Lois Pereiro

 

A RAG escolleu ao poeta monfortino Lois Pereiro para homenaxear ás letras galegas no 2011. Grazas á iniciativa da Academia, este poeta de culto para unha minoría que o coñecía e admiraba pola súa intensidade lírica, pasou a ser un autor popular despois de que se fixeran moitísimas actividades en toda Galicia cun fervor que non despertaran autores antes homenaxeados. A parte de recitais, conferencias, exposicións e edicións dos seus libros, así como traducións ao castelán e inglés, estudos da súa obra, etc.; este poeta punk foi evocado a través de grafittis nas paredes das cidades, de manifestacións no seu honor levando un poema na pancarta, de traballos audiovisuais como o documental Contra a morte, ou a recuperación dunha entrevista na TVG do ano 1989. Cabe destacar o espectáculo Mundo Lois que percorreu as cidades e vilas galegas levando a música rock os seus poemas...

            Desde o inicio do curso fomos facendo enlaces a vídeos, audios, textos, etc. Logo a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística como no curso anterior elaborou unha interesantísima páxina web onde podemos acceder a todos os recursos feitos nos centros de ensino.

            Nós, pola nosa parte e coma todos os anos en colaboración co Concello de Brión fixemos actividades en conxunto: conferencia do escritor monfortino Antón Lopo e agasallos do seu libro sobre Lois Pereiro, performance de Serafín Marcos, teatro e estivo o músico de Milladoiro Xosé V. Ferreirós falándonos da música tradicional galega.

            Quixemos facerlle unha homenaxe multitudinaria relacionándoo coa actividade anual do centro, adicado este curso aos bosques. Que mellor que a carballeira de Santa Minia para celebralo con lendas, creacións literarias, humor e música rock!!!