Biblioteca > Muller e Feminismo > Sufraxismo

SUFRAXISMO E FEMINISMO
A LOITA POLOS DEREITOS DA MULLER
1789-1945

Durante moito tempo a historia ten sido, baixo unha apariencia de universalidade, a historia dos homes. As mulleres foron sempre as grandes ausentes, citadas só en contados casos e sempre como seres marxinais escasamente influíntes nos avatares humanos. Hoxe topámonos nunha fase diferente: os traballos de investigación rescataron os feitos das mulleres, restableceron a súa historia, que forma parte da historia común. A recuperación desta historia marcada polas loitas, reivindicacións e, por suposto, contradicións, constitúese como un feito de primeira orde para comprender a complexidade dos procesos sociais.

Dende o século XIX ata mediados do século XX desencadearase un longo proceso de loitas pola consecución, por parte das mulleres, do seu dereito ao voto. Precisamente este dereito ao sufraxio servirá de eixo e símbolo unificador das reivindicacións feministas durante o cambio de século. Para elas este non só é un dereito incuestionábel, senón tamén é unha condición imprescindíbel para a consecución da igualdade de oprtunidades entre mulleres e homes. Durante máis de cincuenta anos, centos de miles de mulleres, en Europa e en América, loitaron, berraron, manifestáronse, enfrontáronse á policía, encheron cárceres e ata morreron para obter o recoñecemento do dereito a elixiren e ser elixidas, a participaren e decidiren na vida social. Despois de moitos esforzos, ese dereito foi finalmente conquistado.

As hostilidades que suscitaron as súas reivindicacións son a testemuña máis clara de que a “cuestión da muller” sempre foi obxecto de interminábeis discusións públicas e confrontacións políticas e sociais.

Na conformación dos diversos movementos e organizacións de mulleres converxen unha serie de elementos que arrancan dende a propia filosofía da ilustración, baseada na razón, o progreso, o dereito natural, a influencia positiva da educación e os principios de igualdade de dereitos, e continúa coa Revolución Industrial que posibilita o acceso masivo de mulleres ao traballo produtivo, á formación de partidos políticos e á proliferación do asociacionismo da cultura burguesa.

Dende mediados do século XIX, xunto a mulleres que permanecerán ancoradas nas normas máis convencionais que a sociedade lles impuxo, xurdirán mulleres que se irán creando unha identidade pública a través do feminismo. Serán mulleres que destacan polas súas posicións ideolóxicas disidentes das que imperaban na súa época. Son mulleres que levan a marca da rebeldía e da reforma, pero tamén da represión e da marxinación social.

Así pois, o dereito das mulleres ao voto constitúe unha conquista histórica. Pero as loitas que o fixeron posíbel, e as mulleres que protagonizaron esas loitas, parecen que fosen borradas da historia. É importante comprender que a historia que contan os homes tende a presentar os avances sociais conseguidos polas mulleres como a consecución dun progreso que marcha por si só, como o resultado dun proceso no que en todo caso as mulleres non influíron. Pero a historia é outra: as mulleres só lograron conquistas sociais alí onde houbo mulleres loitando.

  1. AS ORIXES DO FEMINISMO HISTÓRICO (1789-1870)
  2. A REVOLUCIÓN FRANCESA. OS DEREITOS DA MULLER
  3. O PRIMEIRO FEMINISMO BRITÁNICO
  4. O FEMINISMO NORTEAMERICANO: AS SUFRAXISTAS
  5. A DUREZA DA LOITA SUFRAXISTA EN INGLATERRA
  6. ESPAÑA: FEMINISMO E SUFRAXISMO
  7. A OPOSICIÓN AO SUFRAXISMO
  8. FEMINISMO E MOVEMENTO OBREIRO
  9. O FEMINISMO NA EUROPA MEDITERRÁNEA
"O hábito pode chegar a familiarizar aos homes coa violación dos seus dereitos naturais, ata o estremo de que non se encontrará a ninguén de entre os que os perderon que pense sequera en reclamalo, nin crea ter sido obxecto dunha inxustiza. (...) Por exemplo, ¿non violaron todos eles o principio da igualdade de dereitos ao privar, con tanta irreflexión, á metade do xénero humano de concorrer á formación das leis, é dicir, excluíndo ás mulleres do dereito de cidadanía? ¿Pode existir unha proba máis evidente do poder que crea o hábito mesmo cerca dos homes eruditos, que o de ver invocar o principio da igualdade de dereitos (...) e de esquecelo con respecto a doce millóns de mulleres?"
Condorcet
"Essai sur l'admission des femmes au droit de cité", 1790


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos