<logoxunta>
PROBA ORDINARIA

Estructura da proba de acceso ordinaria.
1. A proba de acceso ó grao superior das ensinanzas de música regulada no Decreto 183/2001, do 19 de xullo, constará dun único exercicio que comprenderá as partes que, para cada especialidade, se determinan no artigo 17 do dito decreto.
2. Os aspirantes realizarán a inscrición para a proba indicando a especialidade ou especialidades
polas que optan e xuntando a documentación que acredite que reúnen os requisitos académicos ou que realizaron a proba extraordinaria.
3. Os resultados faranse públicos no taboleiro de anuncios do centro.

Aspectos de carácter específico para o acceso á especialidade de composición.
A proba desta especialidade terá as seguintes partes:
a) Interpretación no instrumento principal (ou voz, no caso do canto), durante aproximadamente quince minutos, das obras que determine o tribunal dunha relación presentada previamente polo candidato.
A relación de obras deberá incluír polo menos catro obras completas de dificultade media, pertencentes aos estilos máis representativos da literatura do instrumento, libremente elixidas polo candidato.
No caso do canto, a relación constará dun mínimo de oito obras.
Non se aceptarán fotocopias das partituras.
As obras que así o requiran serán executadas co instrumento acompañante correspondente. Será responsabilidade do aspirante a presentación deste instrumentista.
O tribunal valorará a adecuación das obras elixidas ao nivel esixible para o acceso ó grao superior.
b) Presentación e defensa oral, perante o tribunal
e por un tempo de 30 minutos, de obras e traballos
realizados polo candidato.
c) Realización dun traballo harmónico-contrapuntístico, en clausura individual, con piano, e por un
tempo non superior a 5 horas.
d) Lectura a primeira vista ó piano, cun tempo de preparación, diante do tribunal, de 5 minutos só de lectura, sen execución instrumental.

Aspectos de carácter específico para o acceso ás especialidades instrumentais de canto, clarinete, contrabaixo, fagot, frauta travesa, guitarra,óboe, percusión, piano, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba, viola, violín, violoncello e instrumentos da música tradicional e popular.
A proba destas especialidades terá as seguintes partes:
a) Interpretación dun programa dunha duración aproximada de trinta minutos, integrado por obras
e/ou estudios dunha dificultade apropiada para este nivel.
A relación de obras deberá incluír obras completas pertencentes ós estilos máis representativos da literatura do instrumento, libremente elixidas polo candidato.
Non se aceptarán fotocopias das partituras.
As obras que así o requiran serán executadas co instrumento acompañante que corresponda. Será responsabilidade do aspirante a presentación deste instrumentista.
O tribunal valorará a adecuación das obras elixidas ó nivel esixible para o acceso ó grao superior.
b) Análise formal, harmónica, estilística e historicista dunha obra ou fragmento proposto polo tribunal.
A realización deste exercicio farase en convocatoria colectiva e por un tempo máximo de 2 horas.
c) Lectura a primeira vista, cun tempo de preparación, ante o tribunal, de 5 minutos só de lectura,
sen execución instrumental.

Cualificación da proba de acceso ordinaria.
1. A proba de acceso ordinaria cualificarase entre cero e 10 puntos, valorándose globalmente as diferentes partes que a configuran, sendo necesario para a súa superación ter obtido unha cualificación igual ou superior a 5 puntos.
2. De ser o caso, as diferentes partes que configuran a proba poderán estar previamente ponderadas, de acordo co grao de relación de cada unha delas coas características da especialidade que se desexa cursar. Os conservatorios farán públicos coa suficiente antelación os criterios sobre a ponderación da proba.

( Diario Oficial de Galicia, orde 26-01-04, artigos 6,7,8,9 )

 
Conservatorio Superior de Música de Vigo •Manuel Olivié, nº 23 •36203 VIGO
Telf: 986 471144 • Fax: 986 481 807 • cmus.vigo@edu.xunta.es