UNHA NOVA ATLÁNTIDA
ana souto villanustre - 2º bacharelato A Brión 29 ABR 2013
Platón, a través da Atlántida, pretendía recrear unha sociedade ideal. A pesar dos séculos que pasaron dende que escribiu o mito da lendaria illa, a Atlántida está máis presente que nunca.
O ser humano sempre aspirou ao mellor e a súa vida baseouse na busca da plenitude e felicidade máxima. Esa sociedade perfecta e utópica que Platón describiu, representa nada máis e nada menos a sociedade que tanto tempo levamos buscando e que nos achegaría a felicidade tan desexada.
Por moito que pretendamos crear unha sociedade perfecta, a nosa sociedade está moi afastada da fabulosa illa platónica. Vivimos nun país que se está a enfrontar a unha potente crise económica e non só iso, senón que en canto á situación política, a cada día que pasa sae á luz un novo escándalo ou caso de corrupción. O paro aumenta de forma arrepiante, alcanzando cifras históricas e os mozos, futuro de España, teñen que coller a maleta co obxectivo de encontrar mellores oportunidades no estranxeiro. Se a xuventude abandona o país, quen se vai encargar de fixar as bases desa sociedade idílica?
O que agora mesmo predomina é o medo, o desespero e a falta de confianza na clase política. Cando eles cambien, cando deixen de moverse polos seus propios intereses e pensen na sociedade, entón si poderemos falar dunha nova Atlántida
