓTALLE UN OLLO!!


 

 

Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos 17 de Maio de 2007 IES Pintor Colmeiro