Reseña histórica
O noso centro xurde como consecuencia da aplicación da Lei Xeral de Educación de 1970.
O día 16 de decembro de 1974 baixo a presidencia da Sra. Directora D.ª Concepción del Caño dáse conta da Orde do 5 de outubro de 1974/BOE do día 26 de outubro do mesmo ano no que se autoriza a posta en funcionamento do Colexio Nacional Mixto Comarcal de Celanova.
É autorizado para 560 postos escolares e unha praza de dirección con función docente. A tal efecto créanse 14 unidades escolares e intégranse e trasládanse ao centro 2 unidades escolares de nenos, 3 unidades escolares de nenas e unha unidade escolar de preescolar que compuñan a escola graduada mixta da localidade de Celanova así como as escolas mixtas unitarias dos Concellos de Celanova, A Bola, Verea e Cartelle.
Autorízanse 6 prazas de profesores e 8 de profesoras.
Nun principio denomínase Colexio Comarcal Mixto “López Ramón”.
O 31 de xaneiro de 1975 ten lugar o primeiro claustro de profesores/as para proceder ao nomeamento de cargos pertencentes aos distintos órganos do centro:
- Consello Asesor constituído por: Presidenta-directora, secretario, representantes de pais/nais de familia, membros da comunidade social (delegado de sindicatos, Caixa de aforros local, médico) e director espiritual.
- Xunta Económica constituída por: Directora, secretario, un profesor e un pai de familia.
- Ponencias : noméanse responsables de comedor escolar, de cotos escolares, de xardíns, de obras misionais, de transporte escolar; xefe de estudos e dous bibliotecarios.
O primeiro consello escolar ten lugar o 12 de febreiro de 1975 en el acórdase que o nome do centro será Colexio Nacional Comarcal “Curros Enríquez”.
O 17 de febreiro do mesmo ano é visitado o centro polo Sr. Bispo da Diocese D. Ángel Temiño Saiz.
O curso 75/76 comeza baixo a dirección de D. Manuel Vázquez Outeiriño que permanece no cargo ata xuño do 1998, data da súa xubilación. Neste momento é reemplazado pola actual directora D.ª Mª José Castro Mangana.
Ao longo de todos estes anos o colexio albergou a todo o alumnado de Educación Infantil e EXB das localidades anteriormente mencionadas.
En 1998 como consecuencia da aplicación da Lei (LOXE) o alumnado de 1º e 2º da ESO é trasladado ao IES “Celso Emilio Ferreiro”. |
|
Como consecuencia do exposto anteriormente xunto co descenso da natalidade a matrícula do centro, nese momento, diminúe considerablemente.
| |
Cando se puxo en funcionamento carecía dunha serie de espazos e servizos que se foron conseguindo ao longo dos anos. Non tiña aparcamento para os coches do transporte escolar, os cales tiñan que entrar no patio de recreo, co conseguinte perigo para os nenos/as; carecía de polideportivo, salón de actos, sala de mestres/as, ximnasio, edificio de parvuliños, biblioteca, aula de Música, etc. O comedor resultaba pequeno para os 525 alumnos/as transportados/as que tiñan que comer en dúas quendas.
Nove autocares e tres coches eran necesarios para percorrer as numerosas rutas do transporte. |
Perante estes anos pasaron polo centro máis de 2 500 alumnos/as, 150 mestres/as, 7 inspectores/as de EXB e 10 directivas da APA.
Dende o primeiro momento tentouse que o centro fose aberto á comunidade educativa e que tanto mestre/as, como pais/nais e alumnado participaran nas decisións que afectan ao mesmo.
No primeiro curso de existencia constituíuse a APA que funcionou ininterrompidamente ata o día de hoxe, colaborando co colexio nunha serie de actividades, como excursións, clases de recuperación no verán, mestres/as de traballos manuais, ordenadores, Belén vivinte, Entroidos, etc.
A filosofía do colexio foi a de que o alumnado tivese unha gran participación na vida do mesmo e colaborara nunha serie de servizos que lle facía sentirse importante, necesario/a e responsable: monitores/as de transporte, comedor, encargados/as da biblioteca, delegados/as de curso, membros do Consello de Dirección, etc.
Nestes últimos anos o colexio mellorou e aumentou as súas instalacións dunha forma moi satisfactoria creando a biblioteca hoxe conectada na rede, unha aula de Música ben equipada, o ximnasio, a sala de profesores/as, salón de actos, a aula de Plástica, aula de informática, sala de audiovisuais, aula de psicomotricidade, Rondalla, etc. Na zona externa ao edificio o patio foi arranxado e enreixado de novo, fíxose a zona de aparcamento para os transportes, zona axardinada e recuperación e acondicionamento do todo o contorno. |
|
Neste momento o centro conta con 3 unidades de Educación Infantil e 10 de Educación Primaria.
Ten en plantilla 22 profesores/as e 240 alumnos/as cos novos tipos de ensino, cun importante esforzo de adaptación por parte do profesorado e cunha dirección preocupada por manter ao centro o máis actualizado posible nas últimas tendencias do ensino e o máis confortable posible para alumnado, pais,nais e profesorado.
O centro participa en proxectos de Medio Ambiente (“Voz Natura”), novas tecnoloxías, etc.
No curso 1998/1999 acométese a primeira gran reestruturación de espazos no edificio forzada polos cambios do ensino antes mencionados e polo deterioro causado polo paso do tempo. |
|
No curso 2004/2005 iníciase de xeito moi experimental a implantación dun plan de calidade, patrocinado pola Dirección Xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. |