A ESENCIA HUMANA DUN SER SEN NOME

ANA SOUTO VILLANUSTRE - 2º BACHARELATO A Brión 29 ABR 2013

Rousseau, filósofo francés da Ilustración, defendía que o ser humano é bo por natureza, pero que nunha sociedade corrupta esa bondade non pode converterse nunha realidade.

Trala lectura da novela Frankenstein e o moderno Prometeo de Mary W. Shelley, decateime de que pode que Rousseau tivera razón. Nesta obra clásica o doutor Víctor Frankenstein xoga a ser Deus e no seu laboratorio dá vida a unha criatura monstruosa formada por partes do corpo pertencentes a persoas xa mortas. Aterrorizado pola visión da criatura, escapa e abandona ao monstro á súa sorte. Este ser, que nin tan sequera fora bautizado cun nome, deambula sen un rumbo fixo, pero ao longo da súa viaxe enfróntase ao rexeitamento da xente, posuída polo medo provocado polo aspecto físico da criatura. Finalmente chega ata unha pequena cabana na que vive unha familia humilde e agóchase no alpendre. A través da fiestra observa aos habitantes da casa (unha moza, o seu irmán e un ancián cego). A criatura que fora creada polo doutor Víctor Frankenstein considéraos como a súa familia e grazas a eles aprende a falar. O seu corazón era puro amor e bondade, un amor que ansiaba compartir coas tres persoas ás que tanto tempo levara observando e ás que tiña gañas de finalmente coñecer en persoa. Sen embargo, tamén será rexeitado polas únicas persoas coas que durante un curto tempo fora feliz e o desalentador encontro, causará unha enorme conmoción na criatura, converténdoo nun auténtico monstro, no monstro que terá como meta vingarse do seu creador.

Este ser era bondadoso por natureza, o que demostra que o seu interior tiña certa esencia humana, pero a sociedade corrompeu ese amor, esa tenrura e esa dozura iniciais. A sociedade rexeitouno simplemente polo seu aspecto físico e fixeron del o monstro que xamais se propuxera ser. A criatura vivía na súa propia cárcere e estaba suxeita ás cadeas dunha sociedade que non lle deixaba vivir con liberdade e compartir cos demais a súa bondade. “O home naceu libre, pero vaia a onde vaia, atópase suxeito con cadeas”.