Día das Letras Galegas.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro.
Historia
O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución a proposta de celebrar o 17 de maio para recoller o “latexo material da actividade intelectual galega”. Estimaban que o poemario de Rosalía era a primeira obra mestra da literatura galega contemporánea, é dicir, considerábana a primeira obra do Rexurdimento. Realmente, descoñécese a data real de publicación do libro, pero tomouse ese día pola dedicatoria autógrafa de Rosalía á tamén poetisa Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero).
Para conmemorar o primeiro día das letras publicouse unha edición crítica de Cantares gallegos, realizada por Fermín Bouza Brey. A festividade tivo un alcance e unha significación extraordinarios, e foi moi ben acollida non só a nivel literario senón tamén nos ambientes populares. Dende aquela dedícaselle o día de cada ano a unha figura significativa da literatura galega, coa única condición de que no ano da súa conmemoración teña pasado un mínimo de dez dende a data de falecemento da persoa homenaxeada.
Oficialmente, trátase dun día de carácter festivo en toda Galicia.
Autores homenaxeados:
· Rosalía de Castro (1963)
· Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1964)
· Eduardo Pondal (1965)
· Francisco Añón Paz (1966)
· Manuel Curros Enríquez (1967)
· Florentino López Cuevillas (1968) ·Antonio Noriega Varela (1969) · Marcial Valladares Núñez (1970) · Gonzalo López Abente (1971) ·Valentín Lamas Carvajal (1972) · Manuel Lago González (1973) · Xoán V. Viqueira Cortón (1974) · Xoán Manuel Pintos Villar (1975) · Ramón Cabanillas (1976) · Antón Vilar Ponte (1977) · Antonio López Ferreiro (1978) · Manuel Antonio (1979) · Afonso X o Sabio (1980) · Vicente Risco (1981) ·Luis Amado Carballo (1982) · Manuel Leiras Pulpeiro (1983) · Armando Cotarelo Valledor(1984) · Antón Lousada Diéguez (1985) · Aquilino Iglesia Alvariño (1986) · Francisca Herrera Garrido (1987) · Ramón Otero Pedrayo (1988) · Celso Emilio Ferreiro (1989) · Luis Pimentel(1990) · Álvaro Cunqueiro (1991) · Fermín Bouza-Brey (1992) · Eduardo Blanco Amor(1993) · Luis Seoane (1994) · Rafael Dieste (1995) · Xesús Ferro Couselo (1996) · Ánxel Fole(1997) · Martín Codax / Xohán de Cangas / Mendinho (1998) · Roberto Blanco Torres(1999) · Manuel Murguía (2000) · Eladio Rodríguez (2001) · Frei Martín Sarmiento(2002) · Antón Avilés de Taramancos (2003) · Xaquín Lorenzo (2004) · Lorenzo Varela(2005) · Manuel Lugrís Freire (2006) · María Mariño Carou (2007) · Xosé María Álvarez Blázquez(2008) · Ramón Piñeiro (2009) · Uxío Novoneyra (2010) · Lois Pereiro(2011) · Valentín Paz-Andrade (2012) · Roberto Vidal Bolaño (2013).
Fonte: A Galipedia, a Wikipedia en galego.
Páxina da Real Academia Galega dedicada a Roberto Vidal Bolaño.
Categories: