Biblioteca > Non á Violencia Doméstica > Curso 2005-2006

SEMANA DO 25 DE NOVEMBRO DE 2005


O IES “Pintor Colmeiro” vestiuse esa semana de NON á Violencia Doméstica, todo o centro físico e todo o esforzo educacional estivo dirixido a pór o seu gran de area para que a sociedade do futuro sexa cando menos mellor cá do presente.
Tres días antes o centro quedou nu. Nu de avisos, de carteis, de cadros. Durante tres días as paredes amosarónse frías, sen vida, sen novas.
Ao cuarto día amanceu cheo de carteis, de cruces, de datos, de nomes, de fotos, de libros, de estatísticas que conmoven o máis impávido.... e o alumnado entrou no centro como de crequenas, facéndose eco do impacto visual que se pretendía e respostando tal e como se esperaba: con respecto, con curiosidade, con solidariedade. Quizais entre tantas caras ávidas por ler, por saber, había algunhas que con mágoa recoñecían intres das súas vidas, instantáneas coas que se identificaban con sufrimentos rexistrados no máis profundo do seu ser.
Mentres eses risos do alumnado se tornen en tristes lembranzas, o noso labor de educadores contra este tipo de actitudes terá máis sentido ca nunca. Mentres os telexornais sigan a falar de vítimas, mentres o maltrato psicolóxico sexa cotián, nós seguiremos tentando educar na igualdade, na liberdade, na fraternidade. Mentres unha soa muller, un só nen@, un só home, un só ancián, sufra este tipo de violencia, nós seguiremos a loitar.




SEGUIMOS A DICIR NON


No IES “Pintor Colmeiro” seguimos a dicir NON á Violencia Doméstica. Aínda que os actos se celebrasen soamente esa semana, os centos de vítimas que se seguen a producir viven nas nosas mentes. Os datos calafríantes dos xornais convéncennos de que a concienciación da nosa xove sociedade é primordial. Cada tres horas prodúcese en Galicia unha denuncia, case cada día prodúcese unha morte en España dende que comezou o 2006. Polas vítimas, con elas e para elas, o noso centro estará aí. Para o alumnado, este traballo. Para todos nós, a lembranza do maldito maltrato. Para a sociedade, o noso berro de NUNCA MÁIS, tinguido de sangue e pesar.

 


Enderezos | Mapa Web | Agradecementos | Contáctanos 8 de Novembro 2006 IES Pintor Colmeiro