Biblioteca > Muller e Feminismo > Sufraxismo > Orixes do feminismo

* AS ORIXES DO FEMINISMO HISTÓRICO (1789-1870)


No Antigo Réxime a desigualdade xurídica dos membros da sociedade era a norma. Nobres e clérigos gozaban de privilexios (exención fiscal, monopolio dos altos cargos públicos, leis e tribunais especiais) vedados á gran maioría da poboación. A ausencia de dereitos políticos (voto) e liberdades (expresión, reunión, relixión) era outra característica do Antigo Réxime.
No caso das mulleres, a metade da poboación, a todo o anterior debíase unir a súa función social circunscrita ao doméstico, aos labores da casa, da procreación e do coidado dos fillos; e a súa subordinación legal ao home, pai ou esposo.

A Revolución Francesa (1789) e as demais revolucións liberal-burguesas plantexaron como obxectivo central a consecución da igualdade xurídica e das liberdades e dereitos políticos.
Pronto xurdiu a gran contradición que marcou a loita do primeiro feminismo: as liberdades, os dereitos e a igualdade xurídica que foran as grandes conquistas das revolucións liberais non afectaron á muller. Os "Dereitos do Home e do Cidadán" que proclamaba a revolución francesa referíanse en exclusiva ao "home", non ao conxunto dos seres humanos.

A partir daquel intre, en Europa Occidental e Norteamérica iniciouse un movemento, o feminismo , que loitou pola igualdade da muller e a súa liberación. Durante ese período,  o principal obxectivo do movemento das mulleres foi a consecución do dereito de voto. Nacía así o movemento sufraxista: O feminismo foi, como movemento social, unha das manifestacións históricas máis significativas da loita emprendida polas mulleres para conseguir os seus dereitos. Aínda que a mobilización a favor do voto, é dicir, o sufraxismo, fose un dos seus eixos máis importantes, non pode equipararse sufraxismo e feminismo. Este último ten unha base reivindicativa moi ampla que, ás veces, contempla o voto, pero que, noutras ocasións, tamén esixe demandas sociais como a eliminación da discriminación civil para as mulleres casadas ou o acceso á educación, ao traballo remunerado.


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos