Biblioteca > Letras Galegas > Traballos
Ao entrar en contacto cos textos literarios medievais, podemos advertir que o desexo da muller radica no enfermizo, no corrupto, no desequilibrado... mulleres insaciables que non dubidan en ser infieis se non se senten compracidas, que non vacilan en pagar sexo para satisfacer o seu desexo, que chegan a esquecer a súa tarefa de nais abnegadas polo seu desexo erótico. Baixo o meu punto de vista, estas composicións non son un reflexo do desexo feminino na Idade Media, senón máis ben das crenzas e dos temores dos homes neste período histórico. A posición deste texto radica na visión que tiña o xénero masculino sobre o desexo da muller. Podemos atopar unha morea de textos medievais nos que se manifesta de xeito claro e real o desexo feminino, pero a maioría ofrecen unha visión distorsionada e irreal deste; outra evidencia que podemos destacar é que trata sempre da postura da muller levada ao extremo, aparece plasmada coma un anxo ou demo. Todo isto amósanos unha valoración simplista e parcial na que entran en contacto dous trazos conflitivos, a maternidade e a sexualidade, dos que se derivan dous tipos de muller, a prostituta e a nai. Esta imaxe equívoca e incompleta do xénero feminino, entre a santidade e a faceta maléfica, é a propia da maioría das sentenzas, contos e cantigas desta etapa da historia. Unha gran diversidade de escritos parten do punto de vista masculino, e detrás de moitos escritos onde a muller tenta impoñerse ao marido, este amósanos unha postura totalmente fóra da realidade. O noso estudo centrarase, predominantemente, nas cantigas de escarnio e maldicir galego-portuguesas. Dende o meu punto de vista, o xénero satírico é en certa maneira realista, porque emprega unha expresión coloquial e mesmo vulgar, atende aos problemas primarios da natureza humana (comida, bebida, necesidades sexuais, enfermidades...) Pero isto non quere dicir que a imaxe que se presenta nestes textos sexa a verdadeira. Non debemos confundir entre a realidade e a lírica, sobre todo se temos en conta que o xénero de escarnio se caracteriza por nos dar a coñecer o ridículo e o grotesco da realidade; esta está presente, pero manipulada e distorsionada. Así, nas cantigas onde nos dan a coñecer os sentimentos da muller, máis que ofrecer unha imaxe auténtica e real desta, poñen de manifesto os medos, as supersticións e obsesións dos poetas, dende unha perspectiva máis ampla do xénero masculino. Nestas faise referencia a unha gran variedade de mulleres de diferentes condicións físicas, morais e sociais; señoras e mulleres de mala reputación, fermosas e feas, xoves e vellas. Segundo os autores, todas elas compórtanse igual no que se refire aos seus devezos sexuais. O desexo erótico da muller aparece neste poemas levado ao extremo. A capacidade sexual feminina inquietaba profundamente ao home medieval. En moitas ocasións, o poeta búrlase da insaciábel excitabilidade da muller, que necesita máis de un obxecto erótico para satisfacerse; sen embargo, isto estaba permitido, aínda que para os relixiosos calquera acto sexual fóra do matrimonio estaba condenado: consideraban esta práctica exclusiva para a procreación, aínda que se non a realizaban podían padecer enfermidades derivadas da continencia excesiva, polo que o matrimonio era a mellor terapia e en caso de que non se puidese realizar, estaba permitida a masturbación. O poeta é excesivamente duro, pois non se burla só do comportamento moral senón que tamén o fai da perda da beleza ou do frescor xuvenil. O termo “velha” era considerado, sobre todo entre as soldadeiras, unha designación moi pexorativa, unha inxuria. Hai que ter en conta que este tipo de mulleres vivía do seu físico, entón co paso dos anos facía que o sustento descendera nunha proporción considerábel. Ademais da práctica masturbatoria, segundo se pon de manifesto nas cantigas, a ninfómana podía chegar a pagar ao home para satisfacer o seu desexo de sexo. Ademais de moitas composicións que tratan o tema da hiperactividade sexual patolóxica, atópase o problema da homosexualidade masculina. É moi destacábel a figura da muller esixindo o dereito do pracer. Referíndonos a esta cuestión, cabe salientar que na sociedade medieval educábase ás mulleres para desempeñar papeis pasivos: casamento, sexualidade, xestación, parto, lactancia. No matrimonio non tiña dereito a buscar nada, simplemente a ser buscada. Na sexualidade esperaba que o marido actuara sobre ela. Nunca empezaba a actividade sexual e non respondía aos estímulos eróticos de maneira activa. En canto á fecundación, lactancia e outras, xa eran propias da muller de xeito natural. Podemos concluír, pois, que a muller soamente ten a misión de recibir e aceptar todo aquilo que o marido lle impuña. Unha muller que os homes vían como parella e nai dos seus fillos fronte á outra muller existente, espontánea sempre como amante pero nunca como parella; esta é o tipo de protagonista das cantigas, unha muller que se afasta do moralmente aceptado, que tenta conseguir pracer. Os poetas amosan a imaxe dunha muller insatisfeita que busca fóra do fogar o que non pode atopar neste, unha muller insaciábel que aínda que ten sexo co marido, busca relacións complementarias, e aínda que o adulterio é a falta máis grave que pode cometer a muller, os autores tratan con despreocupación e ironía. Algúns poetas como Pero da Ponte xustifican a infidelidade da muller dicindo que o marido é incapaz de satisfacela. Este autor establece diversas comparacións, non se pode censurar á muller se encontra outro home que lle dea o que o marido lle nega. Para poder interpretar unha cantiga debemos ter en conta que as relacións sexuais que non estaban permitidas pola norma relixiosa e moral eran moi condenadas e consideradas como algo non natural. Quizais un bo exemplo o teñamos na “Summa Teolóxica” de Santo Tomás de Aquino, na teoría dos praceres non naturais. Este autor trata a homosexualidade como as relacións entre os animais, talmente como algunhas cantigas. Eu penso que toda imaxe fundada arredor da muller débese a diferentes crenzas que nunca tiveron dor da muller e todos estes inventos transmítense en todos os ámbitos da sociedade. Nunha sociedade medieval, á muller resultaríalle moi difícil expresarse libremente eludindo a presión da mentalidade do home, un exemplo claro está no ámbito literario xa que a penas había mulleres realizando esta tarefa. Isto radicou en que a muller chegouse a sentir inferior ao home, así como culpábel das desgrazas do seu marido. Pero a verdadeira postura que cabe salientar é a daquelas mulleres que non se axustaban á conduta do home mencionando que preferían ser a súa amante, isto dános a coñecer que o matrimonio non era para disfrutar del, senón soamente como un contrato realizado por intereses materiais. Algunhas autoras defenden a igualdade entre o home e a muller no ámbito das relacións sexuais e temen o rexeitamento da maternidade que implica a muller como un ser só válido para a procreación, outras autoras concédenlle a liberdade ao xénero feminino e consideran o matrimonio acordado por intereses económicos e políticos como un nefasto destino. Se temos que rematar dando un concepto de muller, estamos ante un verdadeiro dilema, xa que só podemos xulgar esta postura a través dos documentos que nos presentan diversos personaxes e a partir de aquí tentar sacar as nosas conclusións. Outro inconveniente é que os textos medievais presentan unha extraordinaria riqueza simbólica moi complicada de interpretar, pero a marxe disto, non podemos xeneralizar neste tema, sen embargo si que podemos falar de varios modelos de muller e de desexo con varias matizacións. Por unha parte temos aquela muller que vive do seu corpo e entregándose aos praceres carnais por intereses económicos, a que unía o seu corpo por amor e a que optaba por unha vida relixiosa no mosteiro, unha ampla variedade. Dende o meu punto de vista, as mulleres non estaban ansiosas por practicar o sexo a todas horas e con todos os homes que se lle presentasen, pero si querían entregarse a aqueles que amaban, en caso de que isto non fose así as mulleres deberían ter o mesmo dereito que os homes a realizar todo tipo de actividades se estes tamén o facían. Outra postura que cabe mencionar é que deberían ter o mesmo dereito perante a lei e non estar marxinadas en todos os ámbitos, pero sobre todo ter unha certa conciencia e non crer que en realidade eran culpábeis da mala sorte do marido, xa que cada un busca o seu propio futuro. En realidade, aquí estamos a non referir á etapa medieval, pero por desgraza está presente hoxe en día na nosa sociedade. Outro avance importante foi que a muller non se considera como un obxecto de procreación, anteriormente supeditada ao marido. Hoxe en día segue habendo moita violencia nos fogares, e a de peor situación case sempre é a muller. |
OUTRO IDIOMA É POSIBLE por Ángel Castro SEMBLANZA Escritora monfortina, Teresa Moure é doutora en lingüística xeral e profesora nas facultades de Filoloxía e Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicados máis dunha ducia de traballos e libros na súa especialidade, todas elas enmarcadas nun espírito anticolonialista e antiglobalizador. Acadou a fama con:
Herba moura , o seu libro máis famoso, premio da crítica 2005; premio Xerais 2005; premio Irmandades do Libro, autora do ano 2005; premio da narrativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2005. PEQUENO RESUMO Teresa Moure exerce neste ensaio toda a súa fama de grande especialista en temas lingüísticos. Presenta a posibilidade, non utópica, de creación dunha lingua artificial como medio de garantir as linguas hoxe minorizadas. REFLEXIÓN PERSOAL O ser humano é o único ser vivo dotado de pensamento racional. Grazas a iso é capaz de desenvolver unha cultura e un modo de vida propio. Dito modo de vida aparece plasmado nunha ferramenta da que o home dispón dende que é home: a linguaxe. A linguaxe non xorde porque si, aparece por unha necesidade de comunicación entre os membros dunha mesma comunidade cando a súa cultura, é dicir, o seu modo de interactuar co medio é tan complexo que se faría imposíbel a vida doutro xeito. O ser humano vai, xa que logo, artellando un conxunto de signos que lle serven non só para comunicarse senón que amosan unha visión particular do mundo no que vive e se relaciona. Por poñer un exemplo: os esquimós dispoñen de máis de dez palabras para designar o concepto “neve” cando nós temos só unha e nós sen embargo empregamos outras dez verbas aproximadamente para expresar o concepto “choiva”. Está claro que malia que as ideas “neve” e “choiva” son as mesmas en Galiza e na Antártida, o modo de interpretalas o ser humano varía moito. Isto demostra que a linguaxe, e no seu defecto as linguas, son moito máis ca unha forma de comunicación, son parte do noso xeito de ver e interpretar o mundo. A través delas non só mandamos mensaxes, senón que implicitamente lle estamos engadindo un matiz particular froito da nosa experiencia e cultura. Actualmente existen no mundo máis de seis mil linguas, das cales o 90% se atopan en perigo de extinción. Cando unha lingua se extingue marcha un vieiro de comunicación pero tamén se perde unha parte da cultura do ser humano, non soamente dunha comunidade específica senón de todos os homes como especie. Existe hogano, e dende hai algúns anos unha tendencia homoxeneizadora en todos os eidos da sociedade. No caso da linguaxe este feito non é novo. Xa na Biblia aparece a diversidade lingüística como un castigo de Deus no famoso mito da Torre de Babel. Partindo xa dunha concepción tan pexorativa nese ámbito, é moi difícil inverter o proceso e conseguir que o multilingüismo sexa visto como algo positivo e enriquecedor no canto de como un xugo imposto á sociedade pola súa soberbia. Contamos con numerosas teorías que defenden que a diversidade lingüística é un freo ao progreso, que para aumentar as relacións tanto comerciais como persoais debemos falar a mesma lingua. Esta non deixa de ser unha postura etnocentrista que cre que todo alén do seu punto de vista é inferior e polo tanto deber ser erradicado. Este pensamento vén de antigo. Durante toda a historia se sucederon as linguas chamadas cultas nas que se expresaban aquelas persoas que gozaban de estudos de alto grao. Dende a formación do Imperio Romano, o Latín foi o medio no que se levaban a cabo todos os progresos do saber humano. A partir do Renacemento, o florecemento de librepensadores e dos Estados Modernos fai que se adopte unha postura máis crítica referente á idea de que o Latín fose a lingua culta e comeza a desenvolverse unha sorte de nacionalismo lingüístico. Comezaba a loita entre as linguas que xurdiran e evolucionaran no milenio anterior. Español, francés, inglés foron ocupando o estadio de linguas de comunicación internacional ao longo dos séculos. Actualmente, e tras o abandono do francés por ocupar a función internacional, o inglés converteuse na lingua de prestixio a nivel global. Nela véñense desenvolvendo todos os acontecementos de importancia; científicos, políticos, económicos... Pero por que unha lingua chega a tal nivel? As causas non son arbitrarias ou de gustos. Nisto interveñen outros poderes moi fortes, sobre todo de carácter económico e político. Por exemplo, a situación imperial de España durante a Idade Moderna fixo posíbel a imposición do castelán (lingua falada no reino máis importante da Península Ibérica naquela época) sobre a maioría de linguas amerindias (maia, azteca...) que foron vilmente exterminadas moitas veces xunto cos seus falantes. O poder económico de Francia nos séculos XVII e XVIII fixo posíbel a extensión do francés en toda Europa, o que se veu favorecido na etapa colonizadora cando foi adoptado como lingua oficial en vastos territorios africanos. Agora con motivo do espléndido poder do Imperio Británico no século XIX e a supremacía estadounidense actual, o inglés aparece como lingua hexemónica mundial. Nela desenvólvese as relacións internacionais e emprégase como lingua de coñecemento entre as persoas. Froito desa globalización nociva estase producindo unha alienación das persoas que esquecen as súas raíces e a súa cultura favorecendo a entrada dun modo de vida estraño e prexudicial para o desenvolvemento e realización do home. Cando aceptamos compracentes expresarnos en inglés para levar a cabo actos que ben podían ser feitos na nosa lingua estamos permitindo que gañe terreo sabre algo que lle é alleo. Nisto das linguas tamén hai moito eurocentrismo, é dicir, se pensamos en linguas importantes atendendo ao número de falantes, reparamos no inglés, francés, español, mesmo alemán pero adoitamos esquecer que o chinés é a lingua máis falada do mundo. Isto non é máis có froito da dominación que Europa vén levando a cabo no devir da historia en todo o mundo. Ben é certo que as relacións entre persoas de diversas linguas son inevitables, mesmo desexables, e polo tanto é unha necesidade manifesta a adopción dunha lingua universal que sirva para a comunicación internacional. Pero o problema é atopar unha na que a súa incorporación masiva non vaia acompañada da perda de identidade dos individuos senón que estes manteñan todos os seus dereitos neste eido. Dese xeito a única posibilidade é crear unha lingua artificial, totalmente inventada, sinxela á par que práctica, que faga posíbel o establecemento de comunicacións entre as persoas pero que estas poidan manter os seus costumes inalterados. O exemplo máis famoso ao longo da historia foi o ESPERANTO. Pero non foi o único intento de homoxeneización lingüística a nivel global. Dende a decadencia do Latín na Idade Media, téñense producido numerosísimas tentativas de crear unha lingua artificial. Agora ben, por que fracasaron? Os poderes fácticos da sociedade foron os causantes. A imposibilidade de desvincular a lingua doutros factores como o económico fixo que o Esperanto pasase a ser unha utopía máis. Tendo unha lingua internacional común e inventada posibilítase a comunicación e ao mesmo tempo garántese a inalterabilidade dos costumes das persoas. Pero froito da implantación do inglés e da cultura anglosaxona asistimos impasibles á degradación dos trazos propios de cada pobo. Debemos loitar para conseguir manter aquilo que nos é propio, é dicir, as diferentes linguas que existen hoxe en día no planeta. OPINIÓN PERSOAL Teresa Moure presenta neste ensaio unha posibilidade difícil aínda que non estraña. Entróncase dentro dunha corrente favorecedora da diversidade lingüística que propugna a necesidade de crear unha lingua artificial común a todas as persoas. Penso que a idea non deixa de ser utópica. En si mesma é marabillosa, pero os poderes fácticos da sociedade impiden levala a cabo. Estoume a referir a intereses económicos e políticos daquelas superpotencias que empregan o inglés de xeito habitual. O feito de perderen esa hexemonía lingüística viría a dificultar a súa superioridade sobre os demais. Defendo o multilingüismo dentro da diversidade natural dos seres humanos. Agora ben, penso que as linguas nunca deben ser usadas para dividir pobos, senón todo o contrario, como vieiros de comunicación que faciliten as relación interpersoais. Considero as linguas, todas elas, unha parte máis da cultura e do saber das persoas e polo tanto merecen a nosa atención como calquera outro aspecto cultural. En conclusión: defendo a diversidade lingüística á par que comprendo a necesidade imperiosa de establecer unha lingua universal que sexa capaz de favorecer as comunicacións nun mundo cada vez máis globalizado. O feito de que esa lingua sexa inventada e allea a calquera evolución ou cultura é completamente utópico, xa que hai intereses moi fortes de por medio que así o impiden. |
